As camas hospitalarias ocupadas en Galicia por pacientes ingresados a causa da COVID xa son menos do 1%

Gráfico da ocupación hospitalaria pola COVID e outras patoloxías a 1 de setembro, sobre unha imaxe de arquivo de camas do Clínico de Santiago CC-BY-SA Foto: Xunta | Montaxe: Praza.gal

"Con" ou "por" COVID? A progresiva normalización da vida cidadá a respecto da pandemia, coa retirada dende a pasada primavera do groso das restricións que aínda permanecían, fixo que cobrase máis forza esta pregunta a respecto dun dos principais indicadores sobre a repercusión do virus dende que xa non se contabilizan todos os casos: o seu impacto nos hospitais.

Arredor da metade das persoas hospitalizadas con test positivo do coronavirus ingresaron por outra causa. Os ingresos pola COVID en Galicia supoñen agora  un 0,7% de ocupación en camas ordinarias e un 0,8% nas UCI

Hai tempo que o persoal sanitario vén acreditando que as cifras de ingresos de persoas coa COVID-19 xa non significan o mesmo que nos primeiros tempos da pandemia. A ampla extensión da vacinación e factores como as características das novas variantes veñen propiciando que, en xeral, ingresen co virus casos menos graves, de persoas con maior idade e con outras doenzas acumuladas

A estas explicacións engádese dende hai meses a referencia xenérica por parte do Sergas a respecto de que algo menos da metade dos pacientes coa COVID ingresan con esta enfermidade como causa directa, mentres que os restantes son persoas hospitalizadas por outras causas, pero que dan positivo nos test para detectar o virus. Dende o pasado agosto, a estas informacións verbais engádense datos concretos fornecidos polo Ministerio de Sanidade dos que é posible tirar varias conclusións. Entre elas, que as camas hospitalarias ocupadas en Galicia por pacientes ingresados co coronavirus como causa principal xa son menos do 1%.

Dende finais de agosto, os pacientes 'en planta' por mor da COVID roldan o medio cento e non chegan a 10 en coidados intensivos

Foi o pasado 8 de agosto cando o Ministerio -tal e como solicitaban varias autonomías, Galicia entre elas- comezou a desagregar e publicar en aberto estes datos desagregados de ingresos hospitalarios, especificando cantas das persoas ingresadas coa COVID ingresaran "por" COVID. No momento da elaboración desta información, a serie de datos chegaba ao pasado 1 de setembro. Naquel día había ingresadas en Galicia 61 persoas a causa do coronavirus, 55 delas en unidades de hospitalización convencional e 6, en coidados intensivos. Outras 57 -só unha delas na UCI- foran ingresadas por outras causas (outra enfermidade ou unha operación programada, por exemplo) e deran positivo no virus.

Deste xeito, como se pode observar nos gráficos sobre estas liñas, as persoas ingresadas "con" COVID e "por" COVID repartíanse, en cifras redondas, practicamente ao 50% en unidades ordinarias. Entre os poucos que van á UCI, son maioría os que teñen o virus como causa do ingreso.

En termos de ocupación hospitalaria, as camas ocupadas por persoas ingresadas a causa do virus supuñan un 0,7% de ocupación en unidades convencionais e un 0,8% nas UCI. A suma dos "por" e "con" COVID supuña daquela unha ocupación de arredor do 1,5% das camas ordinarias e do 0,9% en coidados intensivos. Mentres, pacientes con outras enfermidades ocupaban o 66% das camas de hospitalización convencional e case o 30% das UCI.

Ingresos en mínimos da pandemia

Cómpre remontarse ao pasado xullo para achar nos datos unha xornada con máis dun único novo ingreso dun paciente coa COVID nunha UCI galega

A devandita distinción entre pacientes que ingresan a causa do virus e outros que dan positivo tras unha hospitalización por outra causa permite ler con maior precisión as cifras xerais de novos ingresos hospitalarios de persoas coa COVID, actualmente en niveis mínimos. Tras un relevante incremento o pasado xullo, con picos superiores ao centenar de ingresos por día en unidades convencionais, os datos máis recentes do Ministerio de Sanidade -o Sergas non divulga esta información- apuntan a que Galicia se está en valores moi baixos, sen superar a vintena de hospitalizacións de persoas coa COVID nun día dende principios de agosto.

No que atinxe ás unidades de coidados intensivos, cómpre remontarse ao pasado xullo para achar nos datos do Ministerio unha xornada con máis dun único novo ingreso dun paciente coa COVID nunha UCI galega. A foto fixa diaria que segue a publicar o Sergas contabilizaba este 6 de setembro 130 persoas co test positivo do coronavirus en planta (cabe deducir que as ingresadas coa COVID como causa directa serían arredor de 60) e só dúas en coidados intensivos.

Menos dun falecemento diario

A radiografía da situación complétase coa ollada ás cifras de falecementos de persoas coa COVID, indicador que nas últimas semanas tamén apunta a valores moi baixos, con arredor de 0,6 mortes ao día na media da última semana con información dispoñible. O pasado xullo chegárase a rexistrar en Galicia unha media a sete días superior ás 10 mortes de persoas coa COVID por xornada, se ben tamén nesta variable cómpre ter en conta que non todos os pasamentos teñen o virus como causa principal. En total, dende o comezo da pandemia o Servizo Galego de Saúde leva rexistrados 3.889 falecementos de persoas que contraeran a enfermidade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.