Unha ducia de novas para recuperares se desconectaches durante a Semana Santa
A semana que transcorreu do 26 de marzo ao 1 de abril foi para moita xente de desconexión das actividades cotiás, xa fose por devoción relixiosa ou por lecer. Así e todo, a actualidade non parou. Velaquí un repaso para volver coller o ritmo.
A morte dunha moza marca o inicio do novo sistema de acceso á praia das Catedrais
Unha muller que visitaba o areal faleceu tras caerlle unha pedra na cabeza. O areal seguirá pechado durante este luns logo das inspeccións realizadas pola Garda Civil e técnicos de Medio Ambiente, consellería que inaugurara nesta Semana Santa un método que axilizaba a entrada.
Visitas cruzadas: Sés, Xurxo Souto ou Iria Pinheiro exercerán de guías no Museo de Pontevedra
A iniciativa da Deputación de Pontevedra permitirá percorrer o museo todos os domingos de abril da man das explicacións de oito persoeiros da cultura galega, como Nieves Rodríguez, Francisco Castro ou Margarita Ledo. De balde e para grupos reducidos.
A ONU advirte a Xunta por falta de información sobre os proxectos mineiros
Nacións Unidas, a través da comisión de cumprimento do Convenio de Aarhus, admite a trámite unha queixa de dous colectivos galegos e obriga o Goberno galego a explicar por que impide o acceso á información ambiental de diferentes iniciativas industriais.
Pola Coruña de María Casares da man de Mabel Rivera
A Asociación de Actores e Actrices de Galicia organiza o sábado día 7 de abril un roteiro por puntos significativos da cidade na vida da actriz galega
A Deputación da Coruña convoca as únicas axudas para distribución audiovisual en lingua galega
O ente provincial destinará 150.000 euros para favorecer a difusión de obras en galego, unha acción que busca contrarrestar as actuais dificultades para "asistir á proxección dos contidos audiovisuais de altísima calidade que se están a producir na nosa lingua”
O Sergas dá por rematada a onda de gripe tras 223 mortes, un 64% máis que o ano pasado
As cifras acrecentan a tendencia ascendente dos últimos anos, desde os só 9 falecementos rexistrados na tempada 2011-12
Oposición e veciñanza denuncian "problemas medioambientais" en Touro por sondaxes "sen licenza"
A plataforma contra a mina advirte de que o alcalde recoñeceu que a empresa levou a cabo centos de exploracións sen autorización municipal. En Marea, PSdeG e BNG denuncian os danos causados pola empresa e advirten das irregularidades do proxecto.
As traballadoras de estilismo da TVG logran cobrar tras catro meses e desconvocan as súas mobilizacións
A CIG pide que o servizo sexa asumido polo propio ente público e deixe de ser subcontratado a empresas externas
Abanca merca a rede de Deutsche Bank en Portugal, con máis de 40 oficinas
A entidade aumenta en 6.500 millóns o seu volume de negocio minorista cunha compra que estará finalizada no primeiro semestre de 2019
A banda da Loba e os irmáns Sobral gañan o certame aRi[t]mar de música galega e portuguesa
Os votos populares determinaron as cancións triunfadoras no concurso promovido pola Escola Oficial de Idiomas de Compostela. A seguinte fase do certame consiste na escolla de poesías gañadoras, que se poderán votar desde mediados de abril até o 20 de maio.
A detención de Puigdemont atranca a axenda exterior do independentismo e dispara a tensión nas rúas catalás
A opción de responder á detención investindo a Puigdemont non conta co apoio de ERC, partidaria de explorar as posibilidades dun goberno de concentración. O presidente do Parlament reitera que hai que impulsar unha fronte común para defender "os dereitos e liberdades individuais e colectivas"