Feijóo acusa a Pontón de querer manipular a mocidade e ao PSOE de que a Xunta non promova máis vivenda pública

O presidente Feijóo na sesión de control deste mércores CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

A oposición coincide en cuestionar a ineficacia da política de vivenda do Goberno galego e o presidente pon o foco nas rebaixas de impostos

Un mércores máis o presidente Feijóo virou a sesión de control do Parlamento á Xunta nunha sucesión de reproches pola súa parte á oposición, o Goberno de España ou os gobernos locais que non son do PP. Desta volta os portavoces de BNG e PSdeG, Ana Pontón e Luis Álvarez, coincidiron en preguntar ao presidente polas súas políticas de vivenda e de axudas á emancipación da mocidade, ao que Feijóo respondeu acusando á nacionalista de querer “manipular” os máis novos e aos socialistas de impedir que a Xunta poida facer máis.

Ana Pontón na sesión de control á Xunta deste mércores © Parlamento de Galicia

“A súa política de vivenda é un unicornio, unha fantasía”, díxolle Pontón a Feijóo

Poucas vivendas públicas impulsadas, escaso orzamento e menor execución das partidas destinadas ao sector, prezos en ascenso dos alugueiros ou elevada porcentaxe de vivendas baleiras foron algunhas das críticas que lanzaron Pontón e Álvarez. “A súa política de vivenda é un unicornio, unha fantasía”, díxolle Pontón.

As respostas de Feijóo foron negar as cifras ou buscar outras máis favorables aos seus postulados -“vostede ven aquí a retorcer un cero ata que pareza un oito”, díxolle Álvarez-, salientando por exemplo as sucesivas rebaixas de impostos na compra de vivendas que vén impulsando a Xunta na última década.

“Vostede ven aquí a retorcer un cero ata que pareza un oito”, criticou Luis Álvarez, portavoz socialista

Feijóo insistiu durante todas as súas intervencións en que a nova lei de vivenda estatal que aínda se está a tramitar vai invadir as competencias na materia das comunidades autónomas. Pero como esa lei aínda non está en vigor, o argumento que empregou para xustificar as dificultades da Xunta para promover máis vivenda foi que concellos gobernados por outros partidos distintos ao PP, nomeadamente o PSdeG nas cidades, están a demorar a emisión das licenzas de construción ou de primeira ocupación. 

Luis Álvarez na sesión de control á Xunta deste mércores © Parlamento de Galicia

Sobre a emancipación da mocidade, Feijóo asegurou que Galicia ten unha taxa maior que outras comunidades e respondeu a Pontón que ese non é un problema tan grave como “as rapazas e rapaces que vostede quere manipular”. Segundo presidente, “para emanciparse necesitan primeiro formación, despois emprego e despois vivenda”, e ao seu ver as políticas do seu Goberno están a mellorar os tres eidos.

Feijóo atacou persoalmente a Pontón dicindo que "ningún mozo do país foi quen de conquerir un acta de deputado con 26 anos e mantela 18 anos", malia que Mariano Rajoy o fixo xusto coa mesma idade e deixou os escanos 36 anos despois

Pero o final das súas intervencións deixouno Feijóo para un ataque persoal directo contra Ana Pontón, nunha semana na que o PPdeG centrou nela e nos seus 18 anos como deputada un dos focos da súa axenda política, iniciando unha polémica en Twitter que diversos cargos populares estenderon ao Parlamento na xornada deste martes.

En referencia a Pontón, Feijóo dixo que “ningún mozo do país foi quen de conquerir unha acta de deputado con 26 anos e mantela 18 anos despois”. Porén, xusto coa mesma idade que Pontón, 26 anos e medio, pero dúas décadas antes, tamén foi elixido deputado do mesmo Parlamento de Galicia Mariano Rajoy, que con pequenas parénteses intermedias deixou de ser deputado no Congreso 36 anos despois, en xuño de 2018.

Mariano Rajoy con 26 anos na constitución do primeiro Parlamento de Galicia © Arquivo Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.