Feijóo liga a súa proposta de lei sanitaria estatal a outra de Casado un día despois de pedir que a saúde quede fóra do debate político

Pedro Sánchez na reunión da Conferencia de Presidentes deste venres © Pool Moncloa - Borja Puig de la Bellacasa

O presidente do Goberno galego asume que se a maioría que sustenta o Goberno central rexeita unha proposta lexislativa do PP estatal tampouco terá futuro a que está a elaborar a Xunta

No mediodía deste xoves, na súa réplica aos portavoces da oposición durante o debate da súa cuarta investidura como presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo pediu que non se use a sanidade para atacar politicamente aos rivais: ″Gustaríame excluír a sanidade do debate político nesta lexislatura″, dixo. Un día despois, este venres, tras reunirse novamente co resto de presidentes autonómicos e co do Goberno central, Pedro Sánchez, censurou novamente, como vén facendo nos últimos meses en reiteradas ocasións pero desta volta cun ton máis moderado, a xestión sanitaria do socialista.

Feijóo volveu criticar que Sánchez considere suficiente desde o punto de vista xurídico para loitar contra o coronavirus o estado de alarma e a lexislación xa existente, que a Xunta vén empregando sen que ata agora ningún xulgado tombase as súas decisións. O presidente galego reiterou que xa que o Goberno central non a impulsa, el remitirá nos próximos días unha proposta de lei orgánica sanitaria fronte á pandemia que anunciou hai dez días, pero ligou o seu futuro a outra iniciativa similar, de modificación de leis sanitarias xa existentes, impulsada polo PP a nivel estatal. Se a maioría que sustenta o Goberno central non acepta a proposta do PP de Pablo Casado, deu a entender Feijóo, tampouco ten esperanzas de que a proposta da Xunta prospere.

Feijóo na reunión da Conferencia de Presidentes deste venres CC-BY-SA Xunta de Galicia

Feijóo mesmo empregou unha linguaxe de boxeo para aventurar que se o Goberno rexeita no "primeiro round" a proposta do PP estatal, "as posibilidades de que prospere a proposta de Galicia quedan diminuídas"

Feijóo mesmo empregou unha linguaxe de boxeo para ligar a proposta da Xunta coa do PP estatal: “Imos ter o primeiro round de resposta do Goberno”, dixo, cando se pronuncie sobre a iniciativa popular. “Se non acepta esa modificación supoño que as posibilidades de que prospere a proposta de Galicia quedan diminuídas”, engadiu.

A reunión de presidentes autonómicos con Sánchez deste venres, que tras varios aprazamentos ía estar centrada na inminente volta ás aulas, acabou incluíndo outras varias cuestións, principalmente económicas, despois de que o groso do acordo marco entre comunidades e Goberno central saíse a reunión que mantiveron o xoves da pasada semana os responsables de Sanidade e Educación de todo o Estado.

No encontro, segundo incidiu posteriormente na súa comparecencia pública el mesmo, Feijóo criticou que o fondo económico distribuído polo Goberno central ás comunidades para axudar na adaptación da educación ao coronavirus é insuficiente e inxusto xa que non ten en conta custos como o transporte escolar ou os comedores, importantes en Galicia. A Xunta tamén reclamou que se explicite un compromiso orzamentario para o próximo ano máis alá da actual achega puntual de fondos.

Feijóo na reunión deste venres CC-BY-SA Xunta de Galicia

O Goberno central prevé realizar estudos periódicos de seroprevalencia entre a poboación e convocará este setembro un Consello de Política Fiscal e Financeira para negociar o financiamento autonómico

Desde o Goberno central, o presidente Sánchez pediu ás comunidades que non pechen centros escolares en caso de que se detecte un brote sen consultalo previamente co Ministerio de Sanidade para contrastar a utilidade desa medida e que non sexa contraproducente. Unha petición que se produce despois de que a pasada semana o ministro de Sanidade, Salvador Illa, salientase que son as comunidades, como competentes en materia de Educación, as que decidirán o peche dos centros. Pola súa banda, Feijóo reclamou que haxa un protocolo que fixe tamén a nivel estatal, igual que o que regula as medidas de protección aprobado o pasado xoves, como proceder cando se detecte un caso de coronavirus nunha aula.

Sánchez tamén avanzou que este mesmo mes de setembro convocará un Consello de Política Fiscal e Financeira, que non se reúne desde febreiro malia ser reclamado desde hai meses polas comunidades, para avanzar na negociación do financiamento autonómico. Igualmente, anunciou que a nivel estatal van ser realizados estudos periódicos de seroprevalencia para ver como evoluciona a inmunización da sociedade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.