En Marea disólvese catro anos despois da súa fundación

Último acto de campaña, o pasado 10 de xullo, de Pancho Casal, candidato da coalición Marea Galeguista na que estaba integrada En Marea © Marea Galeguista

A formación creada inicialmente como partido instrumental e que chegou a ser segunda forza nas galegas de 2016 inicia o proceso da súa desaparición tras obter o 0,22% dos votos o 12 de xullo

No ronsel dos resultados electorais de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) en 2012 e das mareas municipais en 2015, a finais de xullo de 2016 as mareas locais, Esquerda Unida e Anova decidían constituír un partido instrumental ao que pouco despois se uniría Podemos e que, co nome de En Marea e co maxistrado Luís Villares como candidato, conseguiría ser segunda forza nas eleccións galegas do 25 de setembro dese ano, co 19% dos votos. Catro anos despois, este sábado 26 de setembro o que quedaba daquela formación, que nas galegas do pasado 12 de xullo, xa sen Villares nin boa parte das forzas que a impulsaran, conseguíu apenas o 0,22% dos votos baixo a marca Marea Galeguista, decidiu iniciar o proceso da súa disolución.

Marea Constituínte reunida en Vigo en xullo de 2016 que decidiu a creación do partido instrumental En Marea Dominio Público En Marea

A crise interna de En Marea comezou pouco despois das galegas de 2016, a medida que as súas distintas correntes comezaban a atacarse máis ou menos publicamente. Un ano despois a división xa era patente nas votacións dun plenario que ratificaron o control da formación por parte da executiva que encabezaba Villares e que supuxo o progresivo afastamento da formación por parte dos sectores máis críticos. 

As xerais de abril de 2019, primeiras eleccións nas que En Marea competiu cos seus antigos socios, déronlle o 1% dos votos; xa non se presentou á repetición dos comicios de novembro e en febreiro Villares deixaba a política

Escindidos finalmente para as eleccións xerais de abril de 2019, os primeiros comicios nos que En Marea competiu cos seus antigos socios deparáronlle o 1% dos votos en Galicia. Para a repetición dos comicios xerais de novembro do mesmo ano o partido decidiu xa non presentarse e o pasado febreiro Villares deixaba a política. Dous días despois En Marea anunciaba que non se presentaría ás eleccións galegas daquela convocadas para o 5 de abril, admitindo que iso comprometía “a mesma finalidade” do partido. Pero tras o adiamento da convocatoria polo coronavirus mudou de opinión e optou por presentarse aos comicios do 12 de xullo co ex-deputado Pancho Casal como candidato e baixo a marca Marea Galeguista, coalición con Compromiso por Galicia e o Partido Galeguista. O resultado foi o 0,22% dos votos.

Agora o medio cento de inscritos que participaron no plenario extraordinario celebrado este sábado en Teo decidiron iniciar os trámites de disolución da formación, que será progresiva para seguir prestando apoio ás candidaturas municipais que aínda estaban vinculadas ao partido.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.