Rueda asegura que se detecta "anomalías" en Povisa "fariámolo público, faltaría máis"

O presidente Rueda no Consello da Xunta deste martes 9 de decembro de 2025 CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

O presidente salienta que o sistema de cobro de Ribera Salud en Madrid "é completamente diferente" do de Povisa, pero obvia que é similar ao que houbo desde 2014 ata o pasado abril

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou este martes que se o Sergas detecta "algún tipo de anomalía" no concerto que ten co hospital privado Povisa, do grupo Ribera Salud, "fariámolo público dentro dun exercicio de transparencia, faltaría máis". Unha resposta que dá tras as revelacións de El País de que Ribera Salud deu orde a un hospital madrileño de reducir a atención a pacientes para así mellorar os seus beneficios económicos.

Fachada do hospital Ribera Povisa en Vigo © Ribera Povisa

A pasada semana, tras estourar o escándalo de Ribera Salud, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, asegurou que "en Galicia non temos ese problema" porque o Sergas ten "unidades de control" dos seus acordos cos hospitais de Ribera Salud. Este martes Rueda foi preguntado, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, se o Goberno galego valora a posibilidade de facer públicos os informes deses controis do concerto con Povisa. 

Rueda reiterou que "hai un sistema de control" de Povisa e dixo que se todo funciona con normalidade non hai ningún motivo de comunicar nada. "Se houbera algún tipo de anomalía, por suposto que o faríamos público dentro dun exercicio de transparencia, faltaría máis", asegurou o presidente da Xunta, malia que a consellería de Sanidade vén sendo apercibida pola Comisión de Transparencia de Galicia por ocultar todo tipo de datos que deberan ser públicos. 

Manifestación en defensa da sanidade pública en Vigo o pasado xoves CC-BY-SA Praza Pública

O sistema per capita polo que Madrid paga unha contía fixa por paciente asignado a Ribera Salud é similar que tiña Povisa ata abril, nun concerto no que o Consello de Contas viu "falta de transparencia"

Rueda tamén salientou que o actual sistema de pagamento do Sergas a Povisa é "completamente diferente" ao que emprega a Comunidad de Madrid para pagar a Ribera Salud. Porén, obviou que o sistema madrileño é similar ao que tivo Povisa desde 2014 ata o pasado abril, un sistema no que o Consello de Contas viu "falta de transparencia".

O presidente puxo o foco en que o hospital de Ribera Salud implicado nas revelacións de El País cobra cun sistema per capita, unha contía fixa anual por cada paciente adscrito, mentres que na actualidade o pagamento do Sergas a Povisa "non é per capita senón por tratamento". Porén, un sistema per capita foi que rexeu o concerto con Povisa entre o 1 de setembro de 2014 e o 11 de abril deste ano, cando o Sergas mudou de fórmula. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.