Este mes de agosto de 2023 está a ser máis atribulado e complexo que os da anterior década e media para o ex-presidente Alberto Núñez Feijóo. Malia ao forte ascenso que permitiu ao PP retornar o 23X á representación parlamentaria na que o deixara Mariano Rajoy, todo apunta a que só unha monumental sorpresa na posición do independentismo catalán ou operacións de transfuguismo permitirían ao agora líder do partido ser investido como novo presidente do Goberno de España en substitución de Pedro Sánchez.
Con este pano de fondo, Feijóo alternou nos últimos días as súas vacacións en Galicia para realizar algunhas aparicións públicas nas que, por protocolo, compaña e formas, emulou o seus tempos de xefe do Goberno galego mentres alimentou as súas propias expectativas de investidura apelando indirectamente, por exemplo, a que o PNV reconsiderase o seu "non". Os nacionalistas vascos, en calquera caso, xa o instaron a abandonar as tentativas de "construír unha realidade alternativa".
Este non é, así e todo, o primeiro agosto no que Feijóo dá en soster o que os jeltzales denominan "realidade alternativa". É posible atopar outra mostra noutro agosto de hai vinte anos, cando o agora líder popular xa acumulaba unha década de postos públicos e, tras oito anos con altos cargos nos gobernos de José María Aznar, fora enviado de volta a Galicia en plena crise do Prestige para remudar na Consellería de Política Territorial ao defenestrado Xosé Cuíña.
"Despois das críticas electoralistas, a oposición xa cre no Plan Galicia", mantiña Feijóo como conselleiro en agosto de 2003, cando augurou o remate do eixo atlántico de alta velocidade para 2007 (foi en 2015) e a conexión coa Meseta para 2010 (foi en 2021)
Entre os labores que Feijóo tiña encomendados nese posto de conselleiro do Goberno de Fraga -no que apenas un ano despois ascendería a vicepresidente primeiro- destacaba a defensa e venda política do Plan Galicia, o programa de infraestruturas que os Executivos de Galicia e España, ambos nas mans do PP, anunciaran como compensación da crise do Prestige. Así o fixo, por exemplo, nunha entrevista concedida á Cadena SER o 10 de agosto de 2003, cuxas cuestións máis destacadas transcribira a Xunta para os demais medios nun amplo comunicado.
Entre as principais teses que Feijóo sostiña naqueloutro agosto destacaba que, ao seu xuízo, os grupos da esquerda que conformaban a oposición no Parlamento -como agora, BNG e PSdeG- xa estaban convencidos das bondades do Plan Galicia. Nacionalistas e socialistas reclamaran crear na Cámara unha comisión de seguimento que fiscalizase o cumprimento das promesas incluídas no plan, o que para Feijóo era unha "proba evidente de que melloraron o seu plantexamento sobre a cuestión e de que xa cren que este conxunto de actuacións é unha realidade, despois de telo cualificado como instrumento electoralista". "Despois das críticas electoralistas, a oposición xa cre no Plan Galicia", afirmaba.
Xunto a esas afirmacións, Feijóo advertía tamén de que o Plan Galicia non era "unicamente unha resposta aos efectos ocasionados" polo Prestige, senón que supoña "solventar definitivamente a carencia de infraestruturas" de Galicia con "preto de mil quilómetros de liñas de alta velocidade e preto de mil quilómetros en materia de autovías, autoestradas, vías rápidas, corredores e outras actuacións". Neste sentido, daba como seguro un cronograma que implicaba, por exemplo a "finalización do Eixo Atlántico de Alta Velocidade" para 2007 ou "conectar Galicia coa Meseta mediante este tipo de vía ferroviaria" no "horizonte de 2010".
Nos lustros posteriores, como líder da oposición e despois como presidente da Xunta, Feijóo culpou a PSOE e BNG dos incumprimentos das promesas que el mesmo sostivera tras o Prestige
En realidade, o Eixo Atlantico de Alta Velocidade non estivo rematado ata 2015 e a conexión coa Meseta chegou en 2021 mediante un trazado provisional á altura de Ourense, onde continúan as obras da variante de Taboadela. Nos lustros posteriores, como líder da oposición e despois como presidente da Xunta, Feijóo culpara destas alteracións a PSOE e BNG nun contexto no que non só o Estado aparcou infraestruturas anunciadas tras o afundimento do Prestige, senón que tampouco a Xunta completou aínda a día de hoxe varias das comprometidas daquela por Feijóo como conselleiro.
Naquela intervención da que agora se fan vinte anos Feijóo tamén expresaba a súa "crenza" de que, menos dun ano despois do naufraxio, "o pobo galego" xa tiña "superada psicoloxicamente a catástrofe provocada polo Prestige". "O pobo está farto de que se protestase durante moito tempo sen ofrecer solucións", teorizaba, para despois concluír que "a cidadanía e a xente de boa fe constataron a importancia de poñerse a traballar para paliar os efectos ocasionados polos vertidos do buque, o que axudou a normalizar a situación".