O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova e representantes de 18 familias das 90 vítimas do fascismo soterradas no cemiterio de San Breixo solicitan ao Goberno de España que o declare Lugar de Memoria "para garantir a súa protección"
Familiares das 90 vítimas da represión durante a Guerra Civil soterradas no cemiterio celanovés de San Breixo, xunto ao Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, rexistrarán este luns un escrito na Subdelegación do Goberno de España en Ourense para solicitar a declaración deste espazo como Lugar de Memoria "para garantir a súa protección de cara a futuras investigacións".
Tras o inicio dos trámites para o recoñemento do Pazo de Meirás e da Illa de San Simón como Lugar de Memoria, a figura que recolle a Lei estatal de Memoria Democrática, desde o municipio de Celanova chega esta nova petición tras varios anos de traballo e investigación que levaron a localizar a 18 familias das 90 persoas que foron represaliadas no transcurso do alzamento militar de 1936 contra a República e soterradas sen identificar no cemiterio de San Breixo.

Membros destas 18 familias achegan as súas sinaturas para petición ao Goberno, que chega na data do aniversario dos fusilamentos dos sete asturianos en San Breixo, restos que, como lembran desde o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova "foron exhumados nunha intervención pioneira" que abriu o camiño á exhaustiva investigación e localización de familiares destas 90 vítimas do fascismo.
"Desde a Alcaldía de Celanova ata o Goberno central e a Xunta de Galicia se comprometeron a traballar polo coñecemento e divulgación da memoria histórica de Celanova", destaca o Comité de Memoria
Este setembro entrou en contacto co Comité un neto de Pedro Jado Bermejo, estremeño falecido na Prisión Central de Celanova en xullo de 1942 e cuxo nome figura no memorial Os 90 de San Breixo, inaugurado o pasado 23 de marzo nun acto no que "desde a Alcaldía de Celanova ata o Goberno central e a Xunta de Galicia se comprometeron a traballar polo coñecemento e divulgación da memoria histórica de Celanova". "O Fiscal General do Estado, Álvaro García Ortiz, recolleu a demanda das familias de impulsar accións de verdade, xustiza e reparación", salienta o Comité nun comunicado.
Nos actos en memoria dos asasinados polos golpistas de hai seis meses participaron máis de medio cento de familiares chegados desde Asturias, Castela e León, Castela A Mancha, Andalucía e Madrid. O Comité realizou daquela unha primeira solicitude para a declaración de San Breixo como Lugar de Memoria no rexistro da Secretaría de Estado de Memoria, un escrito que agora amplía co amparo dos familiares coa intención de que estuden a súa petición.

"San Breixo non só é un espazo de represión e memoria amplamente documentado –mesmo a través da intervención da foxa, posterior publicación dos diferentes informes e dun libro no que participaron familiares de tres dos fusilados co financiamento do Estado– senón que esta petición tamén é unha demanda social amplamente compartida en Celanova e Galiza –do que dá testemuña a presenza de autoridades nos actos–, polas familias e mesmo polas comunidades de orixe das vítimas –como testemuñaron os representantes do Goberno asturianos e de varios concellos nos mesmos actos–", explica o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova.
Coa declaración como Lugar de Memoria pretenden impulsar a localización de familiares das vítimas "como medida de verdade e reparación, xa que moitas descoñecen aínda hoxe que alí foron enterrados os seus"
No cemiterio de San Breixo en Celanova foron soterrados 87 presos políticos que faleceron por enfermidades no mesmo centro ou resultaron asasinados polos gardas da Prisión Central entre os anos 1938 e 1943. Ademais, alí recibiron sepultura os restos de dous dos irmáns Fuentes Canal, Manuel e Emilio, "paseados" o 16 de agosto de 1936, así como os do guerrilleiro Ramón Yáñez Pereira, abatido nunha operación das forzas de represión da ditadura o 13 de xullo de 1943.
Como lembra o Comité de Memoria, durante eses sete anos houbo na comarca máis vítimas de "paseos" ou das malas condicións da prisión que faleceron no hospital en Ourense. O memorial honra aos soterrados en San Breixo e coa declaración como Lugar de Memoria pretenden tamén impulsar a localización de familiares das vítimas "como medida de verdade e reparación, xa que moitas descoñecen aínda hoxe que alí foron enterrados os seus".