15.300 paus de batea recollidos en tres días: o plástico contamina as praias galegas

Paus de batea recollidos estes días na Illa de Arousa © ADEGA

Os paus de batea ou tarugos son elementos plásticos utilizados no cultivo do mexillón. Aínda que antes se fabricaban de madeira, na actualidade a súa versión plástica supón un problema ambiental, xa que ao desprenderse, acaban acumulándose nas praias

Os paus de batea ou tarugos son elementos plásticos utilizados no cultivo do mexillón. Aínda que anteriormente se fabricaban de madeira, na actualidade, a súa versión plástica supón un problema ambiental, xa que ao desprenderse ou romperse do sistema de cultivo dos bivalvos, acaban acumulándose nas praias, especialmente nas zonas de elevada concentración de bateas, como a Ría de Arousa.

Esta fin de semana, do 31 de xaneiro ao 2 de febreiro, Limpiarousa, Surfrider España, Proxecto aMARte e ADEGA impulsaron a I Recollida Simultánea de paus de batea nas praias de Galicia, na que participaron 300 persoas e entidades. En total, en só tres días recolléronse ao redor de 15.300 paus de batea,  ademais de cordas enteiras cos tarugos enganchados.

Paus de batea recollidos estes días no Grove © ADEGA

Esta fin de semana, do 31 de xaneiro ao 2 de febreiro, Limpiarousa, Surfrider España, Proxecto aMARte e ADEGA impulsaron a I Recollida Simultánea de paus de batea nas praias de Galicia, na que participaron 300 persoas

A Illa de Arousa, O Grove, Rianxo, Cangas do Morrao, Muros, Ribeira, Vilanova de Arousa ou Nigrán foron algúns dos concellos nos que se levou a cabo este traballo de limpeza, denominado tamén Tarugotón, nun esforzo conxunto por preservar as nosas costas e sensibilizar sobre a problemática da contaminación mariña.

A convocatoria animaba a todas as persoas que desexasen participar a achegarse a algunha das praias e retirar estes plásticos durante unha hora cada día. Cómpre lembrar que o pasado ano, durante a crise dos pellets, centos de persoas participaron en diversas iniciativas de voluntariado nas praias do país para limpar os areais destes elementos plásticos.

A Illa de Arousa, O Grove, Rianxo, Cangas do Morrao, Muros, Ribeira, Vilanova de Arousa ou Nigrán foron algúns dos concellos nos que se levou a cabo este traballo de limpeza

Este primeiro Tarugotón, que agarda ter máis edicións, non só tiña como obxectivo a retirada destes residuos nas praias, senón tamén "visibilizar a problemática ambiental que supón a chegada masiva de paus plásticos ás costas, sensibilizar, concienciar", e "abrir canles de diálogo" con todos os actores implicados (administracións, empresas, sector bateeiro...) para p"rocurar solucións a longo prazo".

Paus de batea recollidos estes días en Rianxo © ADEGA

As entidades alertan de que "a diferenza doutros lugares do Estado", no litoral galego estes residuos "atópanse de forma recorrente, e chegan a supoñer un problema de contaminación que pon en perigo a biodiversidade mariña".

O obxectivo era "visibilizar a problemática ambiental" que supón e "abrir canles de diálogo" con todos os actores implicados para "procurar solucións a longo prazo".

As entidades organizadoras, Limpiarousa, Surfrider España, ADEGA e Proxecto aMARte, móstranse "agradecidas" pola "boa acollida" desta acción de voluntariado ambiental, que cualifican de "éxito". “Isto anímanos a lanzar máis convocatorias no futuro para incentivar a toda a xente a participar. Agardamos que tamén sirva para iniciar diálogos na busca de solucións", destacan.

Paus de batea recollidos estes días nas praias © ADEGA
Paus de batea recollidos estes días na Illa de Arousa © ADEGA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.