Tras o incendiario debut de Meloni na política española, un PP no que Feijóo viña de tomar o mando logrou a absoluta en Andalucía e diversas análises deron por inaugurada unha nova era de triunfos en clave de moderación que estenderon ata as galegas deste ano
A mediados de 2022, Giorgia Meloni participou nun mitin de Vox na campaña para as eleccións de Andalucía. Foi unha intervención incendiaria, inzada de lugares comúns da tradición ideolóxica do partido ao que representaba a que daquela era unha ex-ministra de Silvio Berlusconi de ascendente proxección, Fratelli d'Italia, a marca política herdeira do neofascismo do país transalpino. Pouco despois, Meloni lograba converterse en primeira ministra.
Naqueles meses, o ex-presidente Alberto Núñez Feijóo viña de tomar o mando no PP español en substitución do desbancado Pablo Casado e aquelas eleccións en Andalucía foron a súa primeira boa noticia electoral no posto. Juan Manuel Moreno conseguiu a maioría absoluta que buscaba, sen depender da extrema dereita para ser reelixido. Múltiplas análises da prensa editada en Madrid deron por inaugurada unha nova era de triunfos dos populares en clave de moderación e centrismo, tese que estenderon ata as eleccións galegas do pasado febreiro, as da quinta absoluta consecutiva dos populares.
Apenas dous anos despois, a pasada semana, Feijóo viaxou a Italia para reunirse con Meloni, enfrontada con Vox tras a recomposición dos ultras no Parlamento Europeo. Tras semanas de declaracións altisonantes a respecto da acollida de persoas migrantes nas Canarias e a súa atención noutras comunidades autónomas, o antigo titular da Xunta non aforrou eloxios cara á "eficaz" política migratoria da ultradereitista, que inclúe elementos como subvencionar amplamente gobernos ditatoriais para impedir que persoas procedentes da África subsahariana cheguen a través do Mediterráneo ou atrancar o traballo das organizacións humanitarias que as rescatan.
Feijóo aplaudiu en Roma a "eficaz" política migratoria da herdeira do neofascismo italiano. Rueda agregou que "o que lle gusta" da primeira ministra italiana é "que ten unha política migratoria", con independencia das súas "medidas concretas"
Eses eloxios continuaron cando regresou da viaxe. E deron lugar a un ruxerruxe político e mediático polo que foron cuestionados outros dirixentes do PP. Entre eles, o presidente galego, con especial proxección en Madrid a pasada semana por acudir a reunirse á Moncloa con Pedro Sánchez. Así, por exemplo nunha entrevista co diario El Mundo dixo ignorar se Meloni é de ultradereita, se ben amosou a súa convicción e que hai cousas que está a facer ben.
O pasado luns, xa retornado a Galicia, Alfonso Rueda foi cuestionado na súa comparecencia posterior ao Consello da Xunta sobre "cales" son as medidas de Meloni que, en concreto, son do seu agrado. E optou pola inmigración: "O que me gusta é que ten unha política migratoria, outra cousa é que as medidas concretas me gusten máis ou menos ou pense que non son de aplicación en España", respondeu. Italia "tiña un problema de inmigración importante e abordou desde o goberno da nación unha política de migración", agregou.
Mentres, en Madrid, Feijóo combinaba a crítica á política migratoria do Goberno de España coa presentación mediática das súas iniciativas en materia de conciliación da vida familiar e laboral. Nesta liña, o xefe de filas do PP acudiu a unha entrevista en Telecinco, onde lle preguntaron pola súa postura sobre as negociacións que o Ministerio de Traballo mantén con patronal e sindicatos a respecto dunha posible redución da xornada laboral.
A batalla pola hexemonía na dereita española seis anos despois da fin da era Rajoy segue a desprazar o eixo dos debates, centímetro a centímetro, en sentido contrario á viaxe ao centro onde disque se logran as vitorias
Como resposta, o ex-presidente suxeriu "traballar nove horas e media catro días á semana" como fórmula para rebaixar a xornada laboral, no canto de minguar o total de horas co mesmo salario. É dicir, substituír redución da xornada laboral por concentrala en menos días cuxa suma mesmo superaría as 40 horas semanais do actual máximo legal.
Política migratoria á italiana e política laboral con sombras da previa a 1983, cando foi instaurado -non sen controversia- un límite das 40 horas á semana que os sucesivos gobernos de España de PSOE ou PP non volveron tocar. A batalla pola hexemonía na dereita española seis anos despois da fin da era Rajoy segue a desprazar o eixo dos debates, centímetro a centímetro, en sentido contrario á viaxe ao centro onde disque se logran as vitorias. Mentres, PSOE e Sumar tentan reartellar maiorías parlamentarias que non son tal sen sete votos tamén de dereitas, os de Junts.