O Goberno de España dá por cumprido o 52% do pacto do PSOE co BNG para a investidura de Pedro Sánchez

Pedro Sánchez presenta o informe 'Cumpliendo' o 27 de decembro na Moncloa © Pool Moncloa / Fernando Calvo

Na súa comparecencia ante os medios do pasado martes para presentar as medidas do novo decreto fronte á crise de prezos e facer balance político do 2022, Pedro Sánchez tamén expuxo os contidos dunha nova edición do informe Cumpliendo, o documento co que o Goberno de España declarou a súa intención de "render contas" periodicamente dun xeito "sistematizado" a respecto do cumprimento dos seus compromisos, cubertos nun 66,8% á altura de decembro deste 2022, afirman.

O informe presentado por Pedro Sánchez sinala como realizados 23 dos 40 puntos acordados co Bloque e non prevé novos cumprimentos nos vindeiros meses

Alén do acordo programático do PSOE e Unidas Podemos para gobernaren en coalición ou do discurso de investidura de Pedro Sánchez, o informe detense tamén nos pactos pechados polos socialistas con diversos grupos políticos para asegurar a elección do presidente do Executivo, entre eles o BNG. O informe mantén que, ás portas do ano final da lexislatura estatal, o acordo rubricado nos primeiros días de 2020 está cumprido nun 57,5%.

Fragmentos do informe 'Cumpliendo' do Goberno de España en decembro de 2022 relativos aos pactos de investidura © Goberno de España | Montaxe: CC BY-NC-SA Praza.gal

Aquel pacto, que supuxera todo un fito no retorno do Bloque ao Congreso -a portavoz nacional da formación, Ana Pontón, trasladárase a Madrid para asinalo en vésperas da investidura- abranguía múltiples aspectos, dende as conexións ferroviarias interiores aos descontos na AP-9 e a transferencia das competencias sobre a autoestrada, pasando polo saneamento das rías ou o apoio económico ás comarcas afectadas polas medidas de transición enerxética. En total, 40 puntos dos que o informe dá por cumpridos 23, dous máis que na revisión realizada o pasado xuño.

Mentres, o documento divulgado pola Moncloa sitúa outros 15 puntos -cuxo contido non cita- "en proceso", 12 deles "con avances". Non obstante, o mesmo informe non prevé novos cumprimentos a curto prazo, toda vez que a proxección é que na vindeira edición do informe Cumpliendo, en xuño do ano vindeiro, estean cumpridos o mesmo número de puntos, sen ningún novo.

Sinatura do acordo entre PSOE e BNG para a investidura de Pedro Sánchez, en xaneiro de 2020 en Madrid CC-BY-NC-SA BNG

As cifras ofrecidas neste informe coinciden en boa medida co afirmado polo propio Sánchez o pasado xullo en resposta ao deputado do Bloque, Néstor Rego, durante o debate de política xeral no Congreso. Alí Sánchez sinalara que daquela xa ían "cumpridos" 21 puntos e, ao contrario que no documento, si concretou o seu contido, sinalando as subvencións ás peaxes da AP-9 con máis de 50 millóns anuais, os "convenios de transición xusta" para para as vilas atinxidas por peches de centrais térmicas (Cerceda e As Pontes) ou "potenciar a política industrial".

O pacto de investidura PSOE-BNG inclúa aspectos moi diversos, dende o tren de proximidade aos descontos na AP-9 ou o saneamento das rías

Estas, aseguraba Sánchez daquela, eran mostras dun "compromiso rotundo" do seu Goberno con Galicia. Ademais, resaltaba o mandatario socialista, o feito de que o seu gabinete asigne a Galicia en torno a mil millóns de euros do investimento territorializado nos Orzamentos Xerais do Estado implica unha achega superior "ao que representa" a economía galega no conxunto estatal.

Este tirapuxa e o propio balance chegan ás portas da recta final dunha relación entre PSOE e BNG que, no ámbito estatal, pasou por fases dispares. Así, acordos como o da investidura ou o acadado en torno ao primeiro decreto pola crise de prezos alternáronse con desencontros como os relativos aos Orzamentos Xerais do Estado, que a formación soberanista veu considerando insuficientes para Galiica, ou a respecto da reforma laboral.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.