Rueda tenta frear os ecos de adianto electoral porque "se un se presenta para catro anos e cortas antes, non cumpriches"

Rueda aplaude a Feijóo o pasado 14 de xaneiro nun acto do PP en Zaragoza xunto a outros líderes territoriais do partido CC-BY-SA PPdeG

En xuño de 2018, Alberto Núñez Feijóo retirouse da carreira sucesoria de Mariano Rajoy. "Sen completar o meu compromiso non podo fallar aos galegos, porque sería ademais fallarme a min mesmo", afirmara para argumentar a imposibilidade de abandonar o Goberno galego para asumir o liderado estatal do seu partido cando aínda restaban dous anos de lexislatura.

Rueda remudou a Feijóo na presidencia 1 ano e 8 meses despois das últimas eleccións galegas

En marzo do pasado 2022 estoupou a crise interna dos populares e con ela colapsou o liderado de Pablo Casado tras o seu enfrontamento final coa madrileña Isabel Díaz Ayuso. Apenas transcorrera un ano e medio dende a súa cuarta toma de posesión como presidente da Xunta, pero Feijóo esgrimiu que "a Galicia non lle é indiferente o que sucede na nosa nación, en España" para lanzarse á cúpula do seu partido

Alfonso Rueda, entrevistado na Radio Galega este 15 de xaneiro © CRTVG

Tras dous meses de campaña interna, a finais de abril dimitía como presidente do Goberno galego e a mediados de maio abandonaba definitivamente a Xunta tras a investidura de Alfonso Rueda como substituto. Pasara 1 ano, 8 meses e 9 días dende a súa derradeira elección á fronte da Xunta.

A finais do pasado 2022, cando Rueda levaba apenas medio ano como presidente, en diversos círculos políticos galegos comezaron a medrar os ruxerruxes dun eventual adianto electoral. A tese fundamental vén pasando pola hipótese de que Rueda puidese dar en facer cadrar as eleccións galegas coas xerais previstas para este 2023. Unha caste de versión 2.0 do Galego coma ti de Alianza Popular en 1981, con Feijóo no papel de 'candidato a todo' que daquela tiña Fraga e con Rueda ocupando o segundo plano que hai catro décadas exercía Gerardo Fernández Albor.

Alfonso Rueda recibe os parabéns de Feijóo tras tomar posesión como presidente da Xunta, o 14 de maio de 2022 no Parlamento CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

Con este pano de fondo, Rueda aproveitou a pasada fin de semana unha entrevista na Radio Galega para tentar frear os ecos de adianto electoral. E fíxoo reeditando en boa medida os argumentos que Feijóo utilizara naquel afastado 2018 para non marchar antes de tempo, aínda que isto supoña, por contraste, realizar un retrato pouco favorecedor da decisión tomada polo seu xefe de filas a mediados do ano pasado.

"Se un se presenta a unha campaña para gobernar catro anos, os proxectos son para catro anos. Se cortas dous anos antes, está claro que non cumpriches o que tiñas que facer e eu pretendo cumprilo", esgrime Rueda ante os ruxerruxes dun eventual anticipo das eleccións 

"Suponse que se un se presenta a unha campaña para gobernar unha lexislatura de catro anos, os proxectos que presenta son para catro anos", razoa o presidente da Xunta e do PPdeG. "Polo tanto -agrega- se cortas dous anos antes, está claro que non cumpriches o que tiñas que facer e eu pretendo cumprilo". "Temos un programa de catro anos", sostén Rueda, e o vindeiro verán aínda quedará "o último ano de lexislatura". "Dende logo, pretendo aproveito porque creo que hai moitas cousas que facer" e a xente "nos pide estabilidade".

O titular da Xunta apoia o seu argumento cun razoamento adicional. "Ao final, o traballo da xestión política é iso: un traballo polo que a xente che paga e quere o cumpras", e "non que esteas cortando o teu traballo cando che conveña a ti, aínda que non lle conveña á xente". Na mesma intervención radiofónica, o presidente da Xunta lanzou diversas críticas ao Goberno de España e dixo esperar "algunha alegría importante", sen "marcar agora mesmo lugares concretos", nas vindeiras eleccións municipais do 28 de maio.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.