O asasinato de Rejane Soares, de 42 anos, na parroquia de Covas do municipio de Viveiro a mans da súa parella propiciou concentracións para rexeitar a violencia de xénero con minutos de silencio ás portas das institucións de todo o país. O presunto autor do crime permanece detido pola Policía e está previsto que pase a disposición xudicial na mañá deste venres.
O Xulgado número 2 de Viveiro, designado como encargado dos casos de violencia contra as mulleres da zona, será quen asuma a toma de declaración do detido, que nun inicio foi ingresado no Hospital da Mariña, en Burela, polas feridas que se autoinflixiu tras presuntamente acabar coa vida da súa parella este mércores no fogar que compartían.
Rejane Soares é a quinta vítima da violencia machista en Galicia neste 2024, no conxunto do Estado español son 46 as mulleres asasinadas polas violencias machistas no que vai de ano. Son 1.291 desde o ano 2003, cando comezaron os rexistros oficiais de feminicidios.
Esta muller asasinada en Viveiro era de orixe brasileira e levaba máis dunha década residindo na comarca da Mariña. Era nai de dous fillos, un deles tamén vive en Galicia, pero ao ser ambos maiores de idade non entrarán a formar parte do rexistro de orfos e orfas da violencia de xénero, que só neste ano suma a 35 nenos e nenas menores.
Das 46 mulleres vítimas mortais das violencias machistas este ano no Estado español, 23 eran de nacionalidade española e 23 estranxeiras. Porén a maioría dos agresores (29) eran españois
O presunto asasino, natural de Viveiro, tratou de quitarse a vida tras supostamente acabar coa da súa parella. Segundo confirmou o Ministerio de Igualdade e a Delegación do Goberno contra a violencia de xénero o home non figuraba no rexistro VioGén nin constan denuncias previas por violencia sobre a muller contra el.
O ritmo promedio de feminicidios do período entre 2003 e 2023 indica se produciu un asasinato machista cada 6,2 días. O crime de Viveiro coincide co perfil maioritario que mostra o Informe sobre vítimas mortais da violencia de xénero e doméstica no ámbito da parella ou exparella elaborado polo Observatorio contra a violencia doméstica e de xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial, que apunta a unha muller cunha idade media de 42,9 anos, nai, que convive co seu agresor (60,3%) e que mantén con el unha relación afectiva (70,7%), xa sexa matrimonial ou doutro tipo, no momento de producirse o crime.
Segundo estes mesmos datos, máis da metade das mulleres asasinadas en 2023 eran de nacionalidade española, o que difire do perfil no caso de Rejane Soares. Das 46 mulleres vítimas mortais das violencias machistas este ano no Estado español, 23 eran de nacionalidade española e 23 estranxeiras. Porén, no caso dos agresores, a maioría (29) eran españois.
A subdelegada do Goberno de España en Lugo, Isabel Rodríguez, expresou durante o acto de repulsa convocado na memoria da muller asasinada en Viveiro a profunda conmoción que este crime causou en toda a provincia de Lugo e subliñou "a importancia de manter a unidade". "A violencia machista segue sendo un desafío estrutural que nos afecta de forma directa e próxima. Como sociedade democrática, non podemos tolerar que as mulleres sigan vivindo con medo. É imprescindible deixar atrás calquera tipo de negacionismo e actuar con firmeza e cohesión para erradicar esta violencia", sinalou Rodríguez.
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, trasladou na concentración en San Caetano a repulsa da Xunta a calquera tipo de violencia de xénero e destacou que "aínda queda moito traballo por facer". Así mesmo, dirixiuse a todas as mulleres vítimas das violencias machistas para que denuncien a través dos recursos a súa disposición como o teléfono confidencial e anónimo 016 ou os Centros de Información á Muller (CIM) que existen en Galicia.
"Non hai palabras que poidan describir a dor e a indignación que sentimos fronte a actos tan brutais e inxustificables como este", manifestou o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, este xoves nun acto de repulsa do crime no ente provincial. Tomé salientou a importancia de reforzar as políticas de prevención e sensibilización para combater estas violencias, ao tempo que reiterou o compromiso da Deputación "para avanzar cara a unha sociedade máis xusta, igualitaria e libre de violencias de xénero".
O movemento feminista galego convoca mobilizacións nas vilas e cidades para o serán deste venres, a partir das seis da tarde, para rexeitar na rúa o feminicidio de Rejane Soares este mércores en Viveiro. A quinta vítima das violencias machistas este ano en Galicia, tras os crimes que aconteceron no mes de marzo en Ribeira, en agosto na Coruña, en outubro en Moaña e o pasado 8 de novembro en Baiona.
Este verán aumentou un 5,5% o número de mulleres vítimas das violencias machistas en Galicia
22 denuncias diarias este verán
Os xulgados galegos recibiron entre xullo e setembro 22 denuncias ao día por violencia de xénero. En concreto, presentáronse 2.043, fronte ás 1.856 do mesmo período de 2023, o que supón un aumento do 10,1%. No período do verán aumentou un 5,5% o número de mulleres vítimas das violencias machistas, pois os datos do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia apuntan que se rexistraron 1.958 vítimas, fronte ás 1.856 do terceiro trimestre do ano anterior.
Con todo, a taxa de violencia de xénero (mulleres vítimas por cada 10.000 mulleres) en Galicia situouse en 13,9, e segue sendo das máis baixas do Estado, cuxa media foi de 19,6. Ademais, no terceiro trimestre do ano rexistráronse 12 menores tutelados vítimas de violencia de xénero, fronte aos 17 do mesmo período de 2023.
Os distintos órganos xudiciais galegos (xulgados de violencia sobre a muller, xulgados do penal e audiencias provinciais) ditaron no terceiro trimestre de 2024 en procesos de violencia de xénero 498 sentenzas, das cales 443, é dicir, o 89%, foron condenatorias. Neste mesmo período, os xulgados de menores axuizaron a catro persoas por delitos relacionados con violencia sobre a muller.