Baltar coincide con BNG e PSdeG en que votar as listas municipais do PP é votalo a el para a Deputación: “o voto vale dobre”, salienta
A muller e a filla do chofer de José Manuel Baltar foron identificadas pola Deputación de Ourense como as condutoras dun dos coches oficiais que emprega o presidente da institución cando foi detectado con exceso de velocidade en dúas ocasións en 2021 e 2022. Así o revela este venres Radio Ourense-Cadena Ser, que o pasado luns xa contou que na mesma viaxe en que o presidente provincial foi parado por circular a 215 quilómetros por hora noutro coche oficial xa fora detectado por outro radar unha hora antes a 173.
Segundo a emisora radiofónica, o Audi A-6, un dos coches que adoita empregar Baltar, foi detectado nunha das ocasións a 179 quilómetros por hora e noutra a 171, e tras recibir os correspondentes requirimentos para que identificase o condutor a Deputación de Ourense facilitou os nomes da muller e a filla do chofer do presidente.
Logo de coñecerse a información xornalística, fontes da Deputación de Ourense informaron de que viña de abrirse un expediente informativo para aclarar o ocorrido e que o secretario xeral da institución pedira explicacións ao chofer en cuestión, tamén antigo xefe do parque móbil, xubilado o pasado decembro. Este, segundo esas fontes, “asumiu a súa mala praxe na xestión do parque móbil, lamentando os posibles danos causados á institución co seu proceder”. Esas mesmas fontes da Deputación aseguraron que nas tres ocasións anteriores en que Baltar recibiu unha multa ao volante dun coche oficial “resolveuna persoalmente”.
Baltar presenta o seu goberno na Deputación de Ourense, que aspira a revalidar, como "líder en transparencia"
Tras lograr adiar o seu xuízo penal por circular a 215 por hora a despois das eleccións, ese asunto está a ser obviado polo presidente provincial e minimizado polo resto de cargos do PP. Mentres, o propio Baltar está a dar a razón nos seus mitins ao resto de partidos políticos, que nesta campaña veñen asegurando que votar as candidaturas municipais do PP en cada concello da provincia de Ourense é “votar a Baltar”.
Desde o BNG reclamouse nesta campaña o voto nos concellos ourensáns para “facer dimitir a Baltar”, e o PSdeG mesmo divulgou un vídeo no que unha muller fai ver a un veciño que “votar ao PP é votar a Baltar”, ligándoo coa súa condución a alta velocidade do coche oficial.
Pero o propio Baltar potencia esa ligazón. Segundo el mesmo di, “este domingo o voto vale dobre” porque con el pretende acadar “a maioría absoluta na Deputación”. Un goberno provincial que presenta como “líder en transparencia, que aproba os seus orzamentos antes que ninguén e que está preparado para seguir construíndo Ourense”.