Feijóo pecha a campaña aspirando a ser “alcalde de toda Galicia” cando menos poder local ten o PP galego

Feijóo este venres en Santiago ao inicio da última xornada da campaña na que recorre as sete cidades © PP

Tras dúas semanas coa axenda centrada na carreira electoral o candidato popular asegura que se obtén maioría absoluta o luns estará “gobernando” coa loita contra o coronavirus como “prioridade”

Santiago, Pontevedra, Vigo, Ourense, Lugo, A Coruña e Ferrol. Esa é a sucesión de cidades que visita o candidato do PP, Alberto Núñez Feijóo, na última xornada da campaña electoral nun recorrido duns 450 quilómetros. Ningunha desas cidades ten un alcalde do PP, que só cogoberna Ourense e a súa deputación cun bipartito con Democracia Ourensana, o que sitúa aos populares no seu momento de menor poder local, un contexto no que este venres Feijóo, ao inicio da súa xeira final, xustificou que visita “todas as cidades porque intento ser presidente dos galegos e por tanto tamén dalgún xeito alcalde de toda Galicia”.

Feijóo paseando por Pontevedra, segunda parada da última xornada da súa campaña electoral © PP

Tras asegurar o PP que Feijóo renunciaría a facer precampaña “para centrarse na xestión da crise do coronavirus”, desde que comezou a campaña propiamente dita hai dúas semanas a axenda do presidente da Xunta estivo case baleira ao tempo que a do candidato popular acumulou ata cinco mitins diarios. 

Porén, este venres Feijóo apelou a obter unha maioría absoluta fronte a un posible goberno “multipartito” doutras formacións argumentando que así o luns podería estar xa “gobernando” sen esperar por unha nova investidura e coa loita contra o coronavirus como a súa “prioridade”. Iso non foi o que pasou hai catro anos cando catro días despois de revalidar a maioría absoluta encargou un informe sobre como gobernar en funcións ata a súa seguinte investidura polo Parlamento de Galicia unhas semanas máis tarde.

Feijóo di que á cidadanía galega "sabe o que quere e que non lle gusta que lle prohiban ir votar”

Este venres o candidato popular insistiu en que o domingo votar será seguro e pediu á cidadanía que dedique “15 minutos” para ir aos colexios electorais e decidir “o futuro de Galicia”. Ao tempo que vén lanzando mensaxes de medo fronte a un posible goberno doutras formacións, e un día despois de dicir que outros partidos “probablemente non teñan como obxectivo salvar vidas senón outro”, este venres o tamén presidente da Xunta dixo que “a estratexia do medo a votar non ten nada que ver coa democracia, coa transparencia e con este pobo adulto, que sabe o que quere e que non lle gusta que lle prohiban ir votar”. Un día antes Feijóo repetira a súa "recomendación" de que as persoas con coronavirus non vaian votar malia admitir que nada pode impedilo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.