Ourense, cidade e provincia, será un dos puntos onde inescusablemente haberá que ollar na noite do 28M. Nas municipais ourensás examínanse os colapso dos bipartitos do PP con Democracia Ourensana, que acabaron desembocando nos xulgados. Por mor do novo caso Baltar, o presunto delito contra a seguridade viaria do presidente da Deputación e do PP provincial por conducir o coche oficial a 215 por hora, pero tamén pola chegada aos tribunais das gravacións de audio do actual alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, publicadas por La Región e alusivas a presuntas ilegalidades, segundo sostén o xornal e nega o rexedor e candidato.
Nas urnas ourensás examínase o resultado dos bipartitos do PP con Jácome que agora desemboca no xulgado, pero tamén a súa alternativa
Catro anos despois do pacto para salvar a José Manuel Baltar que levou a Jácome á alcaldía, examínase nas urnas o resultado desta operación pero tamén as súas alternativas. A que foi a forza máis votada en 2019, o PSdeG, aspira a encabezar o regreso á serenidade con Francisco Rodríguez, quen fora o seu alcalde de 2007 a 2012, cando o expulsaran do cargo as causas do caso Pokémon agora arquivadas. A unha semana da cita coas urnas, o secretario xeral dos socialistas, Valentín González Formoso, sitúa a Rodríguez como solución a unha disxuntiva: remudar "esperpentos" por "logros".

Durante unha visita a Aspanas, unha asociación ourensá de familias de persoas con discapacidade intelectual, González Formoso apuntou xunto a Rodríguez que quedan sete días "para que Ourense decida se quere ser noticia polos esperpentos de Jácome e do PP" ou "polos logros dunha das cidades máis importantes de Galicia". Se o electorado prefire o segundo e "volver soñar, recuperar o talento da xente nova, estar orgullosa" e tamén atender as necesidades de colectivos como Aspanas, di, a solución é unha alcaldía socialista.
O candidato socialista pide "reflexión" á veciñanza e ínstaa a lembrar que Jácome estivo catro anos "apuntalado" polo PP: "Que isto remate e empece un futuro de esperanza"
Alén das medidas concretas, sinala o candidato, trátase de "recuperar a dignidade". "Non podemos seguir sentíndonos indignos e avergoñados" mentres "vivimos nunha cidade fermosa e con futuro, sito non pode ser". Neste sentido, advirte Paco Rodríguez, cómpre lembrar que Jácome foi elixido e mantívose na alcaldía "apuntalado polo PP" e por iso pide "reflexión" á veciñanza para "que isto remate e empece un futuro de esperanza".
Neste contexto, e mentres diversas enquisas publicadas sitúan o PSdeG en pugna co PP pola primeira posición nas urnas, Rodríguez di percibir "vibracións extraordinarias" cara ao seu equipo, "extraordinariamente motivado". "Temos unha candidatura moi ilusionada e moi implicada", mantén, que se recibe a responsabilidade de gobernar tamén recuperará o "apoio" a colectivos de atención á discapacidade, tal e como realizou cando estivo na alcaldía, afirma.