A portavoz do BNG salienta que "sen igualdade" no uso das linguas "non hai liberdade" e o presidente considera que os manifestantes o domingo en defensa do galego "non eran tantos"
Tras 17 anos de goberno do PP, catro con el á fronte, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, considera que "se seguimos así o que está en perigo non é o galego senón a liberdade en Galicia". Non o dicía polas políticas do Goberno galego senón polas críticas do BNG ás mesmas, formación á que atribuíu unha elevada capacidade de coerción da sociedade galega, nomeadamente en materia lingüística, malia que o uso do galego segue en retroceso. Foi nese contexto, preguntado este mércores no Parlamento, tres días despois do Día das Letras Galegas, pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, sobre as súas políticas lingüísticas onde Rueda proclamou que "Galicia é orgullosamente libre e orgullosamente bilingüe".
O debate sobre lingua iniciouno Pontón lembrando a manifestación do pasado domingo en defensa do galego e pedindo a Rueda que volva ao consenso do Plan de Normalización Lingüística aprobado por unanimidade do Parlamento en 2004, con Manuel Fraga como presidente. Fronte a ese plan, do que a Xunta vén renegando desde 2009, o Goberno galego propón agora un novo "pacto" pola lingua aínda en elaboración no que non está a participar o BNG.
Pontón lembrou que o galego é "a única lingua do Estado que perde falantes", pero Rueda defendeu as súas políticas lingüísticas nos últimos 17 anos asegurando que hai que "escoitar á xente" nas eleccións. "Vostede presentouse defendendo a independencia de Galicia e o monlingüísmo en galego", acusou Rueda a Pontón, malia non figurar esas cuestións no seu programa electoral. "E nós presentámonos defendendo o contrario", engadiu o presidente, para proclamar nese momento que "Galicia é orgullosamente libre e orgullosamente bilingüe".
Rueda tamén se referiu á manifestación en defensa do galego dicindo que "non eran tantos o domingo". E criticou que Pontón non participase nos actos institucionais do Día das Letras Galegas.
"Onde está o 50% do galego no cine, na escola, na xustiza? Sen igualdade non hai liberdade", di Pontón
Na súa réplica Pontón preguntouse de que "imposición" fala o PP. "Onde está o 50% do galego no cine, na escola, nos medios de comunicación, na xustiza, na sanidade?", preguntouse, para concluír que "sen igualdade non hai liberdade, esa é a liberdade que vostede quere roubar ás próximas xeracións".
Rueda rematou o debate admitindo que "por suposto que hai retos para a lingua, a remuda xeracional, que a queira falar a xente nova pero non lla fagan odiosa con esas formulacións", acusando o BNG de querer "secuestrar" o galego. "Se seguimos así o que está en perigo non é o galego senón a liberdade en Galicia", concluíu.
Pregunta de Democracia Ourensana e sen Besteiro
Na sesión de control deste mércores interveu o deputado de Democracia Ourensana en lugar do socialista Besteiro, que non estaba no hemiciclo, pero Rueda cargou igualmente contra el pola imputación de Zapatero
A sesión de control deste mércores foi unha das que, cada certo tempo, o PSdeG queda sen preguntar ao presidente a cambio de que o faga o único deputado de Democracia Ourensana, Armando Ojea. Coincidiu coa imputación este martes do ex-presidente Zapatero e co líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, de viaxe en Madrid. Así que non houbo debate entre Rueda e Besteiro, pero o primeiro no deixou pasar a oportunidade de lembrar a nova imputación no PSOE. As súas primeiras respostas a Ojea e Pontón, sen vir a conto, foron para tentar ridiculizar a Besteiro e o PSOE.
O ourensán Ojea, pola súa banda, pediu máis implicación da Xunta co termalismo en Ourense e Rueda defendeu as súas actuacións na materia.