Xunta e Deputación, que controlan a empresa pública propietaria do complexo e que xa viñan facendo desembolsos millonarios, asumirán agora toda a débeda e comprometen outros 800.000 euros ao ano para a súa xestión ordinaria
A estación de esquí de Manzaneda, propiedade da Xunta e da Deputación de Ourense e xestionada a través de sucesivas adxudicatarias privadas, vén sufrindo desde hai tempo os efectos do cambio climático. Como mostra, a progresiva redución dos días con neve dabondo para a súa apertura ao público.
Os déficits que provoca esa falta de neve, malia os seus 29 xeradores de neve artificial, veñen sendo paliados con préstamos e sucesivas achegas millonarias de cartos públicos por parte das Administracións. Ao tempo, impulsan a desestacionalización con deportes alternativos como a bicicleta de montaña.
Pero as axudas seguen a ser insuficientes e agora Xunta e Deputación, segundo acordaron hai poucos días os seus presidentes, Alfonso Rueda e Luis Menor, van realizar un novo desembolso, de 2,5 millóns de xeito inmediato para asumir a débeda da estación e posteriormente de 800.000 euros ao ano para a súa xestión ordinaria. Unha nova achega de cartos públicos que se produce malia a opacidade contable da estación, criticada de xeito reiterado polo Consello de Contas, o ente encargado de fiscalizar as administracións galegas.
O Consello de Contas vén pedindo sen éxito á Xunta que como accionista maioritaria debe "transparentar a actuación financeira e someter a control público" a estación de Manzaneda
A estación de esquí de Manzaneda é propiedade da empresa pública Estación de Inverno de Manzaneda SA (Meisa), cuxo accionariado está repartido, segundo o último informe do Consello de Contas, entre a Axencia de Turismo da Xunta (50,16%), a Deputación de Ourense (48,82%), bancos ou caixas de aforros (0,74%) e os concellos de Manzaneda e Trives (0,14% cada un). Malia ese control da Xunta, as contas da empresa pública Meisa non son transparentes, segundo denuncia desde hai máis dunha década o ente fiscalizador.
No seu último informe sobre as sociedades públicas galegas, en liña cos anteriores, Contas critica que a Xunta "non está a realizar actuacións de supervisión nin control nin integra os estados financeiros" de Meisa nos seus Orzamentos nin na súa Conta Xeral, como debera. Por iso Contas vén recomendando reiteradamente, sen éxito, que a Xunta, "como accionista de referencia debe arbitrar as medidas oportunas para transparentar a actuación financeira e someter a control público" a Meisa.
Ese mesmo informe salienta "a importante cantidade de recursos públicos que recorrentemente se achegan á sociedade Meisa". "En concreto, no período temporal comprendido entre os exercicios 2017 e 2022 a Axencia de Turismo da Xunta de Galicia concedeulle préstamos participativos por valor de 4.838.343 euros, dos que 1.496.400 euros foron concedidos no último ano)".
Máis ou menos nese período, entre 2015 e 2020, a Deputación de Ourense admitía nun Pleno que pola súa banda dedicara outro tanto a Manzaneda. Uns 4,4 millóns de euros pola súa banda.
Xusto antes dese período, a finais de 2015, a débeda acumulada de Meisa era de 3,5 millóns. E iso que xa chegaran cartos públicos.
A Xunta asumiu o control de Manzaneda hai unha década de mans da Deputación de Ourense e tras saír as antigas caixas do accionariado
As caixas de aforros que formaran parte do accionariado de Meisa retiráronse en 2012, xa con Novagalicia Banco. Ao tempo de desfacerse da súa participación por un prezo simbólico, a entidade outorgaba un préstamo de 3,5 millóns para "relanzar" novamente o complexo.
Paralelamente chegaron novos cartos públicos polas vías das subvencións e da ampliación de capital que acabou coa Xunta como principal accionista. Daba así a remuda no control político da empresa á Deputación de Ourense, que o asumira tras o fracaso do proxecto privado da familia Outeiriño, propietaria do diario La Región, que lanzara inicialmente a que hoxe é única estación de esquí de Galicia.
Agora, segundo anunciaron a pasada semana a Xunta e a Deputación, tras a reunión entre Rueda e Menor, as dúas administracións van "liquidar a débeda", para o que a Xunta "achegará 1,5 millóns de euros e a Deputación un millón máis". Despois "acordouse achegar anualmente entre ambas administracións 800.000 euros para a súa xestión ordinaria".