"O Executivo central rebaixa a súa achega ao pago da factura da dependencia, moi lonxe do 50% fixado por lei". "A reforma do financiamento da dependencia é insuficiente e queda lonxe do 50% disposto por lei". "O Goberno central aumentou a súa débeda coa dependencia" e non asume "o 50% do financiamento estipulado na lei".
A lei vixente non obrigou nunca o Goberno de España a financiar o 50% a atención á dependencia, senón que estipulou que a achega autonómica debería ser, como mínimo, igual que a estatal
Son algunhas declaración da conselleira de Política Social, Fabiola García, durante os últimos meses que inciden no que xa é un lugar común: esixir ao Goberno de España que sufrague cando menos a metade do gasto en atención a persoas dependentes cunha engádega clave: que esa cobertura do 50% está obrigada pola Lei de Dependencia do ano 2006. Ese lugar común, ese lema, vén sendo unha constante en discursos políticos e mediáticos -mesmo é posible atopalo na hemeroteca deste mesmo xornal-.
O certo é que a lei non di tal. Pero está a piques de dicilo se a súa reforma supera este martes, 14 de xullo, unha votación clave no Congreso dos Deputados. [A reforma foi aprobada polo Congreso e segue trámite no Senado]
O que si vén ditando ata agora o artigo 32 da Lei de de Promoción da Autonomía Persoal e Atención ás persoas en situación de dependencia, aprobada polo Goberno do PSOE de Zapatero en 2006, é que o Estado asumirá "integramente" o chamado "nivel mínimo de protección garantido" (unha achega fixa por persoa e mes en función do seu nivel de dependencia" e que o resto dos fondos se asignarán por acordo coas autonomías cun principio xeral: "A achega da comunidade autónoma será, para cada ano, cando menos igual á da Administración xeral do Estado".
A reforma que se enfronta á votación definitiva do Congreso obriga o Estado a garantir "un financiamento equivalente ao 50% do gasto total certificado polo conxunto das comunidades autónomas"
A norma de 2006, daquela, non obrigou en ningún momento ao Estado a financiar o 50% da atención á dependencia, senón que estipulou que as autonomías deberían chegar, como mínimo, a ese 50%. O actual Goberno de España (PSOE-Sumar) incluíu no seu pacto tras as eleccións de 2003 fixar por lei ese pagamento a partes iguais. Tras múltiples promesas, atrancos e dilacións, ese precepto enfróntase a un último filtro no Congreso na votación da reforma das leis de discapacidade e dependencia, que se tramita dende o ano pasado.
No marco de intensas negociacións cruzadas, a pasada semana quedou redactado o texto final que se votará. E nel as forzas que sustentan o Goberno que dirixe Pedro Sánchez incluíron unha emenda non prevista na versión inicial. Trátase dunha nova redacción do devandito artigo 32 que estipula, por exemplo, que calquera ampliación dos servizos deberá ir acompañado do correspondente financiamento ou que para achegar fondos ás autonomías cumprirá atender criterios como a poboación dependente, mais tamén outros como "dispersión xeográfica" ou "emigrantes retornados".
É neste punto onde figura a nova redacción do 50%. Ademais de manter que o Estado asumirá "integramente" o nivel mínimo, "garantirá, en todo caso, un financiamento equivalente ao 50% do gasto total certificado polo conxunto das comunidades autónomas no exercicio precedente", sen ter en conta a achega que fagan as persoas usuarias dos servizo. As autonomías, pola súa banda, manteñen a obriga de achegaren, como mínimo, tanto como achegue o Estado. Resta saber, non obstante, a concreción dese 50% do total para cada autonomía.
O Ministerio de Dereitos Sociais asegura estar en condicións de cumprir a través da reforma que tramita xunto á da lei, que precisa o "si" do Congreso para seguir vixente e implica que Galicia duplique os fondos: duns 15 a uns 30 millóns mensuais
Traducido a números, para Galicia isto significaría que no último ano con datos pechados por ambas partes (Xunta e Estado), o 2024, o Goberno de España tería que transferir case 100 millóns máis dos que transferiu para chegar á metade dos 635 millóns de euros que supuxo o gasto en atención á dependencia en ese ano. Para 2025, cos datos adiantados pola Asociación Estatal de Directores e Xerentes en Servizos Sociais combinados cos que xa divulgou o Imserso, o Estado tería que pagar uns 125 millóns máis se quixese completar o 50% do gasto galego en dependencia, situado nese ano por riba dos 700 millóns.
O Ministerio de Dereitos Sociais asegura estar en condicións de cumprir con este compromiso que promove fixar por lei por varias vías. A fundamental, o incremento de gasto que xa está en marcha e que o mesmo pleno do Congreso debe convalidar. Trátase dun notable incremento do devandito "nivel mínimo" que xa está vixente e que supón, en grandes cifras, que a Xunta pase de percibir do Estado uns 15 millóns de euros mensuais a recibir arredor de 30 millóns.
Para seguir vixente, o incremento das contías fixado por Real Decreto-Lei o pasado xuño debe recibir o visto e prace do Congreso [o Congreso convalidou o decreto o 14 de xullo de 2026]. O ministro de Dereitos Sociais, Pablo Bustinduy, sostén que esta inxección implica "refundar o sistema da dependencia". A conselleira García recibiu o anuncio desa suba descualificándoa como "papel mollado" porque, ao seu xuízo, non é crible ao non haber novos Orzamentos Xerais do Estado. O Real Decreto-Lei fixa, precisamente, unha fórmula para incrementar os fondos sen novas contas.