O Supremo confirma que a Xunta privilexiou as empresas de comecartos fronte ás de máquinas de apostas

Máquina comecartos instalada nun bar CC-BY-SA Palomaleca

O Goberno galego condicionou a instalación de apostas en bares nos que xa houbese comecartos a que as empresas destas emitisen un informe, o que para o tribunal “parece responder aos singulares intereses” das segundas e non a garantir a saúde ou a orde pública

O Tribunal Supremo vén de ratificar unha sentenza emitida hai dous anos pola Audiencia Nacional que anulou a esixencia establecida pola Xunta en 2012 de que a instalación de máquinas de apostas en locais que xa teñan aparellos comecartos conte coa sinatura do propietario destes. Ese requisito foi denunciado pola Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) por considerar que atentaba contra a libre competencia, e así o entendeu tamén tanto a Audiencia Nacional hai dous anos como agora, tras un recurso de casación desestimado, o Tribunal Supremo. 

O alto tribunal di que “a medida acordada non tende obxectivamente a garantir a saúde, a orde pública, nin tampouco garante per se a proliferación indiscriminada de locais nos que se autoriza o xogo e máis ben parece responder aos singulares intereses das operadoras de máquina tipo B [coñecidas como comecartos] establecidas nos locais de hostalería, a quen, en definitiva, se lles dota da capacidade de posibilitar ou non a nova instalación”.

Sede do Tribunal Supremo, en Madrid © Tribunal Supremo

A orixe do caso agora resolto en casación polo Supremo naceu da solicitude dunha empresa operadora de máquinas de apostas que quería instalar unha nun local de hostalería de Betanzos. Porén, a Xunta denegoulle en 2017 a autorización por non entregarlle “o documento de conformidade asinado pola empresa operadora de máquina tipo B”, coñecidas como comecartos ou comecartos que xa había no local. Un requisito que o Goberno galego estableceu a través dun decreto de 2012, no que fixou que para a instalación de máquinas de apostas en locais que xa contasen con autorización para máquina comecartos debía entregarse un documento “asinado conxuntamente” pola empresa da máquina de apostas, a persoa titular do local “e pola empresa operadora de máquinas de tipo B”.

O rexeitamento da Xunta a unha máquina de apostas nun local de hostalaría de Betanzos porque a empresa non lle entregou a sinatura da propietaria da comecartos que xa operaba alí foi a orixe dun caso que agora anula a normativa galega

A empresa da máquina de apostas que recibiu a negativa foi amparada pola Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC), que considerou vulnerada a libre competencia e reclamou á Vicepresidencia da Xunta que rectificase, pero o daquela titular dese departamento, Alfonso Rueda, contestou o requirimento “rexeitando o solicitado”.

A Comisión da Competencia presentou daquela un recurso contencioso-administrativo ante a Audiencia Nacional contra a Xunta e esta, no proceso, defendeu que “non pode afirmarse que os titulares de máquinas auxiliares de apostas e de máquinas de tipo B compartan o mesmo mercado polo simple feito de que as respectivas máquinas estean instaladas nun mesmo establecemento”, algo que a Audiencia Nacional rexeitou hai agora dos anos nunha sentenza avanzada por Praza.gal na que anulou a disposición conflitiva do decreto galego. 

Vista de Betanzos © Concello de Betanzos

Naquela sentenza a Audiencia Nacional lembrou que as leis estatais de unidade de mercado e libre acceso prohiben “a intervención de competidores nos procedementos de outorgamento de novas autorizacións” para comezar a operar unha actividade. Tamén censurou que os argumentos empregados pola Xunta no proceso “parecen inclinarse á protección dos intereses económicos de determinados operadores económicos e non do interese xeral”.

Esa sentenza da Audiencia Nacional foi recorrida por varias empresas de máquinas comecartos ante o Supremo, que agora vai máis alá. A Xunta compareceu formalmente no novo proceso, pero desta volta non formulou alegacións e deixou a argumentación en defensa da súa propia normativa en mans das empresas. 

O que fixeron as empresas de máquinas comecartos foi asegurar ante o Supremo que non son competidoras das máquinas de apostas, como afirmou a Audiencia Nacional, xa que “o xogador que se pon diante dunha máquina de tipo B, e o apostante que o fai diante dunha máquina auxiliar de apostas, pouco ou nada ten que ver, canto aos seus fins e características, e por ende as empresas que operan un e outro xogo”. Nos dous casos, argumentaron as empresas recorrentes, a administración pode establecer restricións en beneficio da cidadanía.

Porén, o Supremo desbotou ese argumento. Segundo o tribunal, “é claro que a imposición da aprobación do operador da empresa da máquina tipo B constitúe en principio unha limitación ou restrición á liberdade de establecemento” suxeita ao consentimento “un terceiro titular da máquina tipo B, con intereses económicos propios”. 

Sentenza do Supremo que censura o privilexio que a Xunta outorgou ás empresas de máquinas comecartos, denominadas de tipo B, fronte ás de apostas CC-BY-SA Praza Pública

O Supremo desbota o argumento empregado polas empresas de máquinas comecartos de que a medida está xustificada pola “capacidade planificadora da Administración autonómica en defensa do interese xeral, a saúde pública dos consumidores e usuarios, con especial mención aos menores de idade, e á orde pública”. Segundo o tribunal, “tales xenéricas e imprecisas explicacións resultan claramente insuficientes” para xustificar que a autorización de máquinas de apostas estea condicionada ao consentimento das empresas de máquinas comecartos. 

A Xunta “non ofreceu ningunha explicación aceptable” para que as empresas de comecartos, “con intereses propios”, interveñan na autorización de máquinas de apostas

E xusto a continuación engade que “no regulamento de apostas de Galicia non se expoñen as razóns polas que se adopta a aludida medida” e a propia Xunta, “que comparece en autos, non achega razóns ao respecto”. “O déficit de xustificación confírmase pola constatación de que a Administración autonómica non ofreceu ningunha explicación aceptable sobre a esixencia da intervención dun terceiro titular doutro tipo de máquinas, con intereses propios, nun procedemento de autorización das máquinas” de apostas.

O tribunal conclúe que “a medida acordada non tende obxectivamente a garantir a saúde, a orde pública” e controlar a proliferación do xogo senón que, incidindo na sospeita que xa amosara a Audiencia Nacional, “máis ben parece responder aos singulares intereses das operadoras de máquinas tipo B”. 

Clientes dun local de hostalaría © Hostalaría compostela

A Xunta vén de enviar ao Parlamento unha nova lei do xogo que manterá as máquinas de apostas nos bares, como lle pediu a patronal do sector, malia rexeitalas o resto de representantes sociais

A sentenza do Supremo chega cando a Xunta vén de enviar ao Parlamento unha nova Lei do Xogo de Galicia que manterá as máquinas de apostas nos bares, como lle pediu a patronal do sector, malia rexeitalas o resto de representantes sociais. A nova norma tamén desbota a reclamación de Sanidade de que non se permitan apostas nos recintos deportivos, permitirá que locais de xogo sigan xunto a colexios e facilitará casinos máis grandes. Durante a tramitación da norma varias casas de xogo chegaron a pedir á Xunta multar a menores e adictos en lugar das empresas que os deixan xogar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.