O candidato popular teima en recorrer a ETA como baza electoral tras empregala de xeito reiterado como presidente da Xunta como estratexia de defensa dalgunhas das súas medidas máis polémicas
Nas primeiras eleccións xerais de 2019, as de abril, o daquela candidato do PP, Pablo Casado, asistiu a unha comida-mitin en Nemenzo, parroquia do rural de Santiago, na que deixou unha frase que sorprendeu a uns cantos dos presentes. O líder popular comparou o número de asistentes ao acto, preto dun milleiro, co número de persoas asasinadas pola banda terrorista ETA, disolta medio ano antes.
Aquel era un Casado do que Feijóo e o seu equipo tentaban distanciarse, pero catro anos máis tarde ETA segue a ser empregada en campaña electoral polo agora candidato popular, como fixo de xeito reiterado durante os seus 13 anos de presidente da Xunta. Un comodín que esgrimiu como estratexia de defensa ante as críticas recibidas por algunhas das súas medidas máis polémicas.
Tras máis de 850 asasinatos, ETA declarou un alto o fogo permanente en xaneiro de 2011, en outubro daquel ano anunciou o cesamento definitivo da súa actividade armada e en outubro de 2018 deuse por disolta. Durante os seus anos de actividade foron reiteradas as acusacións da dereita galega a BNG e mesmo PSdeG dalgún tipo de conivencia co terrorismo ou coa violencia política -en 2005 Manuel Fraga, obxectivo no pasado de ETA, chegou a dicir que "unha coalición PSdeG-BNG podería facilitar a chegada do terrorismo a Galicia"-. Pero esas acusacións non cesaron nin cando ETA deixou de actuar, período no que Feijóo desenvolveu a maior parte dos seus gobernos.
Feijóo acusou a distintos grupos da oposición de seren "amigos de Resistencia Galega", "tibios" co terrorismo ou "exercer a maior violencia en 30 anos de democracia"
En 2014, durante a campaña das eleccións europeas daquel ano, con Alternativa Galega de Esquerdas (AGE) xa no Parlamento de Galicia e Podemos en ascenso a nivel estatal, Feijóo cargou contra esas formacións e contra o BNG pedindo o voto para que non representasen a Galicia na Eurocámara "nin os amigos de Bildu nin os de Resistencia Galega". De nada serviran reiteradas condenas previas da violencia por parte desas formacións, requisito por outra parte imprescindible para que un partido sexa legal.
Poucas semanas despois o propio Feijóo relativizaba a violencia de ETA e mesmo a situaba por detrás dos ataques verbais que el mesmo recibía no Parlamento de Galicia. Nunha sesión de control na Cámara o popular escandalizábase porque a daquela portavoz de AGE, a agora candidata estatal de Sumar, Yolanda Díaz, citase a expresión do sociólogo Max Weber referente a que o Estado se reserva o "monopolio da violencia". Feijóo empregou a cita de Díaz para amosarse indignado e acusar a AGE de "exercer a maior violencia que tivemos en trinta anos de democracia". Sen matices.
ETA e Resistencia Galega volveron periodicamente ao Parlamento de Galicia cando xa non operaban con sucesivas iniciativas do PPdeG para tentar marcar a axenda política e provocar supostas incomodidades aos partidos de esquerda. E Feijóo en persoa volvería tirar delas nos anos seguintes. Como en 2019, cando nunha sesión plenaria a portavoz do BNG, Ana Pontón, reprochou ao popular o pacto que dera a alcaldía de Ourense a Gonzalo Pérez Jácome tras asegurar o propio Feijóo que esa posibilidade sería "letal" para a cidade. Ante esa crítica, a resposta do popular a Pontón foi acusar o BNG de "tibio" co terrorismo por concorrer ás eleccións europeas daquel ano con Bildu, coalición integrada por diversos partidos, entre elas formacións que loitaran durante anos contra ETA.
Cando en 2019 Pontón acusou a Feijóo de "violencia institucional contra as mulleres" por pechar o paridoiro de Verín o presidente respondeu criticando a "escalada de radicalización do BNG, socios de Bildu, o partido dos ex-etarras"
Uns meses máis tarde o comodín de ETA volveu ser esgrimido por Feijóo cando a oposición cargou no Parlamento contra a súa decisión, despois rectificada, de pechar o paridoiro do hospital de Verín. Pontón cualificou a medida como "violencia institucional contra as mulleres", o que fixo que Feijóo retrucase criticando a "escalada de radicalización do BNG". "Vostedes son socios de Bildu, o partido dos ex-etarras", dixo o popular, que xa daquela estendía o concepto de "socios de Bildu" a socialistas e outras formacións de esquerda.
"Tamén hai outros socios de Bildu que me van preguntar por Verín", dixera naquela mesma xornada ante as seguintes preguntas por esa mesma crise política que recibiría de PSdeG e o grupo Común da Esquerda. Agora, nunha nova campaña electoral, Feijóo volve tirar do mesmo comodín.