De Altri ás escolas infantís: 165 documentos que a Xunta aínda non deu a BNG e PSdeG

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, manexa documentos durante a sesión de control do pasado 12 de marzo CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

No primeiro ano da lexislatura BNG e PSdeG rexistraron 534 solicitudes de documentación no Parlamento e o Goberno galego tramitara sete de cada dez

O artigo 9 do Regulamento do Parlamento outorga aos grupos políticos que o compoñen a posibilidade de solicitar do Goberno "os datos, informes ou documentos" que "consten no seu poder". A Xunta ten un prazo máximo de 30 días para "permitir o acceso á documentación solicitada" ou comunicar á deputada ou deputado solicitante as "razóns fundadas en dereito" que o impidan. Se este prazo é superado sen resposta ningunha, cabe a posibilidade de transformar a petición de documentación nunha pregunta oral.

No primeiro ano da lexislatura iniciada coas eleccións do 18 de febreiro de 2024 os dous grupos parlamentarios da oposición, BNG e PSdeG -DO, cun só escano, é parte do Grupo Mixto e abstívose na investidura de Alfonso Rueda- rexistraron en conxunto 534 destas peticións. Segundo os datos aos que puido acceder Praza.gal de fontes parlamentarias, a maioría foran tramitadas (369, case sete de cada dez) mentres 165 estaban pendentes de resposta.

Este case 70% de peticións de documentación tramitadas é dispar entre as dúas formacións da esquerda. Ata o pasado 17 de febreiro, o Goberno tramitara o 59% das 242 peticións de documentación do BNG. Mentres, fixera o propio co 76% das formuladas polo Grupo do PSdeG. O Bloque tiña pendentes nesa data 97 peticións de papeis e o PSdeG, 68.

BNG e PSdeG coinciden en que unha petición de papeis tramitada non sempre equivale a que a Xunta facilite os documentos reclamados. Así sucedeu, por exemplo, en peticións do Bloque relativas a Altri

Este ritmo de respostas, dende o punto de vista estritamente cuantitativo, é maior que o de anteriores gobernos do PP. Non obstante, tanto nacionalistas como socialistas poñen o foco en que unha petición de documentación formalmente tramitada non sempre equivale a unha solicitude de papeis politicamente atendida.

Dende o grupo máis numeroso da actual oposición, o BNG, vénse poñendo como exemplo desta situación nas últimas semanas as peticións de documentación a respecto do proxecto de Altri. A través do deputado Luís Bará, a formación soberanista reclamou o acordo asinado en 2021 con esta empresa por parte de Impulsa Galicia, a sociedade fundada pola Xunta da man de Abanca co obxectivo de promover a captación de fondos europeos para diversas iniciativas industriais. A razón da petición é que a existencia dese pacto é pública dende o día en que foi asinado pero o seu contido, non.

Como informou Praza.gal, esa petición de documentación foi respondida pola Xunta alegando, entre outras cuestións, que os papeis do pacto con Altri son parte das "actuacións previas de conceptualización do proxecto no seo de Impulsa Galicia", un "desenvolvemento conceptual interno dunha sociedade privada e con participación pública minoritaria". E por ese motivo, do que discrepa o Consello de Contas -o organismo fiscalizador si cre que Impulsa Galicia debe ser tratada como unha sociedade pública- non achega a documentación ao deputado. Daquela, a petición de documentación figura oficialmente como tramitada pero o parlamentario non ten no seu poder os papeis que pediu.

Alén de Altri, o BNG ten pendentes peticións como a do informe completo da enquisa sobre lingua encargada pola Xunta a Sondaxe ou expedientes dun centro de menores

Altri, precisamente, é a materia de varias das peticións de papeis que o Bloque tiña pendentes de resposta no primeiro aniversario da lexislatura. A que máis meses leva pendente data do 26 de marzo de 2024 e nela o propio Bará reclamaba acceder á documentación "sobre a declaración como proxecto industrial estratéxico da fábrica de Altri en Palas de Rei".

Entre as solicitudes de papeis máis recentes formuladas polo Bloque e aínda dentro do prazo de 30 días no momento da consulta dos datos obtidos por Praza.gal figuran tamén outras materias diversas. Por exemplo, documentos da Estratexia galega de solo residencial presentada publicamente pola Xunta, o "informe completo" e "copia dos ficheiros cos microdatos" da enquisa sobre "percepción social do galego" contratada polo Executivo co Instituto Sondaxe (Grupo Voz) ou os expedientes abertos a persoal do Centro de Menores Avelino Montero de Pontevedra.

Ana Pontón (BNG) e José Ramón Gómez Besteiro (PSdeG), amosando documentos no pleno do Parlamento CC-BY-NC-SA BNG | PSdeG

No que atinxe ao PSdeG, algunhas das peticións de papeis pendentes de resposta teñen tamén case un ano. Por exemplo, a formulada por José Ramón Gómez Besteiro o 22 de abril de 2024 reclamando un informe sobre a gratuidade das matrículas universitarias tramitado ese mesmo día polo Consello da Xunta.

O PSdeG espera resposta da Xunta a solicitudes como a relativa a datos sobre escolarización de 0 a 3 anos tras devolver 22 millóns de fondos europeos para crear máis prazas 

Máis recentes e aínda dentro do prazo no momento da obtención dos datos estaban outras peticións como a a rexistrada tamén por Besteiro o pasado 20 de xaneiro reclamando documentación sobre "a evolución da escolarización na etapa 0-3 anos en Galicia" despois de que a Xunta confirmase a devolución de 22 millóns de euros de fondos europeos para crear novas prazas.

Tamén de 2025, pero xa fóra de prazo, é a solicitude na que o PSdeG reclamou unha copia do "informe relativo ás medidas postas en marcha pola Consellería de Sanidade para a mellora da xestión e do control dos procesos de incapacidade temporal", tratado polo Consello do Goberno galego o 13 de xaneiro. Na comparecencia pública posterior a esa reunión, a Xunta transmitiu que revogara 13.400 baixas laborais "non xustificadas" e atribuíunas a descoñecemento dos médicos e lentitude das probas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.