O Concello de Verea e o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova inauguran este sábado 29 o Memorial da Poza das Ras, o lugar onde hai 90 anos foron asasinados catro veciños por persoas que participaban na sublevación militar contra a República
O Concello de Verea e o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova inauguran este sábado 29 o Memorial da Poza das Ras, unha obra do escultor ourensán Xoán Torres Cidre erixida no mesmo lugar onde hai 90 anos foron asasinados catro veciños por persoas que participaban na sublevación militar contra a República.
Os actos comezarán ás 11.00 horas na Casa da Cultura de Verea, cunha visita guiada á exposición Presas e Mestras. Ás 12.30 horas terá lugar na Poza das Ras a inauguración do monumento nun acto que comezará coa benvida do alcalde de Verea, José Antonio Pérez Valado, o saúdo do presidente do Comité, Hixinio Araúxo, e as intervencións das familias das vítimas. Ademais, Baldo Ramos compuxo un poema para a ocasión que será lido durante o acto.
O memorial lembra a Amadeo López Bello, mestre en Beiro (Carballeda de Avia) e militante do Partido Republicano Radical Socialista; a Julio González Álvarez, mestre en Gontán (Verea), veciño da parroquia e membro da Asociación de Traballadores do Ensino de Ourense; a Eloy Romero Luis, farmacéutico en Leiro e presidente do Colexio de Farmacéuticos de Ourense; e a Silvio Torres Díaz, veciño do Couto (Ourense) e chófer de profesión.
Os catro foron detidos e trasladados ao cárcere de Celanova nas semanas previas ao seu asasinato e o 29 de agosto de 1936 foron sacados da prisión e tiroteados na Poza das Ras, á beira do río Ourille, onde os seus corpos quedaron expostos durante unhas horas
Os catro foron detidos e trasladados ao cárcere de Celanova nas semanas previas ao seu asasinato e o 29 de agosto de 1936 foron sacados da prisión e tiroteados na Poza das Ras, á beira do río Ourille, onde os seus corpos quedaron expostos durante unhas horas. O Comité organizador confirmou que as familias de Eloy, Julio e Silvio participarán no acto, achegando o seu testemuño persoal na homenaxe.
O Concello de Verea, por iniciativa do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, solicitou ao Estado a declaración da Poza das Ras como Lugar de Memoria, ao abeiro da Lei 20/2022, de Memoria Democrática. Trátase da primeira solicitude presentada nestes termos na provincia de Ourense desde a entrada en vigor da norma, o que suporía a inclusión do espazo no inventario estatal de lugares de memoria, cunha función conmemorativa e didáctica de cara ao futuro.
Hai tres anos medio cento de persoas déronse cita no lugar dos fusilamentos. A presidenta do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, Celia Inés Feijóo Soto, destacou no seu discurso que os fusilados "loitaron polas liberdades, polo cambio social e pola dignidade dos homes e mulleres deste país".
O Concello de Verea, por iniciativa do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, solicitou ao Estado a declaración da Poza das Ras como Lugar de Memoria
Julio González Álvarez, natural de Verea, tiña 25 anos cando foi asasinado polos golpistas. Era mestre en Gontán. Escapou a Portugal, segundo as informacións recompiladas na iniciativa Nomes e Voces, pero foi capturado. Morto a causa dunha hemorraxia interna-traumatismo, o seu cadáver aparece na Poza das Ras.
Amadeo López Bello era natural de Carballeda de Avia e tiña 32 anos cando foi fusilado. Era mestre en Beiro, na mesma parroquia na que residía. A causa da súa morte aparece rexistrada por unha hemorraxia interna por traumatismo.
Silvio Torres Díaz tiña 23 anos e era natural de Ourense. Traballaba como chofer e era veciño do barrio ourensán do Couto. Consta que o seu corpo aparece na Poza das Ras e que falece por hemorraxia interna e traumatismo.
Eloy Romero Luis tiña 28 anos e era natural de Leiro, onde traballaba como farmacéutico. Segundo a información recollida por Nomes e Voces, foi xulgado en Ourense por excitación á rebelión, causa que resultou sobresida e posta a disposición gobernativa.
A pasada semana o Memorial do Alto do Furriolo, na estrada entre Celanova e Xinzo de Limia, acolleu unha homenaxe ao conxunto de veciños e veciñas asasinados neste lugar nos meses posteriores ao golpe de estado de 1936, moitos deles aínda hoxe sen nome
A pasada semana o Memorial do Alto do Furriolo, na estrada entre Celanova e Xinzo de Limia, acolleu unha homenaxe ao conxunto de veciños e veciñas asasinados neste lugar nos meses posteriores ao golpe de estado de 1936, moitos deles aínda hoxe sen nome. Entre as vítimas identificadas están Celso Pérez Enríquez, alcalde de Gomesende pola Fronte Popular, e Eduardo Villot Canal, mestre, militante comunista e membro da Asociación de Traballadores do Ensino (ATEO), sacado do cárcere de Celanova xunto con Celso de Poulo e asasinado como el no Furriolo.
O acto foi organizado por Amigos da República, o Comité pola Memória Histórica do Val do Límia e o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova e enmarcouse nos actos de conmemoración do Día da Galiza Mártir
Presas e Mestras
A exposición Presas e Mestras está impulsada polo Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova e busca rescatar da invisibilidade a historia das mulleres represaliadas durante a Guerra Civil Española e a ditadura franquista
A exposición Presas e Mestras está impulsada polo Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova e busca rescatar da invisibilidade a historia das mulleres represaliadas durante a Guerra Civil Española e a ditadura franquista. A itinerancia do proxecto polos municipios da comarca de Celanova pretende devolver esta memoria aos lugares nos que viviron moitas das súas protagonistas.
A exposición reúne documentos inéditos, fotografías, expedientes oficiais así como tamén testemuños de familiares que permiten reconstruír as vidas de decenas de mulleres silenciadas durante case noventa anos.
A mostra estrutúrase a través de dous eixos: o primeiro céntrase nas mulleres encarceradas na prisión de Celanova, entre 1936 e 1938, convertida durante os primeiros meses do golpe militar nun cárcere feminino onde se internaron nais, esposas e familiares de persoas perseguidas polo franquismo. O segundo está dedicado ás mestras depuradas, vítimas da política franquista de eliminación do profesorado identificado cos valores da escola pública, democrática e renovadora da Segunda República.