O PP tira de ‘power point’ e esquece mapas oficiais para acusar o PSOE de recortes no AVE e o Corredor Atlántico

Ana Pastor no treito de AVE de vía única Olmedo-Zamora inaugurado en 2015 e plan de Adif de 2013 para abrir inicialmente así a gran maioría da liña Madrid-Galicia CC-BY-SA Praza Pública

A Xunta critica que o tren de alta velocidade poida ter treitos de vía única despois de que Ana Pastor inaugurase un e obvia os proxectos xa en marcha para a rede de mercadorías argumentando que un mapa divulgativo de Adif non os contempla

Desde a súa apertura apenas dous días antes das eleccións xerais de decembro de 2015, preto de 70 dos cen quilómetros do treito de AVE entre Olmedo e Zamora veñen sendo operados en vía única. Así os percorreu un par de meses antes a daquela ministra de Fomento, Ana Pastor, baixo cuxo mandato en 2013 Adif estudou diversos recortes nos proxectos de alta velocidade daquela previstos entre os que se atopaba que a maioría da liña de AVE a Galicia entrase en funcionamento inicialmente en vía única. Malia eses antecedentes, este domingo, nun novo paso da campaña da Xunta contra o Goberno central a conta dunha obra xa case rematada, a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, criticou a posibilidade, aínda non confirmada, de que os seguintes treitos do AVE galego sexan abertos tamén inicialmente en vía única. 

Ao tempo, o presidente do Porto de Vigo, o popular Enrique López Veiga, vén de criticar que unha presentación divulgativa de Adif non recollese a extensión a esa cidade do Corredor Atlántico de mercadorías, algo xa aprobado hai ano e medio pola Comisión Europea e para o que a empresa pública xestora da rede ferroviaria xa está a elaborar todo tipo de proxectos de mellora. 

Obras do AVE galego en outubro de 2019, coa plataforma xa rematada para poder instalar nela dúas vías paralelas CC-BY-NC-SA Praza Pública

“En vez dunha autovía están facendo unha estrada”, dixo este domingo nunha entrevista na Cadena Ser a conselleira Vázquez tras anos de construción por parte da Xunta de corredores ou vías rápidas que poucos anos despois foron desdobrados en autovía. Algo similar reprocha agora a Adif, que xa rematou a construción das dúas plataformas paralelas da liña de AVE coa Meseta nas que nalgún treito os trens só circularán inicialmente por unha delas. Así se preveu desde hai anos, e con varios gobernos, por exemplo para o treito arredor do túnel do Padornelo, onde Adif vai aproveitar o subterráneo xa existente da liña convencional. Isto é, alí tres vías de tren (as dúas do AVE e a convencional) deberán compartir só dous túneles.

En 2013 Adif propuxo que a gran maioría do AVE coa Meseta fose de vía única, e así se abriu en 2015 a maioría do treito Olmedo-Zamora, o único rematado con Ana Pastor 

Algo peor pasará no treito máis próximo a Ourense, desde Taboadela, onde o AVE circulará pola vía convencional despois de que durante seis anos de goberno os populares non fosen quen de iniciar as obras do novo trazado. Uns anos nos que Adif mesmo chegou a propoñer, segundo desvelou El País en xuño de 2013, que a gran maioría da liña de AVE entre Madrid e Galicia se abrise en vía única, como así acabou facendo Ana Pastor en 2015 co treito Olmedo-Zamora.

Documento de Adif no que en 2013 propuña abrir inicialmente en vía única a maioría do AVE galego © Adif

Ao tempo que os populares galegos especulan coas características iniciais dos seguintes treitos do AVE obviando o xa ocorrido ata agora, tamén están a darlle importancia a un mapa divulgativo empregado por Adif nun acto comercial en Marrocos no que non aparece Vigo como parte do Corredor Atlántico de mercadorías. 

Hai ano e medio que a Comisión Europea xa incluíu oficialmente a Galicia no Corredor Atlántico e Adif xa ten en marcha diversos proxectos de mellora das liñas galegas para mercadorías

Porén, hai ano e medio que a Comisión Europea xa incluíu oficialmente a liña Monforte-Vigo nesa rede e, o que resulta fundamental para a concreción dese proxecto, xa ten en marcha a redacción de boa parte dos proxectos necesarios para posteriormente poder pedir os fondos europeos que financien as obras de mellora. A propia Adif xa contestou ás acusacións do presidente do Porto de Vigo dicindo que o mapa empregado en Marrocos non reflicte o Corredor Atlántico como tal senón as liñas nas que está a estudar melloras do gálibo para determinados trens entre o estreito e Francia.

Definición aprobada pola Comisión Europea en xuño de 2018 do Corredor Atlántico na península Ibérica Dominio Público Comisión Europea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.