Pontón reclama que o plan contra a crise de prezos inclúa máis impostos ás eléctricas e a "excepción galega" no recibo da luz

Pontón presenta no mercado coruñés de San Agustín a campaña do BNG para reclamar medidas contra a suba dos prezos, este 28 de marzo CC-BY-NC-SA BNG

En vésperas da manifestación na que, o vindeiro día 3, o BNG reclamará solucións aos gobernos galego e español para paliar a crise de prezos, a portavoz nacional da formación acudiu este luns ao mercado coruñés de San Agustín para expoñer parte das súas reivindicacións ao respecto. Mentres Pedro Sánchez confirmaba algunhas das medidas que o seu Executivo se dispón a poñer en marcha para tentar aliviar a situación -caso da bonificación de 20 céntimos por litro de combustible, Ana Pontón reclama que esas accións inclúan tocar os beneficios das eléctricas e mais unha "excepción galega" na tarifa da luz.

"Cada vez os salarios valen menos e a crise require que os gobernos estean á altura", expón a líder soberanista, quen evidencia que "un dos elementos que máis afecta á inflación é o prezo da luz" e por iso, di, o Bloque defende que "parte do escandaloso beneficio" das compañías eléctricas "se traslade aos colectivos máis afectados" polas dificultades económicas. Para facelo, di, cómpre "unha suba de impostos" para un sector "cuxo beneficio superou os 11.000 millóns en 2021".

Ana Pontón e membros do BNG da Coruña, presentando a campaña da formación previa á manifestación pola crise de prezos CC-BY-NC-SA BNG

Neste sentido, Pontón lamenta que, "lonxe de gravar estas altísimas plusvalías, o Goberno central fose en direccón contraria" hai seis meses "ao baixar o imposto de xeración de enerxía". "Isto implica un aforro cifrado en 1.500 millóns de euros para multinacionais como Iberdrola, Naturgy ou Endesa" e por iso, di, cómpre revisar os tributos que pagan alén de "fixar un límite ao prezo do gas", como o Estado se dispón a facer xunto a Portugal tras obter o visto e prace no seo da UE.

O BNG subliña que na manifestación convocada para o día 3 tamén reclama medidas ao Goberno galego, se ben augura que Feijóo se vai "despedir de Galiza con propaganda e fume"

A respecto dese acordo logrado por Pedro Sánchez e António Costa en Bruxelas, Pontón razoa que "da mesma maneira que Bruxelas concedeu a excepción ibérica" para rebaixar os prezos da luz, "o Goberno central debe mostrar sensibilidade e admitir a excepción galega", que sería tanto como admitir "a tarifa eléctrica galega que propón o BNG dende hai anos". Galicia, agrega, precisa "unha compensación polos custos sociais e ambientais de producir e exportar electricidade".

O Bloque advirte de que as reclamacións da súa campaña se dirixen ao Goberno do PSOE e UP no Estado, pero tamén ao Goberno galego e quen aínda é o seu presidente, "quen segue sen adoptar ningunha medida concreta para atallar a escalada de prezos". Alberto Núñez Feijóo, lamenta, non fai máis que "buscar culpables e facer anuncios que non se concretan no DOG". "Feijóo vaise despedir de Galiza con propaganda e fume" e iso, avanza, tamén o sinalará o BNG na súa manifestación do día 3 en Santiago.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.