O Administrador de Infraestruturas Ferroviarias admite que o fallo na infraestrutura "provocou a avaría" no tren Avlo. Cando o deron retirado das vías comezaron os labores de reparación, que se estenderon "toda a noite"
Unha avaría na catenaria -infraestrutura pola que chega a enerxía eléctrica aos trens- á altura do Irixo na liña de alta velocidade Ourense-Santiago está na orixe das demoras que atinxen a múltiplas conexións ferroviarias tanto no interior de Galicia como coa Meseta dende este mércores, xornada na que se viviron escenas con acumulacións de decenas de pasaxeiros nas estacións compostelá e ourensá por eta causa. Máis aínda porque ese fallo estragou nun tren Avlo o pantógrafo -elemento polo que a electricidade chega ao convoi- que quedou atrancando a vía e agravou uns atrasos que o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias prevé ata este venres.
Segundo admite o Adif, foi a "incidencia" no seu equipamento o que "provocou a avaría" no tren, que os operarios "conseguiron retirar" durante a pasada noite para, "posteriormente, poder acceder á infraestrutura danada". "Unha vez retirado -abondan- foi necesario restituír temporalmente a tensión nunha das vías para permitir o paso" dos "últimos trens comerciais procedentes de Madrid", cuxo mantemento sinalan como unha "necesidade".
Os labores de reparación, sinala Adif, "tiveron que realizarse durante atoda a noite", pero a interrupción para que pasasen trens e a "complexidade técnica da avaría" impediu "completar ao 100%" o arranxo. "Vaise poder mellorar a circulación" porque a catenaria xa está reparada do Irixo a Santiago, onde a circulación de trens xa transcorre este xoves "en vía dobre".
Do Irixo a Santiago os trens xa circulan por vía dobre pero de Ourense ao Irixo aínda o teñen que facer por vía única, polo que Renfe estima demoras de cando menos 20 minutos en todos os servizos durante este xoves
Pero non sucede o mesmo "entre Ourense e O Irixo", onde os trens van por vía única. Por este motivo, Renfe estima que todos os seus servizos (AVE, Avlo, Avant e Rexionais) de conexións galegas e coa Meseta, rexistren "demoras de 20 minutos ao paso polo punto afectado". Estes atrasos están sendo máis prolongados ao engadirse a outros por outras razóns.
O Adif di agardar que sexa a vindeira noite, do xoves ao venres, cando quede rematada a "reparación definitiva, centrada nun desvío da catenaria". "Os traballos non se poden realizar coa circulación en marcha e á vez garantir a seguridade", polo que "van centrar todos os esforzos para que os traballos conclúan esta noite", de xeito que "a circulación quedaría normalizada dende o inicio do servizo" deste venres, 10 de xullo, indican.