Os Franco argumentan agora que Meirás é seu porque o ditador contratou un seguro para o pazo

Imaxe propagandística de Franco, a súa dona e a súa filla datada en 1938, tras quedaren con Meirás, sobre unha imaxe do Pazo CC-BY-SA Foto Meirás: Turismo de Galicia | Imaxe dos Franco: Dominio Público

O vindeiro xullo comezará na Coruña o xuízo pola propiedade do Pazo de Meirás, no que a Avogacía do Estado tentará demostrar, co apoio de institucións como a Xunta e os concellos da Coruña e Sada -que comparecen como partes-, que o histórico recinto é propiedade pública e, daquela, debe deixar de estar nas mans dos herdeiros de Francisco Franco. Os representantes da familia do ditador veñen de engadir un novo argumento ao seu catálogo para tentar facer ver que o pazo é deles: Franco, din, pagou un seguro e impostos por Meirás.

Os herdeiros do ditador achegan á causa xudicial xustificantes de pagamento dun seguro e diversos impostos para argumentaren que o Pazo de Meirás era propiedade do xeneral golpista e non público, segundo revela a Cadena SER

Como publica a Cadena SER, entre a documentación que os avogados dos Franco achegan ao proceso xudicial para tentar acreditar a propiedade do edificio figura unha póliza de seguros contraincendios datada no 28 de abril de 1940 -dous anos despois de que o xeneral golpista 'tomase posesión' de Meirás, pero un ano antes da súa suposta compra- que cubría danos por ata un millón e medio de pesetas da época. A póliza implicaba o pagamento de 3.456 pesetas anuais á compañía Covadonga -mercada por Aegón en 1999- durante unha década e foi renovada en 1959, con máis coberturas e cota de 4.788,15 pesetas.

Segundo a documentación revelada pola SER, os avogados da familia de Franco tamén presentan extractos do pagamento de impostos vinculados ao pazo para faceren ver que o ditador o trataba como propiedade privada. Así, por exemplo, achegan extractos de pagamento por rendementos agrícolas de leiras pertencentes aos terreos de Meirás en 1958. Tamén facilitan copias de impostos de 1959, aínda que segundo a mesma información, nese caso indícanse propiedades na provincia da Coruña, xa sen especificar se se trata ou non do Pazo.

Busto de Franco no Pazo de Meirás Dominio Público @rubencela

Con estes papeis, os avogados dos Franco tentan contrarrestar a documentación achegada pola Avogacía do Estado. Entre eles, un documento clave que permaneceu arquivado durante décadas en pleno centro da Coruña, no Arquivo Histórico de Protocolos do Colexio Notarial de Galicia, de cuxa existencia se sabía por diversas investigacións históricas, pero que non se chegara a achar. Con el, a Avogacía estatal e o resto de institucións que defenden a devolución do Pazo dan por acreditado que a súa suposta compra por parte de Franco non foi máis ca unha fraude.

Con estes papeis, os avogados dos Franco tentan contrarrestar a documentación achegada pola Avogacía do Estado, que ve demostrada que a suposta compra de Meirás non foi máis ca unha fraude

Así, a denominada Junta Pro-Pazo, formada por persoeiros franquistas, fíxose co edificio mercándollo por unhas 400.000 pesetas aos herdeiros de Emilia Pardo Bazán. A operación foi financiada mediante unha recadación pouco despois do golpe que incluíu dende deducións nas nóminas de funcionariado da provincia coruñesa ata patrullas de falanxistas polas casas

A "doazón" a Franco, que mesmo fora publicitada na prensa da época, produciuse en 1938 mediante un documento privado. Pero en maio de 1941 celebrouse un novo contrato de compravenda entre Franco -representado por Pedro Barrié de la Maza, propietario do Banco Pastor e activo colaborador cos franquistas tras o golpe- e Manuela Esteban-Collantes, viúva do fillo da Pardo Bazán. Segundo a Avogacía do Estado, nesa escritura creouse "a aparencia de que Francisco Franco adquiría o mesmo inmoble por 85.000 pesetas", unha cantidade que ven "irrisoria". Nese momento, Franco xa ostentaba a condición de "Xefe do Estado" tras o triunfo do golpe e utilizábao con tal condición. No entanto, os avogados dos herdeiros pretenden demostrar que, en realidade, Franco o financiaba todo do seu peto.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.