O Sergas amplía a vacinación contra o virus do papiloma humano a varóns de entre 15 e 18 anos. Ata 2022 a vacina recibíana as nenas aos 12 anos e ese ano tamén comezou a aplicarse a nenos desa idade. Coa nova medida, que comezará a aplicarse este mércores, amplíase a vacinación a nenos que cumpriron esa idade nos anos previos. A Xunta calcula que van ser vacinados uns 27.000 rapaces.
Fálase
O Comité Intercentros da CRTVG denuncia a desaparición do programa da TVG 'A Revista' e a súa substitución por outro –'O Termómetro'– realizado por unha produtora externa. "Están facéndonos crer que este magazine que empeza hoxe forma parte do departamento de programas e que, polo tanto, non estaría protexido pola protección de externalización dos servizos informativos que –polo menos no papel– ten no artigo 35 a actual leis de medios", salientaron desde a representación do persoal nunha concentración este luns en San Marcos [na imaxe]. "Privatizan o servizo público mentres asistimos á falta de carga de traballo das profesionais da CRTVG, afastadas e castigadas por non someterse ás presións para manipular a información", apuntan desde a CUT.
Pedro Sánchez recibirá a Alfonso Rueda o vindeiro venres, día 20, dentro da rolda de encontros con presidentes e presidentas das comunidades autónomas, que o Goberno de España organizou seguindo a orde de precedencia estatutaria, polo que Galicia vai xusto despois de Euskadi e Catalunya. O presidente da Xunta, que incide en que "leva cinco meses esperando" por esta xuntanza, anunciara para esas datas unha viaxe oficial ao Brasil, que agora "atrasará por ser absolutamente prioritario o encontro", sinala. No anterior encontro entre ambos, no verán de 2022, Sánchez advertira a Rueda do seu "non" ao traspaso das competencias do litoral e amosárase aberto a facilitar a chegada de fondos europeos para o proxecto de Altri, na altura presentado coa fabricación de fibras téxtiles como centro da factoría.
Besteiro afirma que o proxecto de Altri para instalarse en Palas "non lle gusta" e dubida de que poida recibir os 250 millóns de euros públicos que reclama para erguer a fábrica. "Polos parámetros de descarbonización, de innovación" ou de "sostibilidade económica e social", o secretario xeral do PSdeG coida que "non vai ter moita saída" pola vía dos fondos europeos e, nunha entrevista coa Cadena SER, insta a Xunta a aclarar se porá fondos propios para unha fábrica que tras diversos "vaivéns", afirma, evidencia que se dedicaría á "produción masiva" de celulosa.
- Menos emprego do prometido, máis eucalipto e riscos: duro informe do Consello da Cultura sobre Altri
- HEMEROTECA | Altri triplicou a produción prevista na súa fábrica galega dende que pactou coa empresa da Xunta
- HEMEROTECA | Os fondos públicos que Altri reclama para instalarse en Palas dependen do visto e prace ambiental da UE
Comisións Obreiras e a Fundación 10 de Marzo homenaxean a Xan María Castro, o histórico sindicalista falecido a finais de 2023 que durante nove anos (2000-09) liderou o sindicato e, dende o 2013 e ata o seu pasamento, presidiu a fundación. A homenaxe lembrouno como "unha persoa xenerosa, fondamente comprometida na loita polas liberdades de que hoxe gozamos e en defensa da clase traballadora". [Imaxe: CCOO]
VIOLENCIA MACHISTA | Un home ataca con gasolina e prende lume á súa ex-parella en Vigo. O agresor xa foi detido
O BNG celebrará a súa XVIII Asemblea Nacional o 1 de decembro en Santiago. "Permitiranos relanzar o proxecto para conquistar o Goberno", afirmou este sábado Ana Pontón ante o Consello Nacional da formación soberanista, onde bosquexou obxectivos da cita asemblear como "afianzar a liña de traballo que nos trouxo até aquí, onde sen renunciar a ningún principio da nacionalismo, conseguimos chegar a amplos sectores da sociedade galega" ou "reforzar a organización" porque "sen organización non hai cambio real posible". Na imaxe, Pontón flanqueada por Carme da Silva e Goretti Sanmartín, este sábado no Consello Nacional do Bloque
- HEMEROTECA | O BNG, tras o 18F: pisar territorio co seu programa mentres procura máis fendas no PP
- HEMEROTECA | Na Galicia máis moza a fenda entre PP e BNG minguou a 6 puntos e nas zonas máis ricas subiu ata 20
- HEMEROTECA | A asemblea do BNG fixa encabezar o Goberno como obxectivo estratéxico e reforza o liderado de Ana Pontón
O BNG rexistra a investigación do sobrecusto do Cunqueiro e os contratos da Xunta con "empresas amigas e vinculadas a familiares". Ana Pontón asegura "non contemplar" que o PP "vete que Feijóo e Rueda comparezan", porque "sería unha falta de respecto aos galegos e galegas e á democracia". O seguinte paso será formular un plan de traballo con peticións concretas de comparecencias e documentación. Este mesmo venres o PSdeG avanzou que, no marco desa comisión, tamén reclamará a Feijóo e Rueda, e "probablemente haberá outras persoas de apelido Feijoo e de apelido Núñez que tamén cremos que son importantes, porque non pode ser que a contratación dunha empresa privada co sistema público aumente exponencialmente en canto entra a dirixir a irmá do presidente da Xunta", avanza o voceiro da súa Executiva, Julio Torrado.
- Que Feijóo volva a Galicia... Para dar explicacións
- "De que sobrecustos está falando?": Rueda critica a Besteiro por non estar "centrado" e pide a Pontón que sexa "valente"
- O BNG gaña o foco e o PP retén o control: os marcos da investigación aos contratos e sobrecustos da Xunta
- O foco de Feijóo sobre o que pode facer a familia dun presidente acaba virando contra a súa
Ti non o sabes, túa filla é a última en saír de todas as raves. Fillas de Cassandra revisa o mítico himno de La Pegatina, Maricarmen. “Ao final Maricarmen está tan entusiasmada que quere bailar no ‘afterhour’ coa filla ata o final, obviamente”, din Sara Faro e María SOA.
As Fillas de Cassandra actúan esta fin de semana no Festival Revenidas, en Vilaxoán; na sesión vermú da E-Foliada de Vila de Cruces; e nas Festas do Cristo do Barco de Valdeorras.
Concello de Vigo e Zona Franca anuncian o "inicio da recuperación da Panificadora para a cidade". Ambas institucións lanzan un novo convenio para "o desenvolvemento urbanístico da antiga industria" e da súa contorna. "Agora hai que redactar o convenio, que definirá o como, para que, os detalles e o investimento" que se fará "en canto o PXOM estea aprobado", sinala o alcalde, Abel Caballero. A antiga fábrica de pan pechou en 1980 e, dende aquela, acumulou intentos de demolición, incendios e ocupacións mentres planeaban sobre ela diversos proxectos que non chegaron a executarse, tal e como contamos nesta reportaxe.
- HEMEROTECA | Os destinos da Panificadora de Vigo