A Comisión de Transportes dá o visto e prace ao acordo de PSOE, BNG e Sumar para transferir a autoestada á Xunta no que os conservadores descualifican como "pacto de traidores"
A lei para traspasar as competencias da AP-9 á Xunta está a chegar máis lonxe ca nunca. Tras unha década de bloqueos, o acordo acadado a finais de maio por PSOE, BNG e Sumar permitiu desembarrancar o proceso e impulsalo cunha fórmula segundo a cal, unha vez aprobada, as condicións concretas da transferencia sexan aprobadas na comisión mixta Galicia-Estado que certifica estes avances no autogoberno.
Ese avance traduciuse o 26 de maio no visto e prace ao novo texto no seo do relatorio constituído no propio Congreso para analizar a lei galega, que partiu do Parlamento galego tres veces avalada por senllas unanimidades. Esa aprobación chegou malia ao "non" de PP e Vox, que ambas formacións das dereitas veñen de reproducir este martes, cando a Comisión de Transportes aprobou o ditame da norma, isto é, o texto que ten que votar o pleno do Congreso para decidir se avala ou tomba o traspaso.
PSOE, BNG e Sumar sacaron adiante, segundo o previsto, un texto que os populares descualifican como "pacto de traidores". Asegura o PP que "quere a transferencia, pero non a calquera prezo", e a través do deputado ourensán Celso Delgado sosteñen que coa nova redacción non quedan garantidos "os recursos económicos necesarios para a súa xestión". A lei orgánica que agora vai cara ao pleno "pretende crear unha aparencia de cumprimento da pretensión de Galicia" que non é tal, censuran.
Os grupos do Goberno e mais o Bloque subliñan que o texto mantén no Goberno de España "todas as consecuencias das decisións que tomase, incluídas as económicas" mentres a autoestrada fose da súa competencia
A xuízo do PSOE, "hai que ter moita cara para dicir que traballan por conseguir a transferencia, pero votar en contra", lamenta a deputada Patricia Otero. En calquera caso, a lucense celebra o que considera "un gran día de alegría para Galicia", froito do "consenso e dun gran traballo entre tres grupos" que implica, garante, que "será o Estado que asuma as consecuencias que deriven de asuntos relacionados co seu período de titularidade da infraestrutura".
De "día de ledicia para Galicia" fala tamén Manuel Lago, de Sumar, quen así e todo lamenta que o traspaso, se finalmente sae adiante, o faga "con vinte anos de atraso". O deputado do BNG, Néstor Rego, tamén conclúe que é "un bo día", toda vez que a lei galega "nunca chegara a este punto" malia as sucesivas unanimidades en Galicia. "Estamos máis preto do que a sociedade galega vén reclamando: transferir a autoestrada" e sucede cunha "solución que cumpre todos os criterios aprobados por unanimidade" no lexislativo galego.
Neste sentido, Rego asegura que fica garantida "a transferencia da titularidade e das competencias na xestión" e o Estado "asume todas as consecuencias das decisións tomadas sobre a AP-9, incluídas as económicas". Para o parlamentario nacionalista tamén ve "evidente" que, en realidade, "o PP non quere que se transfira" e non en van, lembra, mentres gobernaron no Estado os populares mantiveron esta reclamación "vetada e mesmo gardada nun caixón".
A lei orgánica pon así rumbo ao pleno do Congreso, onde o "non" do PP si pode acabar poñendo en risco o traspaso. Ao tratarse dunha lei orgánica cómpre que sexa aprobada por maioría absoluta, o que requiriría votos alén dos dos grupos que sustentan o Goberno e mais o do Bloque.