"Teñamos Galicia en paz". Tres días antes da Noiteboa, Alfonso Rueda confirmaba que o PP decidira adiantar as eleccións galegas ao 18 de febreiro. Tras menos de dous anos ocupando a presidencia en substitución de Alberto Núñez Feijóo, Rueda afanouse, en diversas declaracións, en reiterar que a decisión de chamar ás urnas medio ano antes da fin da lexislatura fora súa e non do ex-presidente na súa condición de líder estatal do PP. A el, viña xustificar Rueda, non lle adiantaran as eleccións como a Manuel Fraga en 2005.
O certo é que diversas fontes do partido e da Xunta xa viñeran anticipando o 18F como data máis probable. A, por exemplo, diversos sectores que mantiñan vivos conflitos co Goberno galego para lles anticipar posibles solucións, resolucións de axudas ou acordos para as primeiras semanas de 2024. Como así sucedeu.
Tras un remate do verán no que pasearan o seu candidato por diversas vilas a bordo dun autobús que servía cañas de cervexa -sen alcohol- baixo o lema Galicia non para, os populares recibiron o Nadal con chamada ás urnas e propaganda que, bordeando ou transgredindo a legalidade electoral, apelaba a ter "Galicia en paz" fronte a un suposto caos da esquerda. E de aí ás festas: Nadal, Aninovo, Reis... E campaña no Entroido. Unha nova aposta por unha carreira electoral de perfil baixo, en paz, para esconxurar a eventual pulsión de cambio.
O PP decidiu adiantar as eleccións e formular unha campaña de perfil baixo, "en paz", para esconxurar a eventual paixón de cambio. Pero cos pellets empezaron a aparecer as pantasmas
Pero cando os magos de Oriente estaban a piques de repartir os agasallos, chegaron os pellets. En realidade, o mercante Toconao perdera a carga case un mes antes, pero foi nos primeiros días de xaneiro cando o problema medioambiental virou nunha crise política para a Xunta por motivos dispares. Entre outros, o feito de que unha influencer que tamén é bióloga, alcumada Blondiemuser, decidise utilizar o seu gran altofalante nas redes sociais para dar eco ás alertas que viña lanzando ao respecto o colectivo ecoloxista Noia Limpa.
E ao Goberno do PP aparecéronselle as pantasmas. Concretamente, as pantasmas do Prestige. Non porque o accidente fose equiparable en termos de impacto na costa, pero si porque o seu xeito de actuar -dende a minimización ás demoras, pasando polas acusacións a terceiros- activou resortes dalgunhas das súas memorias máis temidas.
O asunto das bólas plásticas non durou moito como tema de campaña malia que mesmo nos últimos días foi ficando constatado, entre outros aspectos, que a Xunta non contou toda a verdade a respecto do dispositivo de barcos e helicópteros que puxo en marcha para a recollida. Pero si durou o xusto como para aguilloar a esquerda e contribuír a alimentar a para o PP temida pulsión de cambio, cuxa ausencia foi unha das principais aliadas dos de Feijóo e Rueda na última década e media. É máis probable que nada mude se quen quere a mudanza a observa como imposible.
Quen aspira a reter o poder lanzouse á campaña buscando o perfil da xestión rutineira. Enfronte, un BNG con Ana Pontón desbordando os marcos e con cifras "nunca vistas" de valoración cidadá
E chegou a campaña. Quen aspira a reter o poder lanzouse a ela tentando mantela no carreiro do administrativismo, do perfil baixo, da xestión rutineira: "a Galicia que funciona". Enfronte, sobre todo, un BNG con Ana Pontón desbordando sobradamente os marcos temáticos e mesmo estéticos da formación soberanista mentres diversos inquéritos apuntaban que o desborde pode chegar tamén nas urnas. Na contorna da dirección nacionalista aseguran percibir sensacións inéditas, alimentadas por cifras "nunca vistas" de valoración cidadá para a súa candidata. Unha Pontón convencida de que pode ser presidenta tras o 18F.
O bo desempeño do Bloque na campaña e as altas expectativas da súa líder estreitaron o campo ao PSdeG que, co recuperado José Ramón Gómez Besteiro á fronte, ollaba ao 18F con esperanzas de crecemento malia ao escaso tempo co que o seu candidato contaba para incrementar o coñecemento e, por extensión, a valoración cidadá. Non obstante, o xeito de actuar dos socialistas foi outro dos feitos diferenciais e, se cadra para algúns, tamén inesperados desta contenda electoral.
