Pedro Sánchez recibirá a Alfonso Rueda o vindeiro venres, día 20, dentro da rolda de encontros con presidentes e presidentas das comunidades autónomas, que o Goberno de España organizou seguindo a orde de precedencia estatutaria, polo que Galicia vai xusto despois de Euskadi e Catalunya. O presidente da Xunta, que incide en que "leva cinco meses esperando" por esta xuntanza, anunciara para esas datas unha viaxe oficial ao Brasil, que agora "atrasará por ser absolutamente prioritario o encontro", sinala. No anterior encontro entre ambos, no verán de 2022, Sánchez advertira a Rueda do seu "non" ao traspaso das competencias do litoral e amosárase aberto a facilitar a chegada de fondos europeos para o proxecto de Altri, na altura presentado coa fabricación de fibras téxtiles como centro da factoría.
