Dos buses que se suprimirán ao futuro da canteira de Casalonga: as polémicas exposicións públicas que a Xunta fixo en vacacións

Varios dos anuncios de exposición pública emitidos este verán pola Xunta CC-BY-SA Praza Pública

Concellos, colectivos sociais, empresas e partidos critican que o Goberno galego combata a conflitividade dos seus proxectos elixindo datas nas que resulta máis difícil estudar os documentos e formular alegacións

Nos próximos meses centos de paradas e liñas de autobús interurbano de toda Galicia verán suprimidos ou ampliados os seus servizos no marco da reestruturación xeral do transporte público por estrada que está a acometer a Xunta obrigada por una sentenza do Tribunal Supremo. A maioría deses cambios, en complexos e voluminosos documentos técnicos, sometéronse a información pública o pasado 23 de xullo por un período de 20 días hábiles, o que levou a concellos, colectivos veciñais, partidos, sindicatos e empresas de toda Galicia a protestar, de momento sen éxito, polos tempos elixidos pola Xunta, en pleno verán, cando máis difícil lles resulta estudar os cambios e formular alegacións polas vacacións das persoas cualificadas para facelo. Pero o dos buses non é o único caso, porque o Goberno galego, como vén facendo hai anos, elixiu o verán para a exposición pública doutras moitas normas ou proxectos polémicos.

Rexistro central da Xunta en San Caetano CC-BY-SA Xunta de Galicia

Xa ao chegar á Xunta hai unha década o Goberno de Feijóo elixiu o verán para expoñer ao público os dous principais documentos de planificación territorial de Galicia

Xa ao chegar á Xunta hai unha década o Goberno de Feijóo elixiu o verán para expoñer ao público os dous principais documentos de planificación territorial de Galicia, as Directrices de Ordenación do Territorio e o Plan de Ordenación do Litoral, sometidos a alegacións da cidadanía durante as vacacións de 2010. Documentos con anos de demora nos que a urxencia ou o vencemento de prazos xa non deberan ser argumentos para a súa exposición en verán, como sucedeu o ano pasado co decreto que regula a Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga). A lei establecera en 2013 que debía estar listo seis meses máis tarde, pero tras catro anos de atraso a Xunta acabou elixindo o mes de agosto para sometelo a alegacións. O mesmo ocorre agora coa reestruturación das liñas de autobús sometida a información pública en pleno verán malia os atrasos que foi sufrindo plan de transporte. 

Tamén en agosto a Xunta someteu a información pública varios documentos supostamente chamados a aumentar a protección ambiental en diversos eidos que colectivos ecoloxistas sospeitan que poden agochar escaso alcance ou excepcións que reducirían a súa eficacia. É o caso do proxecto da Estratexia Galega de Economía Circular, a exposición pública desde o 2 de agosto por un mes, a proposta de declarar Reserva da Biosfera a Ribeira Sacra e as serras do Oribio e Courel, en información desde o 9 de agosto tamén por un mes, o plan de ordenación e o plan reitor de uso e xestión do Parque Natural do Monte Aloia, exposto desde o 14 de agosto por 15 días hábiles, ou a revisión do Plan Hidrolóxico da demarcación Galicia-Costa, a información ambiental desde o 7 de agosto por dous meses. Outra das polémicas do verán foi o futuro da canteira de Casalonga, en Teo, que se quere converter en planta de residuos malia a oposición da veciñanza. A Xunta vén de sacar a exposición pública o seu plan de restauración o 21 de agosto

En varios casos, como o plan de transporte ou o regulamento da lei da paisaxe, son documentos con anos de demora nos que a urxencia ou o vencemento de prazos xa non deberan ser argumentos para a súa exposición en verán

Xa en xullo se someteu a exposición pública, o día 16 e por un mes, o regulamento que desenvolve a lei de protección da paisaxe. A lei é de 2008, pero máis dunha década despois a Xunta elixiu o verán para someter a alegacións o seu regulamento. Tamén en xullo, malia publicitalo a Xunta como un dos seus grandes proxectos de lexislatura, se someteu a exposición pública o anteproxecto de Lei de impulso demográfico (desde o 3 de xullo por 15 días hábiles).

E igualmente en xullo, o día 26 por dous meses, expúxose o proxecto de Lei de acción exterior e cooperación para o desenvolvemento ou o proxecto alternativo co que a Xunta renunciou a executar parte do polémico corredor do Baixo Miño que xa fora prometido polo propio Feijóo tras o Prestige. Novamente, tras anos de demora, o verán foi o momento elixido para que o Goberno galego sometese as súas ideas á opinión da cidadanía.

Estación de autobuses de Santiago © Monbús

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.