Principia o ano do primeiro debate de política xeral para Rueda e Pontón pide celebralo xa

Reunión de Alfonso Rueda con Ana Pontón o pasado xuño de 2022 en San Caetano CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

O 2023 é o primeiro ano que Alfonso Rueda principia como presidente da Xunta. Faino tras pechar o 2022 cunha mensaxe en clave xacobeo-turística e de pugna co Goberno de España do PSOE e Unidas Podemos despois de medio ano na presidencia. Foron meses nos que a sombra do seu antecesor e actual líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, seguiu pesando máis que a súa aposta por gañar proxección pública e perfil político propio.

O Regulamento prevé que o debate de política xeral non se convoque en anos con investidura na presidencia da Xunta, por iso non se celebrou en 2022 e, agás adianto electoral, si o haberá en 2023

O ano que vén de comezar será tamén, de entrada, o primeiro no que Rueda teña que abordar como presidente un debate de política xeral no Parlamento. En 2022 a sesión popularmente coñecida como debate sobre o estado da autonomía -ou da nación- non se convocou porque, dende 2015, o Regulamento da Cámara estipula que "non caberá celebralo" se no mesmo ano se celebrou investidura da presidencia da Xunta, o cal aconteceu en maio para remudar a Feijóo por Rueda

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, en rolda de prensa este 9 de xaneiro de 2023 CC-BY-NC-SA BNG

Deste xeito, agás no caso de que Rueda e o PP decidisen adiantar as eleccións galegas a 2023 e facelas cadrar coas municipais do 28 de maio ou coas xerais previstas para decembro -nunha caste de versión 2.0 do Galego coma ti de Alianza Popular en 1981, con Feijóo no papel de 'candidato a todo' e Rueda ocupando o segundo plano que daquela tivera Gerardo Fernández Albor- si haberá debate de política xeral. Cando? Cando o Goberno galego queira nun exercicio marcado polos devanditos procesos electorais. A xuízo da primeira forza da oposición, o BNG, debería celebrarse decontado. 

Os últimos debates de política xeral, aínda con Feijóo na presidencia, celebráronse no outono, datas nas que tamén os situaba Manuel Fraga -que tamén prefería o outono para convocar eleccións-. Esa sería unha das posibilidades de Rueda, unha vez pasadas as municipais e antes das eleccións xerais, sempre e cando non haxa alteracións no calendario galego. Pero do punto de vista da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, o adecuado sería celebralo xa, "de inmediato", porque "este país necesita alternativas".

Feijóo recibe o aplauso dos escanos do PP tras o seu discurso no último debate de política xeral celebrado ata agora, en outubro de 2021 CC-BY-SA Ana Varela - Xunta de Galicia

Coida Pontón que o gabinete de Rueda está "instalado na rutina" e, tras algo máis de medio ano, ficou demostrado que non ten "pulso nin impulso político para poder ofrecer un proxecto de futuro" que, defende, o Bloque si ten. A crise de prezos, o "brutal deterioro dos nosos servizos públicos" ou datos como que a inflación sexa maior en Galicia que no conxunto do Estado, defende, son só algunhas mostras das razóns polas que é preciso ese debate de política xeral.

A líder do BNG defende a necesidade de "poñer sobre a mesa alternativas" en ámbitos como a sanidade ou a crise de prezos fronte a un Goberno do PP "instalado na rutina, sen pulso nin impulso político para poder ofrecer un proxecto de futuro" ao país

Trátase, agrega a líder soberanista, de que "poidamos poñer sobre a mesa alternativas" que permitan "encarar o futuro" e este mesmo ano "con algo de esperanza". Se Rueda o convoca, avanza, o BNG porá o foco en situacións como o "deterioro" da sanidade pública, con "listas de espera en Atención Primaria, Puntos de Atención Continuada sen médico ou localidades nas que "nenas e nenos nacen e non teñen pediatria asignado". Tamén, exemplifica, nun "sistema de coidado dos maiores esquelético no público" porque a Xunta prioriza un "modelo que fai negocio coa vellez".

Todo apunta, non obstante, a que o debate de política xeral non chegará de forma inminente e nin sequera na primeira metade do ano. Non en van, pouco despois da comparecencia de Pontón ante a prensa, o voceiro do PP no Parlamento desbotábao porque, argumenta, aínda non transcorreu un ano dende a investidura de Rueda. Defende Pedro Puy que, dado que Regulamento fixa este debate "con carácter anual" e que non se celebrará "cando no mesmo ano a Cámara investise o presidente ou presidenta da Xunta", o PP interpreta que o máis adecuado é agardar, cando menos, doce meses dende a investidura.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.