O órgano consultivo da Xunta reclama aos poderes públicos o desenvolvemento das leis para impulsar o pleno uso do galego tamén no eido económico
″A posibilidade de desenvolvermos unha vida plena en galego é condición esencial para a normalización lingüística″. O Consello Económico e Social (CES) de Galicia emitiu unha declaración institucional a prol da presenza do galego ″en todos os ámbitos da vida social″ e tamén no eido económico, o cal ven como un ″indicativo da confianza nas propias capacidades e da mellor posibilidade de trasmitilo aos demais″.
Na declaración O Consello Económico e Social de Galicia e os dereitos lingüísticos asegúrase que se lle debe dar ″maior contido legal e formal ao dereito xa recoñecido dos galegos e galegas a usaren a lingua propia de Galicia nas relacións que manteñen entre e coas empresas como clientes e clientas, consumidores e consumidoras, e usuarios e usuarias, e para garantir materialmente, na práctica, o exercicio pleno dese dereito recibindo na mesma lingua todo tipo de información tanto na sinalización como na atención oral e escrita″.
Así, o CES lembra que isto non debera ser unha pretensión, pois está recollido no disposto na Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minorizadas, ratificada polo Estado español en 2001; no sinalado no Título VI da Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos asumida en 1996 e concretado no Protocolo de Donostia para a Garantía dos Dereitos Lingüísticos; e no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado unanimemente en 2004 e desenvolvido no seu Sector 4 - Economía polo Plan de Dinamización da Lingua Galega no Tecido Socioeconómico do ano 2016.
Un chamado ao sector público
″Os poderes públicos galegos teñen a obriga legal de garantir o dereito a usar o galego e, xa que logo, de combater a falsa naturalidade do tratamento do galego como lingua menor no seu propio territorio″, afirman desde este órgano consultivo da Xunta presidido polo que fora conselleiro e alcalde de Santiago polo Partido Popular, Agustín Hernández.
O CES di que os poderes públicos ″deberán promulgar medidas legais para a igualdade real e efectiva da nosa lingua″
Considera o CES que eses poderes públicos ″deberán promulgar medidas legais para a igualdade real e efectiva da nosa lingua″. Ademais, apuntan que a Administración pública e todo o sector público galego debera contribuír ″de xeito activo″ á ″eliminación de prexuízos″. Para o que propoñen que se dea exemplo ″ao contratar con empresas que, á súa vez, garantan o exercicio do dereito elemental de empregar a lingua propia no propio país″.
″As organizacións presentes no CES consideran que a promoción, impulso e potenciación do galego, debe ser permanente, continua e decidida en todos os seus ámbitos de actuación, especialmente no apartado institucional″, aseveran na súa declaración, na que critican que a pesar de que a lexislación vixente recolle o dereito á atención oral e escrita en galego, as normas non están desenvolvidas ″co que inda en moitos ámbitos da vida cotiá de Galicia resulta dificil acceder aos diferentes servizos empregando a lingua propia″.
A dificultade de acceder a servizos en galego "leva a que o usuario deba cambiar a lingua que emprega", critica o CES
″Isto leva a que o usuario, ou usuaria, deba cambiar a lingua que emprega, se non é comprendido″, agregan. Unha circunstancia que ″dificulta a formalización das xestións en lingua galega pola falta de dispoñibilidade de modelos contractuais ou formularios na lingua propia″. O resultado desta ausencia dunha regulación concreta provoca ″situacións de vulnerabilidade e indefensión no uso do galego nas relacións comerciais″.
″Vese así relegada a opción lingüística malia ser o galego a lingua propia e maioritaria de Galicia e gozar dun status formal de cooficialidade ao tempo que contribúe á deslocalización de servizos esenciais como os atendidos a través de centros de chamadas″, certifican.
O Consello Económico e Social, que asegura que apoiará toda iniciativa que potencie o galego, salienta ademais que a aceleración dos procesos de dixitalización derivada da pandemia da COVID ″precisa dun aumento significativo de acción e compromiso dos poderes públicos que debe sensibilizar as institucións e á sociedade en xeral na procura dun maior apoio ao uso do galego na totalidade dos ámbitos económicos, sociais e institucionais″.