O Sergas amplía a vacinación contra o virus do papiloma a varóns ata 21 anos

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, co portavoz parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos Couñago, no pleno do Parlamento deste mércores CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

Ata 2022 a vacina contra o virus do papiloma humano recibíana só as nenas cando cumprían 12 anos, pero nese ano o Sergas decidiu ampliar o calendario de vacinación e incluír tamén os nenos con esa mesma idade. O pasado setembro, hai menos de dous meses, o Sergas decidiu ampliar esa vacinación e recuperar a varóns con máis idade que non chegaran a ser vacinados en anos anteriores, con entre 15 e 18 anos. E agora o Sergas dá un paso máis e volve ampliar a vacinación para os varóns ata os 21 anos.

O anuncio da ampliación da vacinación contra o papiloma humano lanzouno no Parlamento este mércores o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que asegurou que a medida aplicarase "o ano próximo". Isto é, se en setembro comezaron a ser vacinados xa os varóns de 15 a 18 anos, en 2025 serano o resto de varóns ata os 21 anos, o que unido á vacinación ordinaria aos 12 anos garante a cobertura de toda a poboación que hoxe ten entre 12 e 21 anos.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, no Pleno do Parlamento deste mércores CC-BY-SA Praza Pública

Pontón afea que a Xunta rescate autovías pero non o hospital de Vigo e Rueda escúdase na calidade dos profesionais sanitarios

O anuncio de Rueda foi a súa resposta ás críticas da portavoz nacional do BNG, Ana Ponón, que centrou a sesión de control á Xunta deste mércores no Parlamento de Galicia no eido da sanidade. Pontón salientou que case cinco anos despois o Sergas aínda non foi quen de reducir as súas listas de espera aos niveis que había antes da pandemia da COVID-19. "Hai 372.000 galegos e galegas en lista de espera", lamentou a nacionalista.

Pontón tamén criticou que o Goberno galego rescate as concesións de catro autovías pero non faga o mesmo coa concesión do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, cun sobrecusto de 470 millóns de euros. E afeou que o PP poña obstáculos á investigación parlamentaria creada sobre ese e outros contratos do Sergas, o que derivou nun cruce de acusacións entre populares e nacionalistas sobre as intencións de cadaquén nese foro.

Rueda replicou a Pontón escudándose no traballo dos profesionais sanitarios e anunciando a ampliación da vacinación contra o papiloma.

Besteiro insta a creación dun banco público de alugueiro de vivendas e o presidente replica: "faremos moitísimas cousas"

Pola súa banda, o portavoz socialista, José Ramón Gómez Besteiro, centrou a súa intervención no problema de acceso á vivenda, para o que propuxo a creación dun banco público de alugueiro e reclamou "determinación" ao Goberno galego.

A resposta de Rueda foi lembrar as diversas medidas e promesas lanzadas nos últimos anos e asegurar que a Xunta seguirá traballando no eido da vienda. "Faremos moitísimas cousas", sentenciou, ao tempo que avanzou que a Xunta elevará o limiar de renda para acceder a vivendas de protección. Fontes do Goberno galego admitiron que os limiares actuais dificultan o acceso a parellas con dous traballos precarios.

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, no Pleno do Parlamento deste mércores CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.