A "refundación" do sistema de atención a persoas dependentes xa está no BOE e implica que o mínimo que recibirá Galicia pase duns 180 a 360 millóns anuais
Entre o enorme ruído político vencellado a procesos xudiciais, casos de corrupción e semellantes, o Consello de Ministros aprobou o pasado martes unha profunda reforma do sistema de atención ás persoas dependentes que pasou este mércores polo Boletín Oficial do Estado para estar en vigor, no groso da modificación, o vindeiro 1 de xullo. O que o Ministerio de Dereitos Sociais presenta como a "refundación do sistema da dependencia" implica, no caso galego, que a Xunta pase a recibir, como mínimo, o duplo de fondos que ata agora para atender a poboación nesta situación.
Cun montante total de 6.162 millóns de euros para o que queda de 2026 e todo 2027, o núcleo desta "reforma estrutural" consiste nun relevante aumento das chamadas "contías de nivel mínimo de protección", isto é, dos fondos que o Goberno de España transfire ás autonomías por cada persoas cun grao de dependencia legalmente recoñecido. No caso galego, cos datos dispoñibles a día 31 do pasado maio, implicará que a Consellería de Política Social pasará de recibir uns 15 millóns de euros mensuais a arredor de 30.
O incremento aplicado polo Ministerio que dirixe Pablo Bustinduy, que presentou a reforma en compaña de Pedro Sánchez, distingue en función do grao de dependencia. O grao III, os de persoas consideradas en situación de "gran dependencia", dispara o seu financiamento un 128%: de 290 euros ao mes por persoa a 600. No grao II, "dependencia severa", o financiamento estatal era de 130 euros mensuais e duplícase, ata 260. No grao I, o de "dependencia moderada", os 76 euros actuais increméntanse ata 90, un 18% máis.
A achega estatal para as 28.000 persoas en situación de gran dependencia en Galicia pasará de 8 a 18 millóns ao mes
Segundo as estatísticas do Imserso, a poboación que en Galicia está considerada como dependente moderada, de grao I, estaba composta a finais de maio por algo máis de 36.000 persoas que implicaban que a Xunta recibise do Estado 2,8 millóns ao mes, que agora serán 3,2 millóns. No grao intermedio, que inclúe no noso país unhas 32.000 persoas, os fondos pasarán -en cifras redondas- de 4 a 8 millóns xa dende o 1 de xullo. E para as case 28.000 persoas en situación de gran dependencia, a achega estatal a Galicia incrementarase de 8 a 18 millóns por mes.
Desta maneira, para un exercicio completo, coa actual poboación dependente con grao recoñecido en Galicia os fondos para a Xunta pasarían de 180 a 360 millóns de euros só por ese "nivel mínimo de protección". O pasado 2025 foron, en concreto, 180,5 millóns de euros que, sumados ao outro compoñente de financiamento do sistema (o chamado "nivel acordado", que coa reforma tamén verá incrementado os fondos) quedaron en 241 millóns, o maior importe transferido polo Estado a Galicia dende que existe a Lei de Dependencia pero menos do que suporá de agora en diante o nivel mínimo por si só.
Sinala o ministro Bustinduy que un dos obxectivos deste Real Decreto-Lei é "cumprir o compromiso político de garantir que a achega do Estado ao Sistema de Atención á Dependencia acade en 2027 o 50% do gasto total en dependencia" en cada autonomía. Inverteríase así a prol das autonomías a lóxica da normativa estatal, segundo a cal "a achega da comunidade autónoma será, para cada ano, cando menos igual á da Administración Xeral do Estado". O último ano con datos de gasto total certificado en dependencia, 2024, indica que en Galicia a suma foi de 635,5 millóns de euros.
A Consellería de Política Social descualifica a reforma como "papel mollado", condición que só adquiriría se o Congreso non permite que continúe en vigor
No caso galego, a achega estatal moveuse nos últimos anos entre o 30% e o 40% -na etapa do PP de Rajoy na Moncloa nunca superara o 26%-, o que leva a Consellería de Política Social a acusar o actual Goberno de España de manter con Galicia unha "débeda" duns 3.000 millóns de euros -uns 600 millóns, aplicando esa tese, corresponderían a Rajoy-. Nesa liña, a conselleira Fabiola García recibía o pasado martes o anuncio desta reforma descualificándoo como "papel mollado" porque, ao seu xuízo, non é crible ao non haber novos Orzamentos Xerais do Estado -o Real Decreto-Lei fixa, precisamente, unha fórmula para incrementar os fondos sen novas contas-.
Coa norma xa no BOE e un calendario de aplicación oficial, a única posibilidade que resta para que vire no "papel mollado" sinalado pola conselleira é que non supere a convalidación no Congreso dos Deputados. Ao tratarse dun Real Decreto-Lei, se no prazo máximo dun mes non recibe o visto e prace da Cámara Baixa, a reforma ficará derrogada e as contías serán as previas.
Sostén García en declaracións remitidas a medios que o seu departamento "non cre absolutamente nada do que anuncia o Goberno central" neste eido porque, para atención á dependencia, "en lugar de aumentar, reduce cada ano a súa achega". En realidade, en termos absolutos o último ano no que a achega estatal a Galicia para dependencia minguou en relación ao ano previo foi en 2017, aínda cos populares gobernando no Estado, cando enviaron á Xunta 84,5 millóns tras remitir en 2016 un total de 86,4.