-
Albert Rivera "asume" o "mal resultado" de Ciudadanos tras quedar en 10 escanos e anuncia un inminente congreso do partido
-
Ao 70% escrutado, o PSOE perdería un escano e quedaría en 122; o PP ascendería 18, ata 84, e Vox reemprazaría a Ciudadanos como terceira forza con 53 escanos. Unidas Podemos tería 35 e Ciudadanos ficaría en 10.
-
Sobrepasado o 50% do escrutinio en Galicia, PP e PSdeG empatan a 10 escanos en Galicia, ambos con máis do 30% dos votos. En Común segue en 2 e o BNG regresa ao Congreso con 1.
-
Ás portas do 40% do escrutinio, o PSOE perdería un escano e quedaría en 122, mentres o PP gañaría 18 e Vox sería terceira forza con 49. Unidas Podemos baixaría ata 33, mentres Ciudadanos sufriría un forte devalo, ata só 10.
-
Con algo máis do 30% escrutado, o PP retornaría á primeira posición en Galicia, pero empatando a 10 escanos co PSdeG. En Común retería 2 e o BNG retornaría ao Congreso, pero mantén a pelexa con Vox na provincia da Coruña.
-
Interior comeza a transmitir os primeiros datos do escrutinio real. Durante toda a noite, o máis destacado e a análise, en Praza.gal. No inicio do reconto, o PP recuperaría a primeira posición en Galicia, pero empatado a 10 escanos co PSdeG, En Común mantería 2 e o BNG disputaría un escano con Vox.
-
ENQUISA | O PSOE manteríase como primeira forza do Congreso, pero caendo entre cinco e nove escanos, mentres que o PP medraría unha vintena e Vox lograría ser a terceira forza, con ata 58 escanos da extrema dereita. Unidas Podemos aspiraría a achegarse aos seus escanos actuais, roldando ata 40, segundo Sociométrica para El Español.
-
ENQUISA | O PSOE seguiría sendo primeira forza do Congreso, pero con catro escanos menos, mentres o PP gaña case trinta e Vox ascende a terceira forza con 44, segundo unha enquisa de Celeste-Tel para eldiario.es, que dá 33 escanos a Unidas Podemos e as súas confluencias.
-
ENQUISA | O PSdeG manteríase como primeira forza en Galicia, pero empatando a 10 escanos co PPdeG. En Común-Unidas Podemos seguiría con dous escanos e un dos que perde Ciudadanos iría parar a Vox, segundo Sondaxe para La Voz de Galicia.
-
ENQUISA | O PP recuperaría a posición de primeira forza en Galicia e empataría a 10 escanos co PSdeG, que retornaría á segunda posición. En Común-Unidas Podemos revalidaría os seus dous escanos e o BNG e Vox disputarían un escano na provincia da Coruña, segundo GAD3 para as televisións públicas.
-
ENQUISA | O PSOE volvería ser primeira forza do Congreso, pero con entre catro e nove escanos menos mentres o PP pode ascender máis de vinte e Vox sería terceira forza con ata 59 escanos para a formación de extrema dereita, segundo a sondaxe de GAD3 para as televisións públicas.
-
Por cidades, ás 18 horas, como ás 14, A Coruña e Lugo eran nas que máis caía a participación, máis de 6 puntos, e Ferrol na que menos, menos de 5 puntos. Vigo seguía a ser a que rexistraba maior participación, cun 56%, malia a caída de máis de cinco puntos con relación ao 28A.
-
A participación queda en Galicia no 53,27% ás seis da tarde. Son 5 puntos e medio menos que o 28A, e 2 máis que nas xerais de 2016. A participación media en todo o Estado queda preto do no 57%, unha caída de 4 puntos con relación ás anteriores xerais e case 6 puntos máis que nas de 2016.
-
VÍDEO | Para non perderse esta noite co baile de escanos durante o escrutinio, así funciona o método d'Hondt para asignalos en función dos votos de cada partido
-
Por cidades galegas, a diferenza de participación con relación ao 28A oscila entre os máis de 6 puntos de caída da Coruña e Lugo e os 3,5 puntos de redución de Ferrol.
-
A participación nestas eleccións xerais cae ata o 31,98% en Galicia ata as dúas da tarde. Son 5 puntos menos que o 28A e 2 puntos menos que nas eleccións xerais de 2016 á mesma hora. A participación media en todo o Estado queda no 38%, unha caída de dous puntos e medio con relación ás anteriores xerais e un punto máis que nas de 2016.
-
O líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, votou en Vigo ás 12.30 horas pedindo unha “alta mobilización” xa que “cantos máis cidadáns participen, máis pleno será o resultado, máis colectiva será a decisión”.
-
O presidente do PPdeG e da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, votou en Vigo ás 12.00 horas cun chamamento á participación e configurar un Goberno central de "desbloqueo" e con capacidade de gobernar.
-
A nivel estatal, os catro principais candidatos votaron xa entre chamamentos á participación.
-
Así votou Galicia o 28 de abril, cunha participación 3 puntos superior á de 2016. O PSOE arrasou nas áreas urbanas e o PP perdeu unhas eleccións en Galicia por primeira vez, perdendo 200.000 votos. Neste gráfico podes consultar as porcentaxes de voto en cada concello.
-
A candidata de En Común-Unidas Podemos por Pontevedra, Yolanda Díaz, votou ás 10.30 horas en Ferrol facendo un chamamento á votación porque “hoxe é un día moi importante para o noso país”.
-
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, votou en Santiago ás 9.30 horas, acompañada polo candidato ao Congreso pola provincia da Coruña, Néstor Rego, dicindo que “con cabreo ou sen cabreo hai que ir votar porque os galegos e as galegas temos que estar e decidir”.
-
María Vilas, candidata de Ciudadanos ao Congreso pola provincia da Coruña, foi unha das primeiras en votar, ás 10.00 horas en Santiago, onde animou a votar a pesar da climatoloxía e deu as grazas a todo o persoal, tanto das administracións como dos partidos, que está a traballar nesta xornada.
-
En Galicia este 10N votan por primeira vez 11.371 mozos e mozas, o 0,5% dos 2,2 millóns de electores totais, ao cumpriren 18 anos desde as eleccións de abril, pero en total haberá 3.193 votantes menos que daquela. O peso da mocidade no electorado foi descendendo nos últimos anos.
-
60.348 electores galegos xa tiveron a opción de votar por correo, un 10% menos que en abril pero igualmente entre as cifras máis altas do que vai de século.
-
A Delegación do Goberno central en Galicia confirma que a votación comezou sen incidentes na inmensa maioría das 3.954 mesas de Galicia. Nunhas poucas nas que non se presentaron todos os membros das mesas ou os suplentes, estas foron completadas polos primeiros electores. Ás 9.29 horas quedou constituída a última, no Couto, en Ourense, que alargará por iso o seu horario ata as 20.29 horas.
-
O tempo irá empeorando a medida que avance este domingo electoral, con chuvias persistentes a partir do mediodía en toda Galicia e neve a partir dos 1.300 metros nas montañas de Lugo e Ourense.
-
Máis de 37 millóns de persoas, 2,2 delas en Galicia, están chamadas dende as 9 da mañá deste domingo a renovar a composición das Cortes Xerais por segunda vez en medio ano. As circunscricións galegas elixen 23 membros do Congreso e 16 do Senado en 3.954 mesas electorais co obxectivo de que os grupos políticos que resulten conformados logren pactar a formación dun Goberno central tras non ser quen de facelo tras os comicios do pasado 28 de abril. Esta foi a distribución de escanos en Galicia en todas as xerais celebradas ata agora.
- Política Ao vivo