Con Dorado e Ayuso ou coas nais da droga e Casado: o lugar de Feijóo segundo o libro de Sánchez

Presentación do libro 'Tierra firme' de Pedro Sánchez este luns en Madrid © @sanchezcastejon

Entre as poucas referencias a Galicia que fai en Tierra firme, o socialista reflexiona sobre as "hipotecas" do ex-presidente da Xunta e o seu xeito de ascender en política

"Como acada cada un a posición que ocupa, en política, é moi relevante, porque é un indicador de cales serán as lealdades e hipotecas desas persoas no exercicio do seu cargo". A frase é do libro Tierra firme (Península) que Pedro Sánchez presentou este luns en Madrid como unhas memorias en curso dos seus anos no Goberno de España e a xeito de continuación da súa anterior obra, Manual de resistencia, na que relataba os anos previos. O novo libro, como o anterior, ten poucas referencias a Galicia, pero entre elas destacan diversas reflexións sobre as "hipotecas" de Alberto Núñez Feijóo durante a súa carreira política, entre elas a súa amizade con Marcial Dorado e a súa chegada á presidencia do PP estatal por apoiar á madrileña Isabel Díaz Ayuso fronte as acusacións de corrupción do anterior líder popular, Pablo Casado.

'Tierra firme' (Península), de Pedro Sánchez © Editorial Península

O novo libro de Sánchez recolle explicacións e mesmo xustificacións das súas decisións no Goberno de España e no PSOE nos algo máis de catro anos pasados desde a anterior obra. Faino comezando polo final, cun prólogo de contextualización das eleccións xerais do 23 de xullo, para despois remontarse ao comezo da pasada lexislatura e ila recorrendo cronolóxicamente, desde a chegada da pandemia da COVID-19 ata a guerra de Ucraína e as súas consecuencias internacionais.

Sánchez comeza lembrando o debate televisado da pasada campaña electoral con Feijóo e di que "ao orientarse a atención cara a súa dubidosa fiabilidade, era inevitable que xurdira o asunto máis turbio que ten, Marcial Dorado"

Ao igual que en Manual de resistencia, neste novo libro apenas hai referencias directas a Galicia, pero a figura de Alberto Núñez Feijóo acaba facendo que algunha circunstancia social ou política do país acabe plasmada no papel. Na anterior obra Sánchez consideraba que a vitoria electoral de Feijóo en Galicia en 2016 pouco despois das xerais daquel mesmo ano gañadas por Rajoy desencadeara a súa saída temporal da secretaría xeral do PSOE. Pero agora Feijóo e o seu pasado teñen moito máis protagonismo. 

Así ocorre ben ao comezo do libro, cando Sánchez lembra o seu único debate televisado con Feijóo da pasada campaña electoral do 23X. O socialista admite que a súa actuación non foi boa, pero considera que as diversas inexactitudes e mesmo mentiras que lanzou nel o seu opoñente acabaron pasándolle máis factura ao popular nos días seguintes. E nese contexto non tarda de aparecer o pasado de Feijóo en Galicia, xa que segundo Sánchez "ao orientarse a atención cara a súa dubidosa fiabilidade, era inevitable que xurdira o asunto máis turbio que ten ás súas costas: a súa relación co narcotraficante Marcial Dorado". 

Feijóo, xunto a Marcial Dorado, nunha das fotografías coas que 'El País' revelou a súa amizade de anos © El País

Para o socialista, "en calquera outro país de Europa impediríalle presentarse a unhas eleccións, incluso ás menos relevantes politicamente". Por iso, ao seu ver a presenza de Feijóo á fronte do PP estatal "fala mal" do propio partido por acollelo "con tanto entusiasmo, sabendo que carga con ese fardo". Sánchez lembra que "Feijóo nunca foi quen de dar unha explicación plausible da súa relación co narcotraficante", mentres que segundo di "todos en Galicia sabían quen era Dorado".

Á relación de Feijóo con Marcial Dorado volve novamente Sánchez contra o final do libro, ao falar das dificultades para chegar a acordos co principal partido da oposición, nomeadamente para a renovación do Poder Xudicial. O socialista chega a ese punto tras reflexionar sobre o xeito en que tanto el como o popular acadaron os seus actuais postos, e mentres que atribúe o seu ascenso en política á militancia do seu partido, di que o de Feijóo é froito do apoio de "certos estamentos poderosos". 

Portada de 'El País' que en 2013 revelou a amizade de Feijóo con Marcial Dorado nos anos 90 © El Páis

 "Naquela Galicia houbo xente que estivo coas nais e houbo outra que tomaba o sol no iate dun narcotraficante. Cada cal elixe de que lado está", di Sánchez no libro

"Como acada cada un a posición que ocupa, en política, é moi relevante, porque é un indicador de cales serán as lealdades e hipotecas desas persoas no exercicio do seu cargo", di Sánchez, que en relación á renovación frustrada do Poder Xudicial considera que Feijóo "cando lle mandan, obedece". "Porque ten hipotecas. Algunhas son as habituais da dereita e outras son propias", engade o socialista, que xusto a continuación lembra a serie Fariña. Ao seu ver "describe á perfección a maridaxe entre o narcotráfico e a política galega, unha forma letal de corrupción só impugnada polas nais que vían os seus fillos morrer vítimas das drogas". E sentencia: "Naquela Galicia houbo xente que estivo coas nais e houbo outra que tomaba o sol no iate dun narcotraficante. Cada cal elixe de que lado está. Cando Feijóo decidiu silenciar a corrupción no seu partido non o fixo tapando o nariz: hai tempo que sabe o seu lugar".

A esa reflexión ligando o narcotráfico en Galicia e a corrupción no PP chega Sánchez tras diversas lembranzas sobre o xeito en que el mesmo chegou ao Goberno tras unha moción de censura contra Mariano Rajoy polo caso Gürtel que acabou derivando tamén en sucesivas mudanzas na formación popular. O socialista lembra que entre Rajoy e Feijóo o PP foi presidido por Pablo Casado, cuxa caída desencadeouse ao sinalar "á presidenta da Comunidad de Madrid e o lucro dos seus familiares en plena pandemia". Sánchez di que os baróns populares "consideraron intolerable o seu atrevemento de denunciar a corrupción dentro do seu partido". "O home utilizado para silenciar aquelo foi Feijóo", lembra, e conclúe asegurando que "isto xa di bastante del: indica que a corrupción segue sendo un gran asunto pendente do PP".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.