Se ningún grupo dos que nos últimos anos apoiaron a apertura dunha comisión de investigación política sobre o accidente de Angrois muda a súa postura, o vindeiro curso político estatal será o da aprobación e previsible apertura dese órgano no Congreso dos Deputados. O cambio na criterio do PSOE, que pasou de votar non ou absterse ante as peticións de grupos como En Marea ou o BNG a rexistrar unha petición de investigación política e outra técnica de seu tras recibir ás vítimas, deixou o PP acantoado na negativa. Tras a intensa semana do cuarto aniversario do sinistro este martes o novo escenario político en torno ao accidente no que morreron 80 persoas manifestouse en dúas intervencións: unha dos socialistas en clave de desculpas ás vítimas e outra do ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, reiterando que para o Goberno e o PP non é o momento de pescudar políticas sobre o acontencido.
O encargado de manifestar esa petición de perdón foi un dos deputados do PSOE no Congreso que xa apoiara a investigación cando a dirección federal do partido non o facía, Odón Elorza. A través dun artigo en eldiario.es o parlamentario vasco recompila, "por se alguén ten dúbidas sobre a necesidade de reabrir a investigación do accidente do Alvia", ata "seis razóns" para apoiala, a comezar polo auto no que o xuíz do caso, Andrés Lago Louro, resolveu o pasado marzo a imputación por homicidios imprudentes e lesións do ex-xefe de seguridade na circulación de Adif, Andrés Cortabitarte. Nel, lembra, resáltase a exitencia de "indicios dabondo" para "estimar que, polo menos pola banda de Adif, non se fixo todo o posible para mitigar o risco que finalmente desembocou" no descarrilamento.
Odón Elorza (PSOE): "Os socialistas soubemos rectificar, aínda que non foi doado; pido desculpas ás vítimas polo atraso en apoialas"
O informe da Axencia Ferroviaria Europea que acreditou a falta de independencia na investigación técnica oficial, o auto da Audiencia da Coruña que se pronunciara en idéntico sentido cando obrigou á reapertura do caso, a reclamación da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo a prol da investigación, as sucesivas reclamacións das vítimas e a recente manifestación da comisaria europea de Transportes a prol de seguir indagando son, para Elorza, motivos máis que dabondo para esixir os dous procedementos de investigación, o técnico e o político. As "importantes novidades", sinala, "obrigan a reabrir a investigación técnica inicial do Goberno, que se demostrou fallida" e "o principio de transparencia esixe, tamén, que se coñezan todas as decisións de xestión" que puidesen "Contribuír ao descarrilamento".
"O irresponsable sería ollar cara a outro lado e non escoitar a reclamación da plataforma de vítimas que quere coñecer toda verdade", resalta Elorza, quen lembra que no último ano presentou "diferentes iniciativas parlamentarias que non foron tramitadas". Pero agora, resalta, "o Grupo Socialista no Congreso, de acordo con Pedro Sánchez, solicitou a creación" de senllas comisións. "Os socialistas, a partir dos acontecementos, soubemos rectificar, aínda que non foi doado. Pido desculpas ás vítimas polo atraso en apoialas", conclúe.
De la Serna volve negarse á investigación que apoiou como alcalde
De la Serna apoiou a investigación mentres era alcalde de Santander e, tras acceder ao Ministerio, o seu gabinete manipulou datas para argumentar o seu cambio de postura
Mentres a maioría parlamentaria do Congreso tende maioritariamente cara ao apoio á investigación o ministro de Fomento reiterou este martes que non apoia a investigación política cando menos ata a fin do procedemento xudicial, mentres que a respecto da reapertura da investigación técnica non chegou a pronunciarse. A preguntas da prensa vinte e catro horas despois da súa estancia en Galicia, De la Serna teimou en que é "importante esperar á resolución xudicial" antes de facer movemento político ningún. Instou a ter en conta, ademais, que "a través do xuíz" xa se están a "reclamar informes periciais", peticións que chegan "mesmo á Axencia Ferroviaria Europea", entidade á que lle corresponderá 'desempatar' entre a versión do perito designado pola Xunta, que exculpa a Adif na avaliación de riscos da curva, e a do enxeñeiro independente, que di que a empresa pública non avaliou o risco como debía.
O ministro afonda así nunha viraxe política que vai xusto no sentido contrario á efectuada pola dirección federal do PSOE. Non en van, o ministro deu apoio expreso a ambas investigacións nunha moción aprobada polo pleno do Concello de Santander, que el presidía como alcalde, poucos meses antes de ser nomeado titular de Fomento. Tras acceder ao posto no Goberno central o ministro pasou a negarse a esa petición das persoas afectadas polo accidente nunha xuntanza coa Plataforma Víctimas Alvia 04155 tras a cal, como informou Praza.gal, o Ministerio deu en manipular datas para sustentar a negativa.