O controvertido ex-fiscal xefe de Ourense, Florentino Delgado, obtiña o pasado maio praza en Madrid. Daquela xa estaba suspendido cautelarmente das súas funcións pola Fiscalía Xeral do Estado mentres era investigado para aclarar a situación do seu piso de alugueiro na cidade. O mesmo alugueiro que a Xunta pagou de 2004 a 2016 e que, cando o Goberno galego deixou de facelo, Delgado non pagou, pero sen abandonar o inmoble, dando lugar a un preito do propietario contra a Administración galega.
A sanción de 18 meses de emprego e soldo polo caso do piso que lle pagaba a Xunta chega apenas dous meses despois da suspensión por atrancar unha denuncia contra Manuel Cabezas, ex-alcalde do PP en Ourense
Xunto ao caso da vivenda, Delgado tiña aberto outro proceso dentro da propia Fiscalía por atrancar unha denuncia contra Manuel Cabezas, ex-alcalde do PP en Ourense, e cometer abuso de autoridade contra a denunciante nese caso, a ex-edil do PSdeG Áurea Soto. Ese proceso resolveuse o pasado outubro cunha suspensión de dez meses e unha multa, sanción á que agora se engaden outros 18 meses de suspensión de emprego e soldo polo caso da vivenda sen pagar. Contra ambas cabe recurso.
Segundo confirman fontes da Fiscalía Xeral do Estado a Praza.gal, esta nova suspensión deriva de que a Fiscalía Xeral do Estado considera que Florentino Delgado cometeu dúas faltas moi graves como fiscal xefe de Ourense. Trátase de "abuso da condición de fiscal para obter un trato favorable e inxustificado de autoridades, funcionarios ou profesionais" e "inobservancia do deber de abstención a sabendas de que concorre algunha das circunstancias legalmente previstas", recollidas no artigo 62 do Estatuto do Ministerio Fiscal.
Pola primeira das faltas suspéndeno un ano e pola segunda, seis meses máis. A Fiscalía do Estado castiga deste xeito, respectivamente, que non pagase o piso e que lanzase unha querela por presunto acoso inmobiliario a unha anciá contra a alto cargo da Xunta que o instou a el a deixar o inmoble, caso que quedou arquivado pola Xustiza o pasado abril.
A Xunta comezou a pagar o piso de alugueiro do ex-fiscal de Ourense en tempos de Fraga; cando o bipartito deixou de facelo, Delgado non abandonou o inmoble nin pagou e cando o actual Goberno decidiu parar de abonarllo, actuou igual
Como veu informando Praza.gal, o caso do piso de Florentino Delgado remóntase aos tempos do goberno de Fraga, cando a propia Xunta asinou un contrato de alugueiro por cinco anos para o piso do fiscal xefe en Ourense nun inmoble situado a apenas 400 metros da Audiencia Provincial por importe de 890 euros máis IVE. A Xustificación de llo pagar fora a "política de fomento que daquela se mantiña para facilitar a cobertura de determinadas prazas na Administración de Xustiza en Galicia".
A finais de 2007, na etapa do Goberno de coalición de PSdeG e BNG, a Xunta chegara a comunicar ao propietario a intención de pór fin anticipada ao contrato e convidouno a recoller as chaves nunha dependencia da Xunta en Ourense. Pero iso non sucedeu e un ano despois o propietario reclamou formalmente á Xunta: o fiscal non marchara, pero tampouco pagaba.
Co retorno dos populares ao poder, a Xunta pagou os atrasos do alugueiro e comunicou a Delgado que debería deixar o piso, pero seguiu sen facelo. Os fondos públicos continuaron sufragándolle o alugueiro ata 2016, pero Delgado seguiu sen marchar e en 2018 -mentres a Xunta seguía pagando os gastos correntes do inmoble- o propietario foi aos tribunais. Finalmente, o caso rematou neste 2019 nun pacto co arrendador para evitar ir a xuízo.