O Concello lucense recorre ao Programa 2% Cultural do Goberno de España á procura de financiamento para o proxecto no antigo Cuartel de San Fernando, no que o Goberno galego chegara a anunciar 10 millóns de euros e despois freara
Hai década e media o Goberno galego chegou a anunciar 10 millóns de euros en 2010 para construír no antigo Cuartel de San Fernando, un recinto do século XVIII propiedade do Concello de Lugo, o Museo da Romanización de Galicia. En 2013 a Xunta paralizouno e en 2019 renunciou de vez a un proxecto que en 2022, dixo estar en disposición de achegar fondos para retomalo tras a chegada de Alfonso Rueda á presidencia.
Esa disposición traduciuse, ata agora, en asignacións orzamentarias cativas para un Museo cun custo estimado nuns 15 millóns. É o caso dos 500.000 euros consignados nos Orzamentos Xerais deste 2025 como mostra de "compromiso patente" co proxecto. A metade desa partida, como informou Praza.gal, foi retirada o pasado outubro pola Consellería de Cultura para cofinanciar o Bono Emancípate, as axudas á compra de mobles para menores de 36 anos que alugasen unha vivenda. Con este pano de fondo e tras reclamar -ata o momento- sen éxito contas ao presidente Rueda, o Concello lucense disponse a petar na porta do Estado.
Dada a "pasividade da Xunta", o alcalde de Lugo confirmaba este martes a intención do seu goberno de presentar o proxecto do Museo da Romanización de Galicia ao Programa 2% Cultural, a liña de financiamento do Goberno de España pola que o 2% de fondos das grandes obras públicas estatais é destinado "á conservación do patrimonio e ao fomento da creatividade artística, contribuíndo á recuperación de bens culturais.
"A concesión desta axuda cubriría o 75% do investimento", sinala Miguel Fernández, que ve "inxustificable" que a Xunta obvie o Museo da Romanización mentres "compromete fondos millonarios para outros proxectos culturais noutras cidades", coma o Cine Fraga ou o Pazo de Lourizán
Actualmente o Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana, subliña Miguel Fernández, ten aberta unha convocatoria do 2% cultural dotada con 80 millóns de euros á que o Concello de Lugo se vai presentar ante a "falta de interese e compromiso efectivo da Administración galega", malia ser a "competente en materia de patrimonio arqueolóxico" e "responsable da conversión do antigo Cuartel de San Fernando" en Museo da Romanización. "É unha forma de diversificar e buscar vías complementarias de financiamento cando as administracións competentes non acoden con decisión aos seus compromisos", sinala o rexedor.
"A concesión desta axuda cubriría o 75% do investimento, o que implica que o Concello traballe con previsión e dispoña do 25% restante nos nos seus orzamentos" e así figurara nos de 2026, detalla. "Chegado o caso -agrega- esixiremos que a Xunta, malia ás súas reiteradas negativas, asuma parte do investimento, cando menos o 15%" e "se non logramos o 2% cultural, deberán asumir todo o que lles corresponde", sinala o alcalde, quen admite que recorre ao Estado tamén para tentar que o "movemento" sirva como "estímulo para que a Xunta redobre o seu compromiso cun proxecto que forma parte do patrimonio galego".
A xuízo de Fernández resulta "inxustificable" que a Xunta obvie o Museo da Romanización de Galicia "mentres compromete fondos millonarios para outros proxectos culturais noutras cidades, como a recuperación do Cine Fraga en Vigo con 20,5 millóns ou investimentos superiores a 17 millóns no Pazo de Lourizán". Mentres, a cidade da Muralla, lamenta ten "15.000 pezas arqueolóxicas xa catalogadas e baixo custodia municipal" sen "un espazo estable, especializado e de referencia para o seu estudo, conservación e difusión pública".