Piden a eliminación de 124 símbolos franquistas aínda existentes en Ferrolterra, Eume e Ortegal

Escudo franquista no cuartel Sánchez Aguilera de Ferrol © Concello de Ferrol

A Lei de Memoria Histórica aprobada no ano 2007 contribuíu a desaparición de moitos símbolos, elementos materiais e honras, que ata ese momento rendían homenaxe en espazos públicos e nas institución á ditadura franquista e aos seus representantes. Porén, son moitos os símbolos que aínda permanecen, a pesar de que a Lei de Memoria Democrática que dende o ano 2022 substituíu á norma anterior volveu incidir na obriga de suprimir todos estes elementos.

Manuel Monge presentou un escrito na Subdelegación do Goberno da Coruña para colaborar na redacción do Catálogo de elementos contrario á memoria democrática que está a elaborar o Ministerio de Presidencia

Nos últimos anos foron moitos as iniciativas e os lugares de Galicia nos que se vén demandando o cumprimento da lei, dende A Coruña a Nigrán. E tamén, e de forma moi importante, en Ferrol e a súa comarca. Esta cuestión adquire en Ferrol unha importancia maior por varios motivos. Por unha banda, por ser o lugar do nacemento do ditador e por verse obrigada durante décadas a arrastrar a lousa do engadido del Caudillo no nome oficial da cidade. Pola outra, polo gran número de elementos de homenaxe á ditadura que aínda perduran, especialmente en instalacións militares, a pesar do esforzo realizado nas últimas décadas por eliminar algúns deles.

Casa natal de Franco, aínda coa placa que se propón retirar CC-BY-NC-SA Trevor Huxham

O informe detalla 124 elementos distribuídos por once concellos: Ferrol (65), Ares (14), Ortigueira (10), Pontedeume (8), Mugardos (8), Narón (7), Cariño (4), Fene (3), Mañón (2), Neda (2) e San Sadurniño (1)

Este luns o sociólogo e historiador Manuel Monge presentou un escrito na Subdelegación do Goberno da Coruña para colaborar na redacción do Catálogo de elementos contrario á memoria democrática que está a elaborar o Ministerio de Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática. Neste escrito, detalla a existencia de 124 elementos de homenaxe á ditadura franquista en once concellos das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal: Ferrol (65), Ares (14), Ortigueira (10), Pontedeume (8), Mugardos (8), Narón (7), Cariño (4), Fene (3), Mañón (2), Neda (2) e San Sadurniño (1).

O escrito de Monge únese ao presentado hai uns meses polo colectivo de presos e presas políticos de Ferrol, do que o historiador tamén forma parte, que incluía a denuncia de 45 elementos só na cidade naval. Anteriormente, entidades e colectivos coma o grupo de militares demócratas en contra do franquismo nas Forzas Armadas ou o sindicato CIG, difundiron iniciativas destinadas as eliminar estes símbolos nas propias instalacións, onde aínda son moi frecuentes. Finalmente, despois de moitos anos de peticións, o Ministerio de Defensa accedeu a eliminar os nomes franquistas das rúas interiores do Arsenal de Ferrol pero, iso si, evitou facer referencia á Lei de Memoria Histórica.

Os 124 elementos

Entre os elementos denunciados, o historiador destaca a situación do Museo Naval de Ferrol, que depende do Ministerio de Defensa, e que cualifica de "museo de exaltación do franquismo"

Entre os elementos denunciados no informe de Monge, o historiador destaca a situación do Museo Naval de Ferrol, que depende do Ministerio de Defensa, que ten "16 elementos contrarios á memoria democrática". "Trátase dun museo de exaltación do franquismo cuns textos propios da ditadura. Refírese ao golpe de Estado de 1936 como un 'alzamiento' e unha 'guerra de liberación'. Fai unha exaltación de significados militares golpistas ou propagandistas do franquismo", destaca.

Así mesmo, considera "unha vergoña para unha sociedade democrática" que Camilo Alonso Vega "significado militar golpista e ministro de Gobernación" conserve unha escultura na entrada do hospital Juan Cardona de Ferrol, que o presenta como “Hijo Ilustre de la ciudad, soldado heroico, gobernante ejemplar”. Monge lembra que cando a corporación municipal de Ferrol xa cambiara en 1981 o nome do Parque Camilo Alonso Vega, hoxe Alexandre Bóveda, e a súa praza, entre o teatro Jofre e o edificio de Correos, é hoxe Praza de Galicia.

Ademais, critica que a pesar de que Ferrol retirou a Manuel Fraga a distinción de Fillo Adoptivo o 25 de abril de 2019, "aínda quedan en Ferrol 9 ministros da ditadura" con esta distinción ou a de Fillo Predilecto.

Igrexa de San Francisco, en Ferrol, onde aínda se manteñen dúas placas e unha cruz de exaltación do franquismo ou de persoeiros ligados á ditadura © Turgalicia

Da casa natal do ditador a escudos e estatuas

Considera "unha vergoña para unha sociedade democrática" que Camilo Alonso Vega "significado militar golpista e ministro de Gobernación" conserve unha escultura na entrada do hospital Juan Cardona de Ferrol

O informe inclúe os elementos que xa foran denunciados nos últimos meses polo colectivo de presos e presas políticas, entre outras entidades. Un dos máis significativos é a placa existente na casa natal de Franco, no número 136 da rúa María e tamén a tumba da familia Franco no cemiterio de Catabois sobre a que o pleno de 30 de xullo de 2018 apostou "pola súa recuperación para o patrimonio municipal".

Tamén se demanda a retirada de 16 esculturas, placas e escudos. Ademais da dedicada a Camilo Alonso Vega, destaca a estatua de José María González-Llanos na avenida de Esteiro (que xa deu lugar a un intercambio de mocións no pleno municipal), tres escudos franquistas na fachada do cuartel Sánchez Aguilera e na sede da Alfándega, unha placa na igrexa de San Xiao con referencia a "D. Francisco Francisco Franco Bahamonde, jefe del Estado Español hijo preclaro de El Ferrol" ou unha placa franquista na praza de España con referencia a "nuestro caudillo".

Un dos máis significativos é a placa existente na casa natal de Franco, no número 136 da rúa María

Así mesmo, na igrexa de San Francisco existen unha placa dedicada ao Cardenal Arriba y Castro (significada figura da Igrexa franquista), unha cruz de homenaxe aos “Caidos por Dios y por España” e unha placa de homenaxe da Armada ao Cruceiro Baleares.

 

 

Monumento ás vítimas do Franquismo na comarca

O mes pasado comezaron as obras da base do monumento -realizado polo escultor Manuel Patinha- que nos vindeiros meses pasará a homenaxear as vítimas do franquismo en Ferrol, Eume e Ortegal e que se instalará no parque Antón Varela, preto da tapia do antigo cemiterio de Canido, lugar onde decenas de persoas de ideoloxía esquerdista e republicana foron fusiladas dende o verán de 1936. Son preto dun milleiro de persoas asasinadas (984), nunha relación que parte da listaxe elaborada polos historiadores Maiz e Suárez e que aínda pode incrementarse.

Escudo franquista no vello edificio da Alfándega © Ferrol en Común

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.