Besteiro contou dende o comezo e ata o final co apoio pechado e sen dúbidas da dirección federal do PSOE, a comezar polo presidente do Goberno de España e secretario xeral do partido, Pedro Sánchez. E ese apoio político, material, comunicativo e loxístico non minguou -ao contrario- aínda que a demoscopia apuntase que, en caso de gobernar a esquerda, o PSdeG será a parte minoritaria da coalición. Sánchez, ministras e ministros e diversos cargos non afrouxaron na aposta galega pedindo o voto para as súas siglas, pero tamén para o cambio.
Besteiro contou de inicio a fin co apoio pechado e sen dúbidas da dirección federal do PSOE. Sánchez, ministras e ministros non afrouxaron na aposta galega a prol do cambio malia á expectativa de seren socios minoritarios nun eventual Goberno da esquerda
As esperanzas socialistas de que o veredito das urnas non sexa tan desfavorable para o PSdeG como apuntaban algunhas enquisas antes do veto á súa publicación aliméntaas tamén outro dos elementos inesperados e novidosos deste 18F. Mentres o PP semellaba non lograr que a campaña de Rueda acabase de carburar, alternando estratexias entre a institucionalidade de baixo perfil e o ataque frontal contra Pontón -á que deron en ligar con ETA-, o ex-presidente Feijóo desembarcou coa súa propia caravana electoral como xa fixera Mariano Rajoy en 2009. Pero, ao contrario do sucedido daquela, o agora xefe de filas do partido non acudiu a Galicia só a traballar para o seu candidato.
Desa caravana 'B' do PP saíu outro dos fitos da campaña: Feijóo considerou adecuado reunir no restaurante España de Lugo a ducia e media de xornalistas de medios editados en Madrid e revelarlles, a apenas unha semana das eleccións, que se chegase o caso estaría disposto a considerar un indulto ao ex-presidente catalán Carles Puigdemont baixo certas condicións. No PSOE coidan que ese inusitado movemento os pode axudar a mobilizar parte do electorado urbano que os apoiou nas eleccións xerais e que podería quedar na casa nas galegas.
A atonía de Rueda no debate electoral da CRTVG, a súa ausencia no de RTVE e en todos os demais aos que foi convidado -ausencia que se estende á petición de entrevista por Praza.gal, como xa acontecera con Feijóo nos 12 anos de existencia deste xornal-, o entusiasmo en torno a Pontón ou a intensidade do apoio da dirección federal do PSOE axudaron a manter vivas as esperanzas dun cambio no que tamén aspira a participar Sumar, a formación liderada por Marta Lois que defende ser clave para compoñer unha maioría de esquerdas cun escano por cada provincia atlántica.
A poucas horas do remate BNG e PSdeG coincidiron nunha expresión: "Chegou o momento". Hai quince anos foi o lema elixido polo PP para a campaña na que lograron situar a Feijóo na presidencia
Non obstante, algúns cálculos apuntan a que o partido de Yolanda Díaz podería ser vítima da decantación de sufraxios de cambio cara ao Bloque e o PSdeG. Neste contexto tampouco lle é favorable o feito de que tamén concorra Podemos malia á súas posibilidades remotas de obter representación. Contra ambas formacións xoga igualmente a barreira do 5% que a lei de eleccións fixa como mínimo para optar a ter escanos e, por extensión o temor no electorado progresista de optar por opcións a prol da mudanza política que poidan non ter asento no Pazo do Hórreo.
Este venres, a poucas horas do remate da campaña, as contas oficiais de BNG e PSdeG nas redes sociais coincidiron nunha expresión: "Chegou o momento". Defenderon así ao unísono as posibilidades do cambio progresista parafraseando o lema electoral do PP en 2009, o da durísima campaña coa que conseguiron situar a Alberto Núñez Feijóo na presidencia.
Os temores non son exclusivos do PP. Tamén existen na esquerda: á frustración colectiva se o cambio non chega por unha presada de votos ou pola influencia de dúas siglas: DO e CERA
Fixérono mentres aínda ecoaban nos titulares as palabras grosas da madrileña Isabel Díaz Ayuso no seu mitin de apoio a Rueda en Vigo -segundo algunhas análises, celebrado para tentar taponar fugas de votos cara á extrema dereita de Vox-. Tamén mentres non ocultan temores á frustración colectiva se a perda da maioría absoluta do PP non chega a causa dunha presada de votos ou se chega, pero o cambio de Goberno vira inviable por mor dunha ou dúas siglas: DO (Democracia Ourensana) ou CERA (Censo Electoral de Residentes Ausentes).
Mentres, Rueda pecha a campaña do PP no mesmo pavillón ourensán onde o fixo Manuel Fraga nas eleccións galegas de 2005. Dous días despois daquel mitin principiou a fin do fraguismo.