O 13 de outubro de 2021 Feijóo prometeu unidades para "persoas que, tras recibir a alta hospitalaria, necesitan acompañamento", como un home que vén de pasar cinco meses no hospital malia ter a alta porque require coidados que non pode ter no seu domicilio
O 13 de outubro de 2021, hai agora cinco anos, o daquela presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, prometía no Parlamento "as primeiras unidades de coidados intermedios da historia de Galicia, nas que se atenderá ás persoas que, tras recibir a alta hospitalaria, necesitan acompañamento social durante un tempo determinado, antes de volver ás súas casas". Porén, hai uns días La Voz de Galicia revelaba o caso dun home ao que deran a alta médica en abril pero que seguía hospitalizado en Pontevedra porque require coidados que non pode recibir no seu domicilio. Un caso que coincide coa promesa de Feijóo de 2021. Pero cinco anos despois a Xunta segue sen contar con ningún centro como os que prometera.
A Consellería de Política Social, preguntada de xeito reiterado por este medio desde o pasado xaneiro, vénse negando a responder sobre o incumprimento da promesa de Feijóo. E tamén se desentende agora deses centros de coidados intermedios malia ser preguntada expresamente tras o caso do home hospitalizado en Pontevedra cinco meses por falta de lugares onde recibir outro tipo de coidados non hospitalarios.
Foi durante a pandemia da Covid-19 cando xurdiu a necesidade de crear centros de coidados intermedios para persoas que non precisaban unha atención tan específica como a hospitalaria pero que tampouco estaban en condicións de retomar a súa vida previa, fose nos seus domicilios ou en residencias de maiores. Tras o anuncio de Feijóo no debate sobre o estado da autonomía de outubro de 2021, a Xunta tirou de fondos europeos no marco do Plan de Recuperación Transformación e Resiliencia do Goberno de España para impulsar o que supostamente ía ser o primeiro centro de coidados intermedios en Santiago.
Como parte da liña de acción dese plan estatal de modernización dos servizos sociais, a Consellería de Política Social convocou a finais de 2022 un concurso público para remodelar, novamente, o Centro Galego de Desenvolvemento Integral (Cegadi) e habilitar nel ese primeiro centro de coidados intermedios. Pensado en 2008 pola Xunta de PSdeG e BNG como o gran centro de discapacidade de Galicia, a construción do Cegadi na zona de Salgueiriños, ao norte da cidade, rematou en 2013 e permaneceu sen uso ata 2018. Despois a Xunta reubicou nese mesmo edificio a súa fundación de tutela de persoas adultas (Funga) e o centro de coidados intermedios prometido en 2021 viña ser un novo xeito de dotar de contido un edificio infrautilizado.
Política Social anunciou que o primeiro centro de coidados intermedios, en Santiago, abriría a comezos de 2024, pero agora non é quen de dicir cando será ou se outro en Mos máis caro e atrasado pasou a ser prioritario
Política Social adxudicou o contrato de 1,1 millóns de euros para remodelar o Cegadi e habilitar nel "o primeiro centro de coidados intermedios" a comezos de 2023 e a conselleira, Fabiola García, anunciaba daquela que estaría aberto a principios de 2024 con 60 prazas. Así o seguía asegurando Política Social a finais de 2023, cando reiteraba que no Cegadi "poñerase a funcionar nos vindeiros meses o primeiro centro de coidados intermedios público de España".
Pero dese primeiro centro prometido en Santiago nada volveu saberse mentres que a consellería pasou a anunciar que abriría un "segundo centro destas características no antigo hospital do Rebullón, en Mos". O concurso para remodelar ese edificio por 11,6 millóns, dez veces máis que o xa destinado ao centro de Santiago, foi lanzado a comezos de xaneiro pero nove meses despois segue sen estar adxudicado, segundo a información oficial da plataforma de contratación da Xunta.
Tamén en xaneiro, ante a convocatoria do concurso para as obras do "segundo" centro de coidados intermedios en Mos tres anos despois do prometido polo presidente Rueda, e ante a demora de dous anos na apertura do "primeiro" centro en Santiago no que supostamente xa remataran as obras, Praza.gal formulou varias cuestións a Política Social. Durante varias semanas este diario preguntou que previsións hai para a apertura do centro no Cegadi de Santiago, que uso teñen os espazos nos que se realizaron as obras en 2023 e que prioridades ten en xeral a consellería a respecto dos centros de coidados intermedios prometidos hai cinco anos. Política Social rexeitou responder en reiteradas ocasións.
Agora, tras coñecerse o novo caso do home hospitalizado en Pontevedra durante cinco meses malia ter a alta médica por atoparse desamparado sen posibilidade de recibir a atención que precisa na súa casa, Praza.gal volveu reiterar as mesmas preguntas. Tras unha protesta porque Política Social deu explicacións sobre o caso a outros medios de comunicacións pero non a este diario, finalmente a consellería remitiu unha sucinta contestación que se desentende das preguntas expresas sobre os centros de coidados intermedios, limitándose a dar por resolta a situación do home de Pontevedra.
Segundo Política Social, "a Fundación Galega para a Tutela de Persoas Adultas (FUNGA)" -ese era o seu nome anterior, o oficial agora é Fundación Pública Galega para o Apoio ao Exercicio da Capacidade Xurídica- "recabou, baixo amparo da Fiscalía, toda a documentación necesaria da persoa que permanece no hospital de Montecelo, para solicitar a súa situación de emerxencia social. Con toda a documentación, os funcionarios da Consellería de Política Social e Igualdade acreditaron que cumpre todos os requisitos dunha emerxencia social e xa conta cunha praza residencial nun centro público autonómico. En todo caso, se a persoa ingresada continúa rexeitando a acceder a este recurso, o ingreso na residencia só poderá realizarse a través dunha comunicación xudicial".
A resposta de Política Social non di que tipo de "centro público autonómico" acollerá o home nin contesta as preguntas expresas sobre os centros de coidados intermedios prometidos hai cinco anos.
O Defensor del Pueblo abriu unha actuación de oficio en todo o Estado sobre o volume de pacientes que ven prolongada a súa estancia en hospitais sen necesidade
Por outra banda, hai uns meses o Defensor del Pueblo, abriu unha actuación de oficio en todo o Estado sobre a situación de pacientes que "por distintas razóns ven prolongada a súa estancia en centros hospitalarios de agudos a pesar de resolverse o seu proceso agudo de enfermidade e estar en condicións de recibir a alta hospitalaria". O Defensor pediu á Consellería de Sanidade que desenvolva "nos diferentes sistemas de información dos centros hospitalarios de agudos, un indicador de xestión comprensivo do número de días de prolongación da estancia hospitalaria por razóns de etioloxía social" para así ter información adecuada sobre o volume dun problema para o que os centros de coidados intermedios suporían unha solución.
A resposta da Xunta segue figurando "en trámite".