Só tres novos diagnósticos de coronavirus en Galicia no sexto día sen mortes dende o inicio da pandemia

CC-BY-NC-SA Praza Pública

O enlentecemento na aparición de novos casos do coronavirus en Galicia mantén a súa tendencia na segunda xornada co novo formato de presentación de datos por parte do Ministerio de Sanidade en aplicación do protocolo aprobado o pasado 12 de maio para a información que as comunidades autónomas deben transmitir diariamente sobre a epidemia. En ausencia de información directa por parte do Servizo Galego de Saúde, que non divulga o número de casos novos diarios malia transmitirllos ao Estado, a estatística do Goberno central indica este 26 de maio que nas últimas vinte e catro horas se rexistraron en territorio galego apenas 3 diagnósticos novos da covid-19.

O Ministerio de Sanidade segue a revisar a serie histórica completa de todo o Estado, que no caso galego é a única referencia estatística da evolución da pandemia porque a Xunta non contempla divulgar unha serie de seu

O parte diario do Sergas reflicte catro casos máis que o día anterior. Á espera de que o Ministerio complete a súa revisión de datos para adaptalos ao novo protocolo, eliminar casos duplicados ou non confirmados -o proceso durará varios días, anticipa-, cabe deducir que ese cuarto caso é un positivo por test de anticorpos dunha xornada na que, non obstante, destaca tanto pola escaseza de novos diagnósticos como por ser a sexta dende o inicio da pandemia na que non foron rexistrados novos falecementos: a Consellería de Sanidade segue indicando que son 614 e o Ministerio, á espera dos devanditos axustes, 607 -a discrepancia débese, en casos coma estes, a que a persoa falecese con síntomas da covid-19 pero sen test positivo, entre outras variables-. [O Estado actualiza a serie histórica completa do coronavirus en Galicia, que a Xunta segue sen divulgar]

Na última semana abrollaron en Galicia apenas medio cento de casos novos

A pandemia tende a remitir en Galicia e tamén nos datos xerais do Estado, con diferentes intensidades. Así o amosan tamén os datos de novos diagnósticos na última semana, apenas 50 en Galicia, e nas últimas dúas semanas, un total de 102, sempre segundo o Ministerio xa que o Sergas tampouco dá conta destes detalles. Deste xeito, a incidencia acumulada da covid-19 en territorio galego nos últimos 14 días -novos casos por cada 100.000 habitantes- sitúase en 3,78 e a estatal queda en 14,86.

A Xunta segue a manexar como único indicador o dos "positivos activos", que baixa nunha vintena e queda en 834 mentres reflicte como "curadas" a 9.764 persoas, 24 máis

Mentres non se producen eses axustes na serie histórica do Ministerio, a Xunta segue sen dar detalle ningún dos casos novos diarios e a súa referencia temporal e sen contemplar divulgar unha serie histórica completa da evolución da pandemia en Galicia. O indicador que segue a manexar publicamente o Goberno galego é o dos "positivos activos", cifra que este 26 de maio segue baixando e queda en 834 casos, vinte menos que un día antes para un acumulado total de 11.212 persoas que deron positivo nalgún momento dende o comezo da pandemia.

O número de persoas que o Sergas considera "curadas", o cal inclúe negativos en test de anticorpos de persoas que non necesariamente desenvolveron síntomas da enfermidade, chega nesta xornada ás 9.764. Son 24 máis que o día anterior. 

Estes datos rexístranse nun contexto no que o Sergas indica que xa realizou 136.059 probas PCR dende o comezo da pandemia. O número destas probas procesadas durante as últimas vinte e catro horas, 595, é o máis baixo nun día dende o 18 de marzo.

Só unha hospitalización nova e o global segue baixando

O número de persoas na UCI con test positivo por coronavirus queda en 7 e son menos de dez por primeira vez dende o 16 de marzo

De novo combinando os datos que o Ministerio fai públicos tras obtelos da Xunta e os que o propio Sergas si divulga é posible afirmar que as novas hospitalizacións a causa da covid-19 están tamén en mínimos dende o inicio da crise sanitaria. Nas últimas vinte e catro horas rexistrouse só unha nova hospitalización e na última semana, apenas 3 e ningunha de las na UCI, indica o Ministerio. 

Mentres, o número total de persoas ingresadas con test positivo de coronavirus segue a baixar. Nas UCI xa son só 7, catro menos, o que implica baixar das 10 por primeira vez dende o 16 de marzo. Nas unidades ordinarias -en planta- os ingresos con test positivo da covid-19 redúcense en oito e quedan en 52, segundo o Sergas. As persoas hospitalizadas con test positivo non eran menos de 60 tamén dende o 16 de marzo.

Nesta xornada tamén seguen a descender as persoas illadas nos seus domicilios con diagnóstico positivo da covid-19. Son 775, oito menos que un día antes. Nelas inclúense 73 persoas que viven en residencias de maiores e dependentes, as mesmas que o día anterior.

Redución de casos activos en catro áreas sanitarias

Os positivos activos redúcense levemente nas áreas de Santiago, Ourense, Vigo  Ferrol e permanecen igual nas demais

Por áreas sanitarias, a ausencia de datos fornecidos polo Ministerio provoca que a única referencia sexa a dos positivos activos dos que dá conta a Xunta. Neste caso a redución de 20 positivos activos con relación á xornada anterior distribúese de xeito desigual. As áreas de Santiago (-8), Ourense (-6), Vigo (-5) e Ferrol (-1) rexistran leves descensos mentres as tres restantes se manteñen no número de positivos activos que tiñan no día previo. 

No que atinxe á incidencia deste indicador -positivos activos por cada 100.000 habitantes-, a maior segue na área de Vigo (43,45). Ata a pasada fin de semana e durante a práctica totalidade da pandemia, a maior indicencia viñera sendo a rexistrada na área sanitaria de Ourense.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.