O PP tenta promover en Lugo a dimisión da ministra de Transición Ecolóxica na véspera da folga das Pontes

Votación nun pleno da Deputación de Lugo en setembro de 2019 © Deputación de Lugo

Endesa vai deixar de producir electricidade nas Pontes queimando carbón. Unha decisión empresarial tan inevitable como acelerada por razóns como o elevado prezo do carbón que a eléctrica importa, a suba dos custos dos dereitos para emitir CO₂ á atmosfera e a necesidade de adaptación á Directiva de Emisións Industriais da UE, que esixe reducións drásticas doutros contaminantes causantes do cambio climático como o dióxido de xofre ou o óxido de nitróxeno.

Todos estes factores están sobre a mesa dende hai anos e así o veñen advertindo numerosas voces expertas, que reclaman -polo momento, sen gran eco- que o debate público sobre o peche da térmica das Pontes e, por extensión, as propostas gobernamentais ao respecto fuxan das lecturas a curto prazo. Trátase de procurar unha "transición sustentable que rache coa dependencia enfermiza dunha comarca de certas empresas enerxéticas" e non de alimentar a "reconversión encuberta de Endesa", resumía hai poucos días en Praza.gal o profesor de Física Aplicada José Antonio Rodríguez Añón, coordinador do Máster en Enerxías Renovables, Cambio Climático e Desenvolvemento Sustentable da Universidade de Santiago, o único do Estado na materia.

Voces expertas veñen reiterando a necesidade de que as propostas gobernamentais para afrontar a fin do carbón nas Pontes fuxan do curto prazo

Pero o tirapuxa partidario continúa, agás contadas excepcións, por outros vieiros. Así ficou claro a pasada semana no Parlamento e na xuntanza do presidente da Xunta con algúns dos máximos responsables de Endesa. E así volveu suceder este martes na iniciativa debatida a proposta do PP no pleno da Deputación de Lugo. En vésperas da mobilización na que veciñanza das Pontes e persoal afectado polo eventual peche trasladará as súas reivindicacións a Madrid, os populares procuraron sen éxito que o máximo órgano da institución provincial reclamase que a térmica volva producir electricidade con carbón de inmediato e, se non, reclamase a dimisión da ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, quen a pasada semana respondeu nun artigo publicado no xornal La Voz de Galicia ás recorrentes críticas de Feijóo.

Central de Endesa nas Pontes CC-BY José Antonio Cartelle

A proposta do PP ligaba a solidariedade co persoal de Endesa á esixencia da dimisión da ministra Ribera

Por mor da súa coñecida actividade a prol de medidas contra a crise climática tamén no ámbito da industria, Ribera foi situada no albo polos conservadores galegos dende a súa chegada ao Ministerio. Os de Alberto Núñez Feijóo chegaron a situar o peche das Pontes como froito dunha mera decisión da ministra e así o trasladaron na iniciativa debatida este martes en Lugo. 

Alén de manifestar a "solidariedade cos traballadores da central térmica nas Pontes", o texto a debate propuña pedir "medidas urxentes para garantir a inmediata reapertura da central (...). E, no caso contrario, a dimisión da ministra de Transición Ecolóxica" como "principal responsable da situación da central pontesa".

Tomé: "Feijóo, que leva case once anos gobernando, di que vai facer agora un plan de reindustrialización e nin se ruboriza"

A moción non atopou eco no PSdeG nin no BNG, socios do goberno provincial. "Non lles caiba dúbida do noso apoio aos traballadores de Endesa, o que non facemos é a política da foto á que vostedes están moi dados", retrucou o presidente da institución o socialista José Tomé, quen ironiza con que "semella que a política europea da descarbonización apareceu de repente, hai un ano". En troques, "cando gobernaba Rajoy, non existía". Tomé estende esta crítica á Xunta, onde "o señor Feijóo agora di que vai facer un plan de reindustrialización", o cal "ten tela", porque "este señor, que leva case once anos presidindo a Xunta, dáse conta agora de que ten que facer un plan industrial e nin se ruboriza" malia ter "competencia exclusiva de industria".

Os votos de calidade do presidente -foi preciso pola ausencia puntual dunha deputada do PSdeG- tombou finalmente a moción do PP. Dende o goberno da Deputación lucense lémbrase, asemade, que os populares rexeitaron secundar unha declaración institucional por unanimidade na defensa do emprego nas Pontes, a cal para a líder dos populares, Elena Candia, non supoña máis ca "unha manobra de distracción".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.