Os principais incendios da fin de semana nos montes galegos roldan as mil hectáreas e poñen en risco áreas habitadas

Vista do incendio que afecta a Vilariño de Conso este 13 de setembro, nunha imaxe tomada dende un avión do Exército do Aire © Exército do Aire

A segunda fin de semana de agosto trouxo consigo altas temperaturas e con elas, un alto risco de incendios forestais en gran parte de Galicia que se traduciu en numerosos focos, especialmente virulentos en varios puntos da provincia de Ourense. Os incendios dos que informa a Consellería do Medio Rural roldan as mil hectáreas, con concellos ourensáns como os máis afectados, onde cando menos en dous deles foron precisas medidas de precaución adicionais pola proximidade das lapas a zonas habitadas.

O incendio con máis extensión localízase en Rebordechau, en Vilar de Barrio, onde ata media tarde do domingo arderan unhas 400 hectáreas

Atendendo á información divulgada pola Xunta -que mantén a política de non informar de todos os incendios forestais-, o maior incendio que seguía ardendo este domingo, 13 de setembro, localizábase en Rebordechau, no concello ourensán de Vilar de Barrio, onde ata o serán unhas 450 hectáreas. O seguinte en extensión declarouse en Sabuguido (Vilariño de Conso), cunhas 500 hectáreas ardidas.

Pentes, na Gudiña, cunhas 150 hectáreas ou unhas 500 hectáreas do Parque do Xurés pertencentes ao Concello de Lobios figuran tamén no mapa dos incendios de Ourense. Nesta xornada, non obstante, o risco para as áreas habitadas chegou en focos que, cando menos inicialmente, presentan menor dimensión. 

Así, contra as 6 da tarde Medio Rural anunciaba a declaración da situación 2 nun incendio dunhas 60 hectáreas en Rairiz de Veiga "por proximidade ao núcleo de Guillamil". Pouco despois facía o mesmo en Cualedro, noutro incendio que se achegou ás casas en Carzoá. As primeiras estimacións da superficie afectada apuntan a unhas 250 hectáreas, segundo Medio Rural.

Fóra de Ourense, Medio Rural informa de incendios en Quiroga e Cuntis

Fóra da provincia de Ourense, Medio Rural informa este domingo de dous incendios. O de máis extensión, cunhas 53 hectáreas ardidas, atinxe á parroquia de Hospital, en Quiroga, e foi dado por controlado o pasado sábado. Ademais, en Cequeril (Cuntis), arderon unhas 25 hectáreas.

En aplicación da devandita política informativa, vixente dende o verán de 2009, a Xunta non revela a totalidade de incendios forestais. Só ofrece detalles dos que superan as 20 hectáreas ou, por baixo desa superficie, dos que atinxen a áreas habitadas ou espazos naturais protexidos. Esta práctica contrasta coa doutras comunidades autónomas e coa da propia Xunta no período 2005-2008, cando o Goberno bipartito si divulgaba partes de incendios con todos os focos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.