Candidatos e candidatas aproveitan a xornada previa aos comicios para seguir amosándose en público pero xa sen poder pedir o voto
Tras unha das campañas máis intensas que se lembran, a máis dura cando menos desde hai década e media, a xornada de reflexión do sábado, na que está prohibido pedir o voto, está a ser empregada polos candidatos e candidatas fundamentalmente para descansar, estar coa familia e practicar ou ver deporte. Iso si, deixándose ver, porque a prohibición de pedir o voto non impide seguir amosándose en público ou divulgar fotos de todo tipo para lembrar á cidadanía que seguen existindo e, implicitamente, que os poden votar.

Os principais candidatos e candidatas a este 18F, Alfonso Rueda, Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro, participaron pola mañá nunha homenaxe en Marín aos mariñeiros falecidos no afundimento hai dous anos do Villa de Pitanxo. Ademais, Rueda, paseou coa familia polo monte Pedroso, en Santiago, nas proximidades da residencia presidencial de Monte Pío, e pola tarde prevía asistir ao partido de fútbol entre o Celta e o Barcelona.

Tras o acto en Marín, Pontón estivo en Santiago nunha sesión vermú con amizades e familia e pola tarde tamén pensaba asistir en Balaídos ao encontro entre o Celta e o Barcelona.
E a ese mesmo partido contaba con ir tamén Besteiro, que tras o acto en Marín aproveitou para tomar un café nesa vila con compañeiros e compañeiras e dedicou o resto do día a descansar.

O deporte, pero máis intenso, tivo tamén cabida na xornada de reflexión da candidata de Sumar, Marta Lois, que se tirou en parapente en Portosín.
