Feijóo tamén se queixou en Galicia do tempo para falar no Parlamento (na oposición)

Feijóo, como deputado na oposición xunto a José Manuel Barreiro tras as eleccións de 2005 © Arquivo Parlamento de Galicia

A actividade parlamentaria do ex-presidente Alberto Núñez Feijóo como senador en representación do Parlamento de Galicia segue limitándose a buscar espazos de tirapuxa directo con Pedro Sánchez. Isto tradúcese, ata o momento, nunha única pregunta rexistrada e dúas respostas a senllas comparecencias do presidente do Goberno de España. A última, a do martes desta semana.

Como moitas das estratexias e discursos que o ex-presidente e o seu equipo aplican dende o seu retorno a Madrid, a queixa polos tempos de intervención tamén foi ensaiada antes en Galicia

Tanto no debate do pasado setembro como no desta semana, o líder do PP e a súa contorna manifestaron queixas polo formato das sesións. Din ver inxusto que Feijóo teña que adaptarse ao formato habitual no que o presidente do Executivo ten tempo ilimitado para intervir mentres os voceiros dos grupos contan con quendas taxadas, a comezar por unha primeira resposta de quince minutos. Como moitas das estratexias e discursos que o antigo presidente e o seu equipo aplican dende o seu retorno a Madrid, esta queixa tamén foi ensaiada antes en Galicia mentres exerceron a oposición ao Executivo da coalición de PSdeG e BNG (2005-2009).

Comparecencia de Pedro Sánchez no Senado, este 18 de outubro de 2022, con Feijóo á dereita da imaxe © Pool Moncloa / Fernando Calvo

Apenas pasaran cinco meses dende o seu ascenso ao liderado do PPdeG en substitución de Manuel Fraga cando, en xuño de 2006, Feijóo explicitou a queixa nun pleno do Parlamento. Foi, concretamente, nunha sesión de control na que cuestionou o daquela presidente socialista, Emilio Pérez Touriño, "en relación coa afirmación de que o Parlamento é o centro da vida política de Galicia".

Feijóo tamén pedía a Touriño "non converter as sesións de control ao Goberno en sesións de control á oposición", reproche que el mesmo recibiu mentres foi presidente e que agora recupera contra Pedro Sánchez

"O Goberno ten o 85% dos tempos de comparecencia e o grupo maioritario, o 15%. É dicir, noventa minutos ten un partido de fútbol e a oposición, o tempo de desconto", laiárase Feijóo. Esa queixa reiteráraa nos anos seguintes, en referencia a que o Goberno estaba sustentado por dous grupos (socialista e nacionalista) e na oposición só un, o do PP. Censuraba ademais que PSdeG e BNG interviñesen na sesión de control ao presidente malia sustentar ao seu Goberno -co retorno do PP á Xunta iso deixou de suceder, se ben o Grupo Popular si formula preguntas na sesión de control aos conselleiros e conselleiras-.

"Pídolle unha cousa: non converta as sesións de control ao Goberno en sesións de control á oposición", reclamara Feijóo tamén naquel debate de 2006. Ese mesmo reproche faríanllo a el mesmo dende as bancadas da esquerda mentres foi presidente é o mesmo que agora recupera contra Pedro Sánchez.

Feijóo e Touriño, no Parlamento durante a lexislatura 2005-2009 © PPdeG / Parlamento de Galicia

Touriño, pola súa banda, lembráballe a "ausencia de información" que el mesmo sufrira nos tempos de oposición aos gabinetes de Fraga. Pero para Feijóo, aquel Parlamento con maioría de esquerdas era "o menos plural de todas as lexislaturas" e PSdeG e BNG promovían prácticas, ao seu xuízo, que "non se recordan en ningún Parlamento, nin sequera africano". 

Aquel debate de 2006 concluíra co líder do PPdeG e da oposición pedindo outro debate específico sobre a reforma do Estatuto de Autonomía -que el mesmo bloquearía seis meses despois- pero cun formato extraordinario que lle outorgase a el mesmo tanto tempo de intervención como ao Goberno. O argumento dos tempos de intervención serviríalle tamén en 2009 para negarse a acudir a un debate electoral na TVG fronte a Touriño e Quintana, que recuncaban á fronte das candidaturas de PSdeG e BNG.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.