Feijóo, 'presidente' por un día con Rueda ausente

Feijóo conversa con asistentes ao XIII Congreso da Federación Española de Familias numerosas, o pasado 15 de outubro en Santiago, co vicepresidente Francisco Conde en segundo plano CC-BY-SA Xoán Crespo / Xunta

A pasada fin de semana, a Federación Española de Familias Numerosas (FEFN) celebrou o seu décimo terceiro congreso en instalacións da Cidade da Cultura, en Santiago. O encontro da entidade que preside o galego José Manuel Trigo trazou un programa para a mañá do sábado que incluía unha conferencia e un panel con tres pais e unha nai de familias numerosas, ademais das sesións de apertura e clausura.

Malia non estar incluído no programa inicial do evento, Feijóo interveu no congreso de familias numerosas celebrado en Santiago tras o vicepresidente da Xunta e o alcalde da cidade

O acto inaugural, como adoita acontecer en eventos deste perfil, foi o máis institucional. Na versión inicialmente difundida pola entidade, incluía intervencións dos presidentes da Asociación Galega de Familias Numerosas, do devandito presidente da federación e mais de tres representantes institucionais: o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, a directora xeral de Diversidade Familiar do Ministerio de Dereitos Sociais, Patricia Bezunartea, e mais Francisco Conde, vicepresidente primeiro da Xunta, que nestes días asume o despacho ordinario da presidencia da Xunta por atoparse o presidente Alfonso Rueda de viaxe oficial na Arxentina e no Uruguai.

Feijóo e Conde, con asistentes ao congreso da federación de familias numerosas, o pasado sábado en Santiago CC-BY-SA Xoán Crespo / Xunta

Aínda que non figuraba no programa oficial, entre o evento inaugural e a primeiras das conferencias foi incluído un discurso máis, o do ex-presidente Alberto Núñez Feijóo, na súa actual condición de presidente estatal do PP. Así, tras os discursos da alto cargo do Goberno de España, do vicepresidente do Goberno galego e do alcalde compostelán -por esta orde-, Feijóo accedeu á tribuna para pronunciar unha intervención que, nos seus trazos fundamentais, non foi esencialmente diferente doutras realizadas antes de maio deste ano, cando aínda era presidente da Xunta.

Así, entre outros comentarios, Feijóo destacou a gratuidade das escolas infantís en Galicia tanto públicas como privadas, "un avance social inédito na educación española" ou alertou dun "enorme problema demográfico" que "dificulta o mantemento do Estado do Benestar". Asemade, lanzou diferentes peticións ao Goberno de España en materia de rebaixas de impostos ou considerou "necesario recuperar a bonificación do 45% das cotas da Seguridade Social para a contratación de empregadas do fogar para as familias numerosas". Porque "os que máis achegan teñen que ter máis axudas", afirmou.

Feijóo e a secretaria xeral do PPdeG (esquerda), con organizadores do congreso e o vicepresidente da Xunta e mais o alcalde de Santiago como principais representantes institucionais no acto CC-BY-SA Xoán Crespo / Xunta

O ton, a orde de intervencións e a posta en escena da presenza de Feijóo neste congreso situouno, dalgún xeito, no seu antigo rol por unhas horas. Ou, cando menos, permitiulle actuar dun xeito moi semellante aos anos en que foi a máxima autoridade do país. Así, na comitiva que o acompañou e compartiu con el fotos e conversas cos participantes mesturáronse os cargos partidarios -como a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado ou o candidato popular á alcaldía de Santiago, Borja Verea- cos representantes institucionais do Goberno galego, caso do delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e do propio vicepresidente Francisco Conde.

A presenza de Feijóo no evento cunha comitiva de dirixentes do PP mesturados con representantes do Goberno galego deixou en segundo plano a presenza e o discurso do vicepresidente Conde mentres o actual presidente da Xunta continuaba de viaxe en Sudamérica

As imaxes do congreso divulgadas pola propia Xunta e mais polo servizo de comunicación do PP tamén amosan esta imaxe. Así, por exemplo, Feijóo figura en fotografías coa organización do evento ao mesmo nivel que o número dous da Xunta, que mesmo ficou relegado a un papel secundario durante parte da visita. 

Ese papel preeminente do líder estatal do PP provocou tamén que tivesen máis eco as súas declaracións que o anuncio realizado por Conde no acto, segundo o cal a Xunta prevé "duplicar as deducións das familias numerosas na declaración do IRPF para o ano 2023". Previsiblemente, a medida será concretada esta semana, coa presentación dos Orzamentos Xerais do ano vindeiro.

Todo, mentres Rueda estaba en Sudamérica e o seu equipo continúa tentando que gañe perfil político de seu. Tamén, tras meses nos que o ex-presidente e tamén senador vén aproveitando a normativa vixente en materia protocolaria tanto en Galicia como no Estado para continuar figurando en espazos preeminentes en numerosos actos institucionais, moitos deles en territorio galego malia non ser xa presidente.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.