"Desde o BNG actuamos como auténtico goberno alternativo", asegura Pontón na reunión do Consello Nacional do BNG
"Estamos ante o Partido Popular do 'Non' a Galiza e, por iso, desde o BNG actuamos como auténtico goberno alternativo, redobrando esforzos para impedir a desfeita dun PP que vende Galiza a prezo de saldo ás eléctricas e ás súas empresas amigas", advertiu a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, na reunión deste sábado do Consello Nacional da formación, o máximo órgano entre asembleas, que tivo lugar en Teo.
O Bloque di que actúa de "muro de contención" contra as "lesivas" políticas dun Goberno do PP que, en palabras de Pontón, representa a Atila do álbum Atila en Galiza de Castelao. A portavoz nacional criticou que o PP "máis ultra, antidemocrático e antigalego da historia" está levando o país "contra as rochas" porque só ofrece "a bomba ambiental de Altri, a macrominería contaminante e o espolio eólico", vendendo Galicia "ás multinacionais a prezo de saldo".
"Non llo imos permitir, utilizaremos todos os mecanismos sociais, institucionais e legais para frear esta bomba ambiental e impedir que se contaminen o río Ulla, a ría de Arousa e a comarca de Arzúa-Ulloa poñendo en risco miles de empregos na terra e no mar", salientou Ana Pontón, quen recalcou que "son maioría as persoas que lle queren a Galiza e queren que teña futuro".
Un futuro que, asegurou, non pasa por "volver ao pasado franquista industrial das celulosas que quere impoñer o PP, tal e como fixo Franco en 1963 con Ence na ría de Pontevedra, senón por industrias innovadoras e de vangarda". "O colmo do disparate, financiar con cartos dos galegos e das galegas unha bomba ambiental no corazón do noso rural", denunciou a líder nacionalista sobre o proxecto de Altri en Palas de Rei.
"Estamos ante un PP cada día máis ultra, empeñado en importar a crispación madrileña e que cabalga sobre o bulo, a mentira e a manipulación do Telexornal"
Neste sentido, Pontón reclamou ao Goberno de España que remate coas ambigüidades e confirme que non haberá axudas públicas para a macrocelulosa. "Calquera apoio a esta bomba ambiental sería sumarse ao Partido Popular en contra de Galiza", aseverou, para a continuación resaltar que esta é unha "liña vermella para o BNG", como xa manifestou o deputado do Bloque no Congreso, Néstor Rego. "Ou se está co tándem Altri-PP ou se está coa cidadanía galega, e aí é onde está o BNG", afirmou a portavoz nacional.
Pontón propuxo ao Executivo de Pedro Sánchez que eses 250 millóns de fondos europeos que di precisar Altri para instalarse en Palas de Rei veñan para Galicia, mais "para apoiar ao sector da pesca e do marisqueo, para apoiar ao sector agrogandeiro e revitalizar o rural, para sanear as rías e o río Ulla", pois "si son estratéxicos e si son o principal motor económico deste país".

Por outra banda, Ana Pontón sinalou que ve o presidente da Xunta "cada día máis nervioso, facendo de oposición da oposición", mentres "cada día son máis as persoas que miran cara ao Bloque como a única alternativa que pode construír un futuro mellor". "Estamos ante un PP cada día máis ultra, empeñado en importar a crispación madrileña e que cabalga sobre o bulo, a mentira e a manipulación do Telexornal", evidenciou na súa intervención no Consello Nacional.
"A mesma UE que defende a soberanía de Ucraína é cómplice do xenocidio do pobo palestino e o propio Goberno español que anuncia máis gasto militar para facer fronte a Rusia é o que lle entrega a Marrocos a vida, o futuro e a liberdade do pobo saharauí"
"O Goberno de Rueda ten un problema coa democracia e non soporta que a cidadanía se manifeste libremente para defender o medio ambiente, a sanidade, o dereito á vivenda ou a nosa lingua", incidiu Pontón, quen criticou que desde o PP se chame "turba de alborotadores" aos galegos e galegas que se manifestan "para defender o que consideran xusto".
A líder do BNG tamén se referiu ao complexo e incerto contexto internacional e reiterou a "histórica posición claramente pacifista, contraria ao imperialismo e ao militarismo" da formación nacionalista. "A historia demostra que o belicismo só trae guerras, sufrimento e recortes de dereitos e liberdades", lembrou. Este mesmo sábado, a organización xuvenil Galiza Nova concentrouse en Noia baixo o lema 'Contra o exército e o gasto militar. Máis berberechos, menos metralletas', para denunciar o incremento do gasto militar anunciado polo Goberno do Estado.
Ana Pontón considera unha "insensatez" que os dirixentes europeos queiran conducir á Unión Europea a "repetir os erros do pasado". "A mesma UE que defende a soberanía de Ucraína é cómplice do xenocidio do pobo palestino e o propio Goberno español que anuncia máis gasto militar para facer fronte a Rusia é o que lle entrega a Marrocos a vida, o futuro e a liberdade do pobo saharauí", sostivo